Román Rodríguez: «Traballamos para acabar coa semipresencialidade en bacharelato»

Sara Carreira Piñeiro
Sara Carreira SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Román Rodríguez, conselleiro de Educación
Román Rodríguez, conselleiro de Educación Sandra Alonso

O conselleiro de Educación analiza o arranque do curso: «A escola non só é un lugar seguro senón que serve de detección precoz»

18 oct 2020 . Actualizado a las 18:36 h.

Román Rodríguez (Lalín, 1968) afronta unha particular auditoría sobre o inicio de curso máis caótico. E faino cun certo optimismo apoiado en tres piares: non foi responsable da carteira ata setembro; culpa á ministra do ramo por ditar en agosto os 1,5 metros de separación nas aulas de secundaria (que trouxo a meirande parte dos problemas); e dende a súa chegada non fixo máis que apagar lumes. Superada a primeira fase e cunha tendencia á normalidade nas aulas, agora lle queda o máis difícil, demostrar que ten un proxecto para superar a crise e encamiñar á educación galega á excelencia, unha batalla anterior ao covid.

—¿Os colexios son entón lugares seguros?

—Son un exemplo de que cando as cousas se fan con rigor e boa planificación, dan resultados. En Galicia cada día 450.000 persoas entran e saen da escola, e nos últimos días temos un acumulado de 450 infectados, que é o 0,1 % da poboación afectada, e hai 25 aulas pechadas dun total de 18.000.

—Non está claro cal é o protocolo para o peche das aulas.

—Non hai dous colexios iguais, e non hai unha norma igual para todos. É Sanidade a que establece as medidas segundo os factores que analiza, valorando o risco de contaxio. Semella que o fan ben, porque practicamente o cen por cen se contaxiaron fóra da escola. A escola non só é un lugar seguro senón que serve de detección precoz.

—Grande parte da comunidade educativa non coincidirá co conselleiro cando di que as cousas se fixeron con boa planificación.

—O día 28 de agosto cambiaron o marco de traballo, pero en Galicia tiñamos preparada a planificación do curso.

—O protocolo que a consellería publicou en xullo foi moi criticado por establecer un metro de distancia entre alumnos. En xuño, o acordo da conferencia sectorial [Ministerio e comunidades] firmado tamén por Galicia falaba dunha distancia de 1,5 metros entre alumnos sentados despois de 4.º de primaria.

—O 1,5 metros era sen máscara, e senón, era un metro e máscara. Esa distancia estaba avalada pola OMS. Ese foi o protocolo galego e os equipos directivos traballaron neses parámetros.

—Xa entonces as organizacións sindicais dicían que era insuficiente para garantir a seguridade.

—Galicia non foi a única comunidade que o adoptou, e non digo que a medida [o do 1,5 metros de distancia] sexa mala, seica foi mellor así a medio prazo; se o do metro e medio se soubera en xuño, se tería feito. Porque cando se tomou a decisión, implementouse, e foi cando deu problemas en toda España.

—A Administración, así, en xeral, estivo á altura?

—Iso podía ser relativo. E dentro da Administración hai que parcelar a responsabilidade da Administración. 

—As competencias en Educación están transferidas. Que pasaría se o ministerio obrigara ás comunidades a facer algo? País Vasco e Cataluña porían o grito no ceo!

—Vaia! Eses mesmos son os que pactan co Goberno central os presupostos.

—Agora mesmo semella que o maior problema para Galicia é a semipresencialidade, sobre todo en bacharelato. Hai que ter en conta que a selectividade esixe por igual a todos os alumnos.

—En Galicia a educación é presencial en toda a etapa obrigatoria e só se contempla a semipresencialidade na posobligatoria (bacharelato e FP). Pero nesas etapas a presencialidade tamén é o normal en practicamente todos os centros, e en moitas comunidades a semipresencialidade empeza en segundo ou terceiro da ESO. Nós temos 1.300 centros non universitarios e estamos a falar dun grupo moi pequeno [nunca pasou de 20 centros, aínda que houbo cifras oficiais] e ademais, estamos a traballar para que esa semipresencialidade sexa nula.

