Suso Díaz: «Aos sindicalistas maltrátannos»

O histórico dirixente de CC.OO. e pai da ministra de Traballo posúe unha colección de varios miles de vinilos


Suso Díaz (Ferrol, 1944) é deses que non paran nunca. Lonxe xa dos anos máis duros da loita sindical, atopou outras causas nas que participar mentres observa sen intervir moito a traxectoria da súa filla, ministra de Traballo.

-Fixen unha busca apresurada en Internet e case todas as páxinas que atopei relacionadas con vostede estaban dedicadas a súa filla.

-[Ri] Vese que ninguén me quere meter na Wikipedia. Eu dígoo de broma, pero aos sindicalistas maltrátannos. Sempre son os políticos a quen destacan, pero aos sindicalistas, que foron moitos máis, non se lles dá a relevancia que se lles dá aos políticos.

-A verdade é que os sindicalistas non teñen moi boa prensa. Convocan unha folga e o eco é pequeno.

-As cousas cambiaron moitísimo. Nos meus tempos, a inmensa maioría dos traballadores tiñan un contrato fixo. Hoxe, a inmensa maioría teñen contratos temporais e as posibilidades de participar, de acudir á folga, redúcense. Antes, a capacidade de mobilización do sindicalismo era superior.

-Eu referíame máis ben á opinión que ten a xente do sindicalista.

-Houbo unha campaña tremenda contra o sindicalismo. E iso tivo un efecto. E se por riba algunha vez aparece un sindicalista metido nun problema de corrupción, pois ten un eco tremendo. Cando sindicalistas hai miles e miles.

-Que fai agora vostede?

-Milito en Esquerda Unida, no Partido Comunista, son directivo da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica e estou en SOS Sanidade Pública da Coruña, tamén. Sígome divertindo. Acudo a canta manifestación hai. Non nestes tempos de pandemia, porque xa estou en idade de coidarme. Non quero meterme na casa. Quero estar activo e vivir o que sucede na sociedade.

-Que tal ve a súa filla? Faino ben?

-Esta mal que o diga eu, pero creo que todos recoñecen que está facendo un bo traballo. Eu tamén o creo. O que pasa é que agora vai entrar nos temas da precariedade, que é unha tolemia, a reforma laboral... Ata agora houbo acordos, pero agora vai ser máis difícil.

-Dos ministros de Podemos é a que sae mellor parada.

-Yolanda fixo unha cousa ben, que xa o fixo cando era tenente alcalde de Ferrol, que é capaz de formar equipos de traballo. No ministerio ten un equipazo de primeira división. Iso é o que a axuda a facer o que está facendo.

-Dálle consellos?

-Falamos [ri]. Algo lle digo. Procuro non falar moito, ademais está facéndoo ben. Así que non a martirizo. Ela ten as ideas claras e estou seguro de que o que vai facer vaille gustar aos sindicatos e aos traballadores.

-Vostede viviu a loita antes da Transición.

-A primeira vez que entrei en Comisións foi no 1968. Daquela non había manifestacións, pero si o que chamabamos os comandos que montaban un pequeno barullo e logo corrías costa arriba diante dos grises. Pero eramos mozos e corriamos ben. No 72 fun ao cárcere porque me puxeron unha multa de 165.000 pesetas (1.000 euros) e non a quixen pagar.

-Era unha loita cunha aposta moi importante.

-Eramos conscientes de que nos podían coller en calquera momento. Petábanche na casa as catro da mañá e ías detido. Alguén tiña que facer aquelas cousas. Ademais, daquela os políticos podían ser clandestinos, pero os sindicalistas non.

-Valeu a pena, non?

-Loitabamos para mellorar as condicións de vida dos traballadores e para conseguir a democracia. A democracia está aí. E as condicións de traballo melloraron moitísimo. O problema é que nos 80 entrou o neoliberalismo que deteriorou as condicións de vida dos traballadores.

-Ferrol foi empobrecéndose. Dálle pena?

-O comportamento dos gobernos de España e da Xunta foi inadecuado totalmente con Ferrol. Non se pode deixar que unha cidade cunha tradición industrial tan importante vaia amortecendo. Falouse de reconversión, pero reconverter non é pechar. Agora ben, Astano segue en pé. Debe ser unha das poucas empresas da reconversión dos 80 que aínda segue aberta. E estao pola loita dos traballadores. Pero é verdade que Ferrol era unha cidade alegre e agora é unha cidade triste.

-Celta ou Dépor?

-Deportivo. E sendo de Ferrol, que había máis xente do Celta. O meu cuñado era presidente da peña deportivista de Ferrol e por esa relación fun do Deportivo.

-Defínase en poucas palabras.

-Procuro ser leal e comprometido con todo o que fago.

-Como definiría a Galicia? En poucas palabras tamén.

-Un país con moitas posibilidades, lamentablemente inexplotadas. Un país encantador. A min quixéronme levar para Madrid e non quixen. Para min Galicia xa é bastante grande.

-Que tal cociña?

-Normal. Fago cousas sinxelas. E cociño bastante, que a miña moza traballa e cociño eu. As cousas máis complicadas fainas ela ou a miña sogra, que o fai moi ben.

-Que lle gusta facer para entreterse?

-Viaxar. Vou moito a Portugal, a Lisboa, Porto, Braga... Tamén son afeccionado á música; gústame moito o jazz e viaxei a Niza, San Sebastián, Vitoria. Compro só vinilos.

-Cantos ten?

-Uf, non sei. Varios miles.

-Todos de jazz?

-Non, teño de todo: clásica, rock, salsa... Eu na música só distingo a boa e a mala..

-Dígame unha canción logo.

-Como xa sabía que me ía preguntar teño dous: Strange Fruit de Billie Holliday, que é unha das cancións que máis me gusta. É tremenda e ten que ver cos fascistas do Ku Kux Klan que mataron uns rapaces en Alabama. E de Rubén Blades, Desapariciones, que se refire aos desaparecidos na ditadura de Videla en Arxentina. É unha canción que tamén me pon os pelos de punta cando a escoito.

-Que é o máis importante na vida?

-Ser leal a toda a xente, non so aos teus. E procurar non meterse con ninguén.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
14 votos
Comentarios

Suso Díaz: «Aos sindicalistas maltrátannos»