Uns coñecerano por ter sido patrón maior de Corme. Outros recordarano polos seus traballos como actor. Haberá quen teña un libro seu na biblioteca. E é que Suso Lista ten moitas caras
08 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.
Cando a finais dos noventa o rostro de Suso Lista (Corme, 1962) se fixo familiar entre os galegos por ser un dos percebeiros que habitaban o Portozás da serie Mareas Vivas, el xa percorrera moito mundo. Aos 16 anos embarcou na mariña mercante. «Sacaba boas notas, pero non tiña un peso, e en Corme todo o mundo se metía na mercante, a meu pai non lle fixo gracia, pero as miñas decisións sempre as tomo eu, unhas veces acertei, outras equivoqueime, pero non me arrepinto de nada», rememora. Con 25 anos regresou a Corme para gañar a vida co percebe. «Decidín gañar menos, pero traballar na miña terra, que iso non hai soldo que o pague», explica.
Chegou a ser patrón maior, pero sufriu un cancro, e agora é pensionista. Claro que etiquetar a Lista cunha profesión ou estado é complicado. «Que son? Eu son Suso Lista», responde. É quizáis a única definición posible, porque un título non pode englobar todas as cousas ás que se dedica ou se dedicou este cormelán. Ten publicados tres libros de relatos. Varias exposicións de fotografía. Un blogue. Escribe poesía e leva un programa de radio. Protagonizou ou guionizou curtas, documentais e mesmo unha serie web, aquela Para mariñeiros, nós, que logo foi emitida en Vtelevisión. E a cantidade de iniciativas culturais e sociais nas que se ten embarcado non cabería nesta páxina. «Sempre pensei que a vida é moi curta, así que procuro facer as cousas que me gustan, cantas máis, mellor, non me gusta encasillarme e facer unha cousa durante toda a vida, iso paréceme unha escravitude», xustifica.
«Facer unha cousa durante toda a vida paréceme unha escravitude»
Por iso, está a barruntar deixar de escribir: «Xa case é un deber, agora como son escritor, teño que escribir, e a min esas cousas non me van», di. Non obstante, o vindeiro Nadal ten previsto publicar a súa primeira novela, que asegura que será «moi divertida e gamberra». Polas mesmas datas baralla sacar a terceira colección de fotografías Arte Natural Efémera. Máis preto no calendario, o 24 de outubro, participará en Lugo nunha xornada sobre o humor na literatura tradicional oral.