
Tras 25 anos de carreira musical, a exvocalista de Luar na Lubre reaparece cun novo disco, «Nómade», un pequeno oasis no que repousar ata que aparezan novas inquedanzas musicais
10 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.O camiño para Rosa Cedrón (Monforte de Lemos, 1972) estivo claro dende o principio: a música brotaba en cada esquina. Cada mañá, ao espertar na casa dos seus avós, o seu tío Fran xa estaba na sala coa guitarra e o equipo de música prendido. Foi precisamente el quen lle mostrou por primeira vez a música de Mike Oldfield, co que logo compartiría escenario e colaboraría con tan só 23 anos. E o amor que sente polos instrumentos de corda é obra do seu avó e da súa nai. Nunca houbo dúbidas: o seu destino estaba unido ao da música. «Empezar neste mundiño e verme de súpeto gravando na casa de Mike Oldfield foi alucinante», recorda. Aí comezou tamén a súa aventura como vocalista de Luar na Lubre, grupo do que formaría parte durante nove anos. Pero comezaron as inquedanzas: «Sentía que non estaba a facer todo o que quería. Cheguei a un punto de desmotivación persoal. Faltábame emoción».
A necesidade que Rosa Cedrón sentía de expresarse por si mesma entraba en conflito coa exclusividade que lle reclamaba o proxecto no que se atopaba. Así que tomou a decisión de abandonar o grupo e comezar unha carreira en solitario. «Sempre fun de notar cando un ciclo está chegando á súa fin. Na vida xorden períodos de procura e revolución, e hai que prepararse para abrir outras portas». Pero os primeiros anos en solitario foron moi duros.
Ese afán de procura constante levouna a emprender outro camiño para atopar, de novo, a luz. Iso representa Nómade, o seu último traballo que presentará a principios do próximo ano. «Nómade é unha especie de viaxe dende a escuridade. Cando non sabes moi ben cal é o teu sitio e non estás cómodo. As nosas almas son nómades», explica. Unha luz que finalmente acadou e que se presenta como un pequeno oasis no que descansar unha longa temporada.
Con Nómade, Rosa Cedrón celebrará 25 anos de carreira que culminan nun traballo marcado por anos moi intensos a nivel persoal e profesional. «Fáltame xente que xa non está comigo. Todo inflúe. Evolucionamos e as novas emocións que aparecen cámbiannos», indica. O lanzamento do novo disco dependerá do contexto sanitario de principios de ano, pero Cedrón ten moi claro —tanto como que o seu camiño iría sempre da man da música— que preparará a xira en canto as circunstancias o permitan. «Son un becho de escenario. Estou rabeando por volver a subirme nel», comenta.
Á Rosa do futuro, cando as inquedanzas volten, Cedrón diríalle: «Tía, ten resistencia, que ata nos peores momentos seguiches adiante». Porque canto máis acusada sexa a caída —explica—, máis oportunidades se presentarán. «Hai moitos momentos duros superados, e tan só son formas de abrir novos camiños. Ata hoxe, cos pés sempre na terra», continúa.