Pancho Casal: «Aínda que estamos nas antípodas, sinto respecto polo señor Feijoo»

GALICIA

Sandra Alonso

En plena disolución de En Marea, Casal fai balance do fracaso político: «Non soubemos entender que tiñamos o voto prestado»

28 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Sen anestesia nin eufemismos. Así valora Pancho Casal (A Coruña, 1955) o batacazo político de En Marea en pleno proceso de disolución. «Creo que non existe un antecedente, xa non digo a nivel España senón internacional, dunha forza que en catro anos pase de ser líder da oposición á irrelevancia», sentencia. Con todo, non renuncia a seguir botando unha man de cara a unha nova alternativa, pero non volvería á primeira liña: «Eu son de estudar e desenvolver un proxecto, iso fágoo ben. Xa a manobra política non se me dá tan ben»».

—Como se sente neste fin de ciclo?

—Estou satisfeito de como foi o plenario, porque aínda que sempre hai tensións, resquemores do que se fixo mal, do que se podería facer e non se fixo, ao final chegouse a un consenso. Evidentemente, a sensación de febleza é moi forte. É unha dobre situación, por unha parte de mágoa pola oportunidade perdida, pero por outra de que polo menos conseguimos pechar un ciclo dunha maneira eu creo que relativamente digna.

—Falando do que se puido facer e non se fixo, que ocorreu para pasar de segunda forza á disolución en tan pouco tempo?

—É incomprensible. Creo que non existe un antecedente, xa non digo a nivel de España senón internacional, dunha forza que en catro anos pase de ser líder da oposición á irrelevancia. Xúntanse moitas cousas. Por unha parte, que algúns eramos xente acostumada a relacións moi alleas á política. Por outra, unha inmadurez de asumir que as regras da política son diferentes ás relacións persoais onde o aprecio e a solidariedade están por enriba de cuestións menores. E despois que o proxecto se configurou como unha aposta de persoas a nivel individual, pero había toda unha serie de intereses partidistas.

—Pesaron demasiado esas cuestións persoais, egos e divisións?

—Si. Eu creo que hai unha diferenza entre os que viviron este éxito repentino e inmenso, porque hai xente que incluso non recoñeceu en setembro de 2016 que aquilo foi un partido que levaba dous meses existindo e que recolleu un apoio popular enorme que non soubemos asimilar. Tamén houbo quen pensou que esta ía ser a súa oportunidade persoal, e outros non soubemos entender que era un voto prestado. Pero foi unha experiencia persoal fantástica. Vou seguir traballando a nivel individual aportando o que poida.

Houbo quen pensou que esta ía ser a súa oportunidade persoal

—Seguirá en política?

—En política por suposto, en actividade orgánica a mínima imprescindible. Agora temos todo un proceso, porque En Marea non se disolve, senón que quere ter preparado todo o proceso de disolución cando haxa unha alternativa política que debe seguir existindo.

—Non se disolveu aínda, pero este é un proceso que conduce a elo. Menciona un novo proxecto. Poderiamos falar xa de novas siglas?

—De momento non. É un tema que ten que fraguarse con tempo. Eu teño clarísimo que hai un espazo político que non está representado a nivel de oposición. E eu, por suposto, como outros que estivemos en En Marea, colaborariamos sen interese de liderar. Os tres anos e medio que estiven no Parlamento, fun un político efémero (ri), pero orienteime a desenvolver proxectos. Iso levábame ás veces a confluír co PP e a diferir co PSOE ou co BNG, e iso non ten que ser un problema, por aí deberían ir as cousas. Tamén criticaron cando dixemos que era mellor celebrar as eleccións en xullo e acusáronnos de favorecer ao PP.

—Por que se presentaron sabendo que lles prexudicaba tanto?