Sandra Alonso

—Cantos centros teñen hoxe semipresencialidade?

—Agora mesmo [a entrevista tivo lugar no mediodía do venres] estamos traballando cos responsables de varios institutos para acabar coa semipresencialidade. [Poucos minutos despois desta charla, o IES Sánchez Cantón de Pontevedra anunciaba ás familias que non habería semipresencialidade].

—O Antón Fraguas de Santiago tiña aulas baleiras e semipresencialidade...

—Un aula baleira non quere dicir nada, porque tamén hai tamaños, horarios, materias e profesores. Nós temos que xestionar ben os recursos que temos, é a nosa responsabilidade cos cartos públicos. O noso obxectivo e que esta medida de docencia mixta tenda a cero, e para iso a Inspección ten que avaliar as posibilidades.

—Se isto se fixera en xuño, habería tempo de sobra.

—En xuño non eran 1,5 metros de distancia entre alumnos. Había outro marco.

—A Inspección foi criticada durante o confinamento, porque hai unha parte do seu traballo, que é aportar solucións, que algúns profesores botaron en falta. Este é un bo momento para facer unha reforma da Inspección, que moita xente ve urxente?

—A Inspección fixo un esforzo notable no confinamento, pero xestiona o marco normativo e no confinamento non foi posible facer algo contra ese marco; hai que recordar tamén que parte da súa función é precisamente controlar o sistema. A Inspección é a clave de bóveda do sistema, ten que adaptarse constantemente aos cambios, é relevante, básica, fundamental. Hai que mimala, para que estea na vangarda na educación. Claro que non é perfecta e seguramente poderemos introducir melloras.

 —Esta pandemia pon sobre a mesa a desigualdade educativa de moitos xeitos. Estes días o instituto de A Laracha tivo que facer confinamento nunhas aulas e varios alumnos non tiñan dispositivos na casa. Hai equipos suficientes para todos os nenos que os necesiten?

—Agora mesmo hai 1.600 equipos disponibles de xeito inmediato, e xa está en contratación a entrega doutros 2.000. Para fin de ano haberá uns 17.000 dispositivos con wifi para préstamo o cesión. Pero non están parados nos centros. Cando xurde algo puntual, a dirección avisa á Xunta [o reparto corre a cargo de Amtega] e mobilízanse os recursos. Poden tardar un par de días.

—Outro piar da equidade galega nesta crise é o programa ARCO [un segundo profesor acompaña ao titular nas aulas e colexios con más repetidores ou rapaces de contornas desfavorables]. Pensa o conselleiro estender esta figura todo o curso no futuro?

—Este curso xa está estendido [habitualmente comezan en xaneiro e agora o fixeron en setembro] e contratamos 460 para primaria e 488 para a ESO. Galicia é a comunidade máis equitativa de España porque pensamos que ninguén pode quedar atrás, e iso demóstrase con datos estatais e internacionais. E o programa ARCO é importante, porque supón o reforzo dos estudantes máis vulnerables para garantir a igualdade de oportunidades. A súa ampliación a setembro noutros anos? Irémolo vendo, pero penso que non hai medidas xerais, cada colexio é diferente.

«España non pode ser un país de aprobado xeral»

—Tamén na desigualdade están as repeticións. Vostede non está a favor do decreto do Ministerio de Educación para flexibilizar a avaliación este ano, coma se fixo en xuño.

—Nós non coincidimos en absoluto coa medida do ministerio. O decreto do aprobado xeral podíase entender o curso pasado, pero non este, non cando o Goberno central defende a educación presencial: isto é contraditorio. Tamén vai contra os valores básicos da educación, que son o esforzo e a responsabilidade. España non pode ser un país de aprobado xeral, e este decreto pode facer moito dano.

—Por que?

