Manolo Romón: «Eu creo que xa me xubilaron»

GALICIA

Romon fotografado na terraza do Centro Comercial Camelias de Vigo
Romon fotografado na terraza do Centro Comercial Camelias de Vigo XOAN CARLOS GIL

Logo de dúas décadas asomando ás casas dos galegos a través de distintos espazos televisivos, o poeta, presentador e actor vigués toma agora as cousas con máis calma, mentres goza sen présas do cine, a música e os libros

14 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Tende Manolo Romón (Vigo, 1956) a minguar a súa traxectoria mentres se fala con el. «Que son? Non sei, comigo podes abrir paréntese e pechar paréntese. Que fixen? Pois cousas diversas. Cantei, pero moi pouco tempo. O meu circunscríbese á literatura e á tele, pero tampouco é que teña moita traxectoria televisiva...», di. Pero ao ir debullando o seu currículo, decátase, por exemplo, de que esa traxectoria na pequena pantalla non é tan anecdótica. Entre presentar concursos, participar no Clube Xabarín -do que non entende que teña sido arrombado a mínimos de programación-, conducir o programa Libro Aberto e formar parte do elenco dunha serie emitida pola TVG durante máis de 22 temporadas, os seus devaneos coa tele duraron dúas décadas, aínda que agora estea afastado desas lides. «Eu creo que xa me xubilaron, será que estou ás portas da xubilación real...», comenta.

Máis presente na súa vida segue a literatura, aínda que recoñece que publica practicamente «de década en década». Comezou a facelo a finais dos anos setenta, nas obras do Grupo Rompente, un colectivo poético nacido en Vigo en 1975, do que tamén formaban parte uns daquela novísimos Antón Reixa ou Alberto Avendaño.

O grupo desfíxose en 1983. Romón seguiu escribindo. O seu último libro, Poesía Barata, publicouno no 2006. «Vai tocando publicar algo, si», chancea. E revela que é moi posible que volva ser baixo o signo de Rompente. Os seus membros xuntáronse para un recital a finais do ano 2019, e xurdiu a maxia. «Foi curioso, sentarnos outra vez e ter a sensación de que non o deixaramos durante 36 anos. Unha sorpresa, como eses grupos de rock que volven», conta entre risas. Tan cómodos se sentiron que teñen previsto dar novos recitais este ano. «E cabe a posibilidade bastante certa de que saquemos algunha publicación», confesa.

Das súas experiencias tanto no ámbito literario como no audiovisual, Romón di que sacou moitas aprendizaxes, pero tamén moitas amizades. «A xente di moito iso de ‘‘Eu cando vou traballar non vou facer amigos’’. Pois eu si! Basicamente o que trato de facer son amigos», conta vitalista. Eses amigos son o que máis bota de menos por culpa da pandemia. Polo demais, ten material abondo para encher o tempo na casa con moito cinema, moita música e moitos libros. «O que fixen sempre, pero agora con máis tempo e máis organizado», di.

Á espera do que pase neste ano, no que celebrará o seu 35 aniversario de voda, foxe de considerar o 2020 como un ano perdido. «Cando penso en ano perdido, penso na xente de Gaza, Afganistán, Libia... Nós pasamos un ano fatídico, pero hai que incorporalo como unha experiencia na vida».

CESAR QUIAN

Fun

Membro do Grupo Rompente, presentador, actor e guionista

XOAN CARLOS GIL

Son

Un «case xubilado» que segue a escribir e prepara novos recitais de poesía