Damián Álvarez Tajes: «Non me considero tan guapo»

O modelo deixa Vimianzo para retomar os traballos de modelaxe que o covid-19 paralizou

Damián nos Penedos de Pasarela, en Vimianzo
Damián nos Penedos de Pasarela, en Vimianzo

Damián Álvarez Tajes (Delémont-Suiza, 1992) abandonou esta fin de semana a súa Pasarela (Calo-Vimianzo) querida para volver ás pasarelas de Milán e retomar a actividade que o coronavirus lle fixo parar. Este delineante e topógrafo de ollos verdes e 1,87 deixou hai catro anos o traballo en Ferrovial pola modelaxe e foi escollido para ser a imaxe de firmas como Guess, Versace, Armani, Dolce&Gabanna, Versali, Lamborghini ou Stradivarius. Chegou a este mundo porque unha amiga súa enviou unha foto a unha axencia, e dende entón percorre o mundo para posar ou desfilar.

-Trastocoulle moitos plans o coronavirus?

-Bastantes. Tiña traballo programado ata maio e caeu todo. Dicían que se adiaba, pero seguramente non se faga ata o ano que vén. Quedei en Vimianzo, porque tiña moitas ganas de estar en Galicia. Aproveitei para lanzar outros proxectos que tiña en mente. Así que me veu ben. Non me lamento.

-Acaba de chegar de Exipto. Que foi facer?

-Unha campaña publicitaria. Fomos facer unhas fotos da colección de inverno de The Concrete. Un pouco quente, porque estabamos a 37 graos e tocou exteriores, pero encantado. Non todos os traballos son perfectos.

-Nas redes sociais víaselle gozando das pirámides.

-Si, pero en realidade, o traballo tivémolo que facer nunhas cortes moi grandes, inmensas, tan grandes coma Vimianzo. Incrible, porque había que moverse en coche entre unha localización e outra. Son propiedade dun irmán de Bin Laden. Eran moi bonitas, con moitos cabalos, de moitas razas. Comín dátiles frescos, que nunca os probara.

-Non é todo, logo, desfilar e posar.

-Unha das cousas polo que me gusta a moda é, precisamente, por iso. Este tipo de experiencias, aprender doutras culturas, poder viaxar, un pode crecer interiormente vendo outros costumes, que hai moitas maneiras de vivir, e moitas formas de aprender. Tamén me gusta probar diferentes comidas, aínda sabendo que nós temos algo moi bo.

-A que debe o seu éxito?

-Hai moitos aspectos que contan, como o humor, a forma de expresarse un. Nun cásting vente durante cinco minutos, xa que logo, hai que dar unha impresión nesa fracción de tempo para que te escollan. O idioma é un plus. A beleza é relativa.

-Daquela, non todo é pantalla.

-Exacto. O que pasa é que co coronavirus fanse menos castings presenciais.

- O feito de nacer na emigración foi enriquecedor para vostede?

-Creo que si. Axudoume moito. O feito de ter nacido na Suíza e de criarme con outra cultura, ter tres idiomas dende o principio, galego, español e francés, axudoume bastante. Ao vir para Galicia tiven que afacerme a un sistema educativo diferente, pero tamén iso me fixo crecer.

-Ata que punto un modelo é escravo da súa figura?

-O da escravitude é un mito. O máis importante é como un leve as cousas. Non todo o mundo é perfecto. Todos temos cousas boas e cousas non tan boas. O caso é saber aproveitalas e sacarlles partido.

-Vostede é unha persoa moi deportista.

-Sempre me gustou moito o deporte. O que si é certo é que a modelaxe obrígame a facer un tipo de exercicio físico que acentúe menos os músculos, para non estar tan ancho.

-Que tipo de exercicio?

-Correr. Agora gústame máis. Xoguei ao fútbol, pero magoábame moito. Logo fixen kick-boxing e surf (en Sudáfrica). Sempre me gustou moito a bicicleta. Cando podo fago estes deportes, pero cando empecei na moda, gustábame a ximnasia e estaba moi ancho, con moito músculo e pedíronme baixar tallas. Ao botarme a correr fun coñecendo xente, incluso da selección, e ademais é o que máis se adapta á miña situación. Ao andar sempre viaxando só teño que levar unhas zapatillas e un pantalón e podo practicalo en todas partes.

-E como leva o da dieta?

-Nunca sufrín nada porque tamén teño as cousas moi claras. Como empecei neste mundo xa con 24 anos, non tomei nada como unha obriga. Se ti non queres, ninguén che obriga a nada. Nunca pasei fame. Gústame moito comer e compénsoo con correr. Ademais son de boa boca.

-Coñece a canción de Los Inhumanos de Me duele la cara de ser tan guapo? Pásalle a vostede?

-(Rise). Si, si, xa a escoitei. A beleza é relativa. Ao longo da historia o concepto de fermosura foi cambiando. Na Idade Media, ser peludo e gordo era ser guapo. Agora mesmo é todo o contrario.

-Pero dóelle a cara ou non?

-A min non me doe nada. Non me considero tan guapo. Incluso estou nun traballo que non pensaba facer. Estudei delineación e topografía e traballaba niso. Isto chegou de pronto e estou feliz, sobre todo polo que leva consigo de viaxar e coñecer outras culturas e aproveitar este traballo, que eu sei que é para poucos anos. Non é para toda a vida. Sempre se hai que reciclar.

Damián ÁLvarez: Afortunado de ser da Costa da Morte

DAMIÁN ÁLVAREZ TAJES

EN PRIMEIRA PERSOA | «A pesar de todos os lugares que vin, o sitio no que máis a gusto estou é aquí. Vouvos contar por que. Temos unha calidade de vida excepcional», escribe o modelo internacional de Pasarela, Vimianzo

Esta semana, xusto no momento no que empezaba o meu adestramento de running, recibín unha chamada dun número descoñecido, polo que respondín intrigado de saber quen sería... Resulta que se trataba de Xosé Ameixeiras da Voz de Galicia! O motivo da súa chamada era propoñerme escribir un artigo que sería publicado esta fin de semana. Aceptei o desafío sen dúbida. A pesar de saber que a redacción non é una das miñas mellores aptitudes, había un tema que me motivaba contarvos, algo que aprendín na miña experiencia. Para iso, empezo relatándovos como se desenvolveu a miña vida ata agora.

Seguir leyendo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Damián Álvarez Tajes: «Non me considero tan guapo»