—Nós falamos con científicos e epidemiólogos, e dicían que a situación agora ía ser peor. Por iso, sabendo que nos prexudicaba moito, non había alternativa. Non era asumible, por responsabilidade. Se non, o goberno caducaría obrigatoriamente tras catro anos e atopariámonos nunha situación que se cría postcovid e que agora vemos que non o é, sen un goberno lexítimo. Aínda que teña plantexamentos radicalmente diferenciados aos do PP, creo que é mellor un goberno lexítimo que poida tomar decisións, aínda que non estea de acordo en moitas.

—A quen elixiría das súas filas e das da oposición?

"Paréceme unha mágoa que sacaran de enriba a Leiceaga e o mandaran ao Senado

—Por suposto a Luís Villares, para min é o referente e sempre dixen que foi como un fillo político. Poucas veces vin unha persoa que mirara tan pouco polo seu interese persoal e tanto polo colectivo e a democracia radical. Despois teño moito respecto por Leiceaga, que foi líder do PSdeG e que me deu clases maxistrais cando coincidín con el na comisión de Economía e Industria do Parlamento. Paréceme unha mágoa que o sacaran de enriba e o mandaran ao Senado. E despois, sabendo que isto vai crear bastante polémica, e aínda que estamos nas antípodas, sinto bastante respecto polo señor Feijoo. No fondo é unha persoa que, hai que ser realista, soubo levar adiante un partido que noutros lados escora cara á estrema dereita, e el conseguiu laminar toda esa posibilidade en Galicia. Iso paréceme un servizo a recoñecer. Desde a diferenza absoluta, hai unha realidade, e é que de momento soubo librarnos da lacra da estrema dereita. Iso quita moito odio da sociedade.

«O de Villares foi o máis indigno de todo este proceso»

Pancho Casal fala sen filtros mentres xa pensa en como aproveitará o tempo fóra dos focos.

—Antes mencionou a Villares, cree que se fixo xustiza con el?

—En absoluto. O de Villares foi verdadeiramente vergoñento. As persoas que ao principio lideraron este proxecto buscaron unha persoa de respecto e prestixio, pensando que ía ser manexable. Eu estou asombrado de que o pensaran, porque aínda que é unha persoa extremadamente amable, é de conviccións absolutamente fortes. Cando se deron conta de que non ía ser un home de palla, empezaron a atizarlle por terra, mar e aire. Para min foi o momento máis indigno de todo este proceso. E me parece unha das persoas máis brillantes, honestas e con mellor visión política. Galicia non pode prescindir de persoas como Luís.

"Cando se deron conta de que non ía ser un home de palla, empezaron a atizarlle por terra, mar e aire

—Que fará a partir de agora?

—Aínda hai moito traballo. Temos máis de 40 mareas e hai que axudar a que poidan seguir traballando, e aí podemos darlles sen protagonismo toda esa axuda. E despois axudar tamén coa nosa experiencia a que novos proxectos poidan saír adiante, e colaborar para que poidan ser unha alternativa de futuro. Eu estarei presente aí, pero xa digo, sen protagonismo. Eu son de estudar e desenvolver un proxecto, iso fágoo ben. Xa a manobra política non se me dá tan ben. Vai ser un proxecto relaxado, tranquilo, e cando En Marea considere que xa hai alternativas que dunha maneira máis viable poidan desenvolver un proxecto político que consideramos totalmente vixente, terá que estar preparada para dar un paso xa non ao lado como xa estamos dando agora, senón un paso atrás definitivo.

—E fóra da política?

—Primeiro atender á familia, teño tres netos aos que teño que dedicar máis tempo. E despois teño a miña pandilla de Lira, en Carnota, que é onde vivo case neste momento, mentres que A Coruña é máis ben a miña segunda vivenda. O outro día axudáronme a pescar o congro e a miña participación foi guisalo, que a cociña se me da mellor que a pesca (ri). E moitas outras cousas, como o contacto coa natureza e colaborar a nivel persoal con calquera entidade que poida necesitar o coñecemento que puiden acumular nestes anos.