Dani Mallo, exfutbolista: «Nunca pensei meterme en política»

GALICIA

Mallo posa na base de mar de Cruz Vermella, onde é voluntario
Mallo posa na base de mar de Cruz Vermella, onde é voluntario CESAR QUIAN

O que fora porteiro do Deportivo e do Lugo xoga agora noutras ligas: a política local, como concelleiro en Cambre, e o salvamento marítimo, como voluntario da Cruz Vermella, son dúas das actividades que enchen o tempo que lle deixan os seus tres fillos

15 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Deixar o fútbol e facerse comentarista é algo relativamente habitual. Pasar do céspede aos banquiños, tamén. O que non é tan habitual é cambiar os estadios por un despacho municipal. Mais Dani Mallo (A Coruña, 1979) fíxoo. Flamante porteiro do Deportivo e do Lugo, entre outros equipos, colgou os guantes no ano 2017, e no 2019 volvía fichar, desta volta por un partido local, Unión por Cambre (UXC). «Nunca pensei en meterme en política, pero propuxéronme colaborar e pensei que sería bo axudar aos veciños de Cambre, devolverlles o cariño que sempre me deron, porque se di que ninguén é profeta na súa terra, pero eu nunca o sentín así», explica. Así que dende hai máis dun ano, Mallo está á fronte do departamento de Cultura, Deporte e Xuventude da localidade na que reside cos seus tres fillos e a súa muller. «No local, a política é máis persoal, en ámbitos autonómicos ou estatais será máis complicado, pero aquí gústame a proximidade coas persoas, poder explicarlle á xente por que podes ou non podes facer o que che piden», argumenta o exporteiro. No outro lado da balanza, no negativo, coloca o non poder atender todas as peticións e a cantidade inxente de burocracia: «Ten que ser así para ter todo controlado e fiscalizado, pero para min é o máis duro», recoñece.

«Gústame a proximidade coas persoas, poder explicarlle á xente por qué podes ou non podes facer o que che piden»

Meterse a concelleiro non foi o único xiro na súa vida dende a retirada deportiva. A súa muller é voluntaria da Cruz Vermella, e animouno a seguir os seus pasos. Había nese momento unha vacante na base de mar, nos servizos de salvamento, e alí acabou. «Nunca o pensara, porque nunca fun unha persoa moi relacionada co mar, pero propuxéronmo e namoreime do mar dende o primeiro momento, quedei prendado da base e dos excepcionais compañeiros, e ademais podes axudar a xente que está traballando a diario nun medio hostil», conta. Ata o momento participou nalgunha manobra de remolque e en atención a problemas mecánicos, pero mantense en forma para o que se poida precisar. «Hai que ter un mínimo de forma física e de preparación. Non é que estea como cando xogaba ao fútbol, pero intento manterme o mellor posible e non me custa, xa estou acostumado a unha vida saudable», engade.

Durante o confinamento, tamén exerceu de voluntario de apoio ante o covid, facendo por exemplo a compra a algúns dos seus veciños. Agora, no que denomina «nova anormalidade» batalla coas súas propias complicacións, como o traballo multiplicado no Concello polos novos protocolos ou a máis complicada que nunca volta ao cole dos seus tres pequenos.

«Meu avó levoume a Riazor por primeira vez»

Ao fútbol tamén segue vencellado. É delegado da Asociación de Futbolistas Españoles (AFE), e tamén colabora como comentarista deportivo. De feito, agora ve o fútbol con lápis e papel: «Agora fíxome en cousas que antes non, intento analizar por que fan un movemento ou outro...», di. Tamén está a sacar o título de adestrador principal, e xa ten o de preparador de porteiros, labor na que colaboraba a tempada pasada nas categorías inferiores do Deportivo, e que non lle importaría retomar este ano. I é que o clube coruñés segue a ser o clube dos seus amores -«meu avó levoume a Riazor por primeira vez», lembra-, para o que pide apoio no seu ano máis difícil: «Será moi complicado, a categoría é moi dura. É o momento de que todos esteamos co Dépor nos seus momentos máis duros», defende.

Dani Mallo nun entreno de pretemporada co Deportivo no ano 2001
Dani Mallo nun entreno de pretemporada co Deportivo no ano 2001 CESAR QUIAN

Fun

Porteiro de fútbol profesional

Dani Mallo é concelleiro en Cambre
Dani Mallo é concelleiro en Cambre CESAR QUIAN

Son

Concelleiro, voluntario da base de mar de Cruz Roja, delegado da AFE e comentarista