—Porque posibilita que cada comunidade autónoma teña criterios diferentes para a titulación, non existe un marco común no aprendizaxe dos alumnos. E ademais supón unha desmotivación para o esforzo, e fomenta a desigualdade das persoas.

—É mellor repetir? Porque os estudos internacionais din que repetir non ten unha parte positiva e só repiten [estatisticamente] os alumnos desfavorecidos.

—É difícil decilo dun xeito absoluto. Pero na repetición hai unha responsabilidade dos alumnos, dos profesores, da familia...

—Repetir sen axuda extra ao ano seguinte acaba en abandono escolar.

—Para iso temos os programas de reforzo en Galicia, e agora melloramos ARCO. Se hai un problema hai que actuar nel, pero o aprobado xeral non o resolve.

—Volvendo á pandemia, nas últimas semanas, hai varias ANPA que mercaron filtros para axudar a mellorar o aire nas aulas. Pensa Educación neste sistema como reforzo para evitar contaxios?

—Nós apostamos claramente pola ventilación e estamos traballando para adecuala a cada caso. Levarémolo ao vindeiro comité educativo e, a partir de aí, imos ver as propostas que teñen aval sanitario para implantalas. Os filtros non é algo que agora mesmo se estea pensando en colocar.

—Como gasta Educación os fondos covid?

—A Galicia correspondéronlle 93 millóns de euros, pero 12 vanse para Política Social, que se encarga das escolas infantís. Nós temos 81 e sumamos outros tantos millóns galegos para estes fondos, un total de 162 millóns. Deses, 94 millóns van para recursos humanos (1.350 docentes para desdobres e incremento da oferta), e non só profesores; pero tamén temos 43,5 millóns para equipamento e 25 para servizos. Un fondo de garantía para os centros educativos.

«As compras dun colexio fan unha distribución territorial dos cartos»

—Este fondo é para a compra de material hixiénico. É mellor que sexan os centros os que merquen o material anticovid? Teñen que adiantar os cartos?

—Non, os cartos os repartimos nós agora, está a Inspección facendo os cálculos de cada centro. O da compra centralizada, pensamos que era mellor non facela por dous motivos: o proceso é máis áxil así, porque non ten que saír a concurso, que iso ten uns prazos; e sobre todo porque se nós compramos un millón de máscaras chega unha oferta de alguén que trae un avión de China, e xa está. Deste xeito, as compras dun colexio fan unha distribución territorial dos cartos, axudan a pequenos proveedores, á farmacia do pobo... Saen algo máis caras as máscaras? Pode ser.

—Este arranque do curso é tan raro, que ata temos un par de sucesos sorprendentes que por sorte non tiveron consecuencias graves para os rapaces: o olvido dun neno de catro anos nun bus escolar e a «fuxida» dunha nena de tres anos dun colexio por ter as portas abertas.

—Hai 350.000 estudantes, e sempre pasan cosas. O noso deber é facer o posible para evitar que se produzan accidentes, e actuar cando suceden. Para iso está a Inspección. No caso de Narón abríronse dilixencias e xa veremos ao que conduce; esta consellería non vai interferir na labor da Inspección.

—Finalmente, hai que falar dos universitarios. Ten boa calidade a docencia galega neste complicado contexto?

—As universidades desenvolven o seu protocolo; a todos nos gustaría máis presencialidade, pero nun laboratorio entran os que entran e hai que adaptarse. En calquera caso, debe haber un vínculo entre alumno e profesor, e de no cumprirse de seguro que interveñen os equipos decanais, pero hai que recordar que as universidades actúan con total autonomía.

—E o nivel de contaxios entre os mozos?

—As facultades, coma o resto de centros de ensino, son lugares seguros, e nós temos que diferenciar entre a actividades dos estudantes nos centros e fóra. Os altos índices de contaxios doutros lugares están vinculados a súa vida social. Non hai que criminalizar aos universitarios, pero hai que pedirlles responsabilidade, que son maiores de idade.