López Orozco: «Xamais perdoarei a actitude da xuíza De Lara; acabou coa miña carreira política»

André Siso Zapata
André S. Zapata LUGO / LA VOZ

GALICIA

Orozco, este xoves en Sanxenxo, localidade na que reside na actualidade
Orozco, este xoves en Sanxenxo, localidade na que reside na actualidade Ramón Leiro

Entrevista ao exalcalde, a quen non lle importa o que a maxistrada pense do arquivo do caso Garañón: «Estou encantado de que marchara de Lugo»

07 feb 2021 . Actualizado a las 11:51 h.

Logo de case dez anos de investigación e máis dun lustro como imputado, Xosé Clemente López Orozco, exalcalde socialista de Lugo, foi exculpado pola Audiencia Provincial de Lugo no caso Garañón. Afastado da primeira liña política, e cun día de descanso para repousar as intensas emocións que viviu cando recibiu a noticia do arquivo do caso, Orozco reflexiona desde Sanxenxo, onde reside, sobre o que supuxo a causa, iniciada pola xuíza Pilar de Lara no ano 2009, tanto para el como para o seu partido, o PSdeG.

—Como lle afectou persoalmente a imputación neste caso?

—O primeiro foi asombro. Non me podía crer o que estaba oíndo. Primeiro, porque tiña claro que todo o que fixeramos estaba ben feito, e segundo, porque o procedemento xudicial foi moi confuso desde o comezo. Desde o ano 2010, cando ordenaron paralizar a construción da edificación, empezamos a notar que quizais podía ser o comezo dun caso que nos ía traer problemas. Para empezar, eu teño que recoñecer unha cousa: as obras do Garañón non me gustan nada. Non quería que se edificase aí, pero no Plan Xeral estaba tipificado dunha maneira pola que tiñamos que dar a licenza. Aínda así, dentro do desasosego que causa unha imputación xudicial, moi tranquilo. Eu sabía que fixeramos todo correctamente, aínda que souben desde o principio que a obra era un marrón, digamos.

—Sentiuse apoiado polo seu partido?

—Totalmente. Primeiro, polos meus compañeiros en Lugo. Despois, polo partido a nivel Galicia, con Pachi Vázquez e con Besteiro. E por último, desde Madrid, sobre todo por parte de Alfredo Pérez Rubalcaba, que en paz descanse, e por Elena Valenciano. Ambos chamáronme persoalmente para dicirme: «Pepe, sabemos como es. Tes toda a nosa confianza». Eu sempre lles dixen que se había algo no que eles puideran ter algunha dúbida, que eu deixaría o meu cargo polo ben do partido. Eles dixéronme que nin falar diso, e eu estaba de acordo, posto que nunca quixen dimitir.

—Entón, por que tomou a decisión de dimitir do seu cargo, se sabía que era inocente e gozaba do apoio do partido?

—Porque coñecía perfectamente aos membros do Bloque e de Lugo Novo de entón. Sabía que eran capaces de facer calquera cousa se eu seguía como candidato á alcaldía.

—Vostede dimitiu do cargo pola presión ou por decisión propia?

—A pesar de ter varias imputacións ás miñas costas, eu sempre me sentín totalmente inocente. Porque iso sábeo un mesmo mellor ca ninguén. Eu pensaba que non podía dimitir, porque cría que era unha traizón á defensa da alcaldía. E presenteime ás eleccións do ano 2015 moi convencido, entre outras cousas para defender a miña inocencia. Entón foi cando Lugo Novo e o BNG dixeron que non negociarían connosco se eu me presentaba. Nese momento, os meus compañeiros, que se reuniran con eles, confirmáronme que estaba claro que non me ían apoiar. Entón, se eu me presentaba, eles absteríanse e o PP conseguiría a alcaldía. Por iso decidín apartarme, con moita dor, dese posto: polo ben do Concello de Lugo. De todas formas, quero dicir que este mércores dous membros de Lugo Novo naquel momento chamáronme para pedirme perdón. Ese xesto eu valóroo moito.

—Que cre que foi o primeiro que pensou a xuíza Pilar de Lara cando viu o auto que exculpa ás persoas que ela imputou?

—Sinceramente, non me importa en absoluto. Estou encantado de que marchase de Lugo. Xamais perdoarei a actitude da xuíza, porque ela ten que ser unha profesional e ten que saber distinguir se hai indicios para abrir unha causa deste tipo ou non. Paréceme imperdoable. Non me explico cómo unha persoa así puido estar nun posto xudicial de tanta importancia. É evidente que ela rematou coa carreira política de varias persoas, incluída a miña.

—Debe un político dimitir ao ser imputado?

—Eu penso que non. E lévoo pensando desde hai moitos anos. E tódolos partidos caemos no pasado neste erro. Hai que esperar, mínimo, ata ser xulgado e ver as probas, ou ata unha condena, claro. Aí non hai dúbida.

—Pode volver á primeira liña alguén que estivo máis dun lustro imputado nun caso de corrupción?

—Desde logo, sen ningún problema.

—Gómez Besteiro, que era o líder do PSdeG naquel momento, tamén foi imputado. Tivo que dimitir do cargo pola investigación do Garañón e agora queda tamén exculpado. Cre que aínda ten recorrido político?

—Seguro que si. Cando saíu imputado, o primeiro que pensei foi que alguén quería acabar coa súa carreira política. Iso si, estráñame que non saíse aínda a facer declaracións.

—Vostede apoiaría a Besteiro no caso de que optase de novo a líder o PSdeG?

—Prefiro esperar a que el tome unha decisión para dar unha reposta a esta pregunta.