Alberto Varela: «Os concellos necesitamos liquidez inmediata para facer fronte á crise»

Susana Luaña Louzao
susana luaña REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

MARTINA MISER

Malia as protestas, cre que os alcaldes rematarán asinando o acordo da FEMP

10 ago 2020 . Actualizado a las 13:30 h.

Alberto Varela (Vilagarcía, 1975), alcalde de Vilagarcía e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), baséase na urxencia de liquidez que teñen os concellos para defender a proposta de Facenda sobre a cesión ao Estado dos remanentes de tesourería.

-A maioría dos partidos están en contra da proposta. Semella que non haberá acordo...

-Haberá que agardar á votación. Os concellos levamos tempo reclamando a modificación ou derrogación da lei de sostibilidade, a coñecida como lei Montoro, e estou convencido de que se vai seguir traballando cando se dean as maiorías necesarias. Agora, nestes momentos -e esta é unha opinión persoal, porque nos órganos de dirección da Fegamp non se chegou a un acordo para un texto de consenso-, creo que é un bo acordo, porque é unha maneira de saltar os obstáculos que pon a lei Montoro para poder gastar os nosos remanentes, e é un bo acordo porque os concellos necesitamos liquidez inmediata para facer fronte á crise e ás múltiples tarefas que se nos están encargando. Non estamos só falando de que se nos vai devolver unha parte do remanente, senón que o Estado vai poñer 5.000 millóns de euros a disposición dos concellos.

-Non sería máis fácil derrogar a lei Montoro?

-Non sei se se daría agora a maioría necesaria para derrogar unha lei orgánica. Hai compañeiros nos diferentes órganos de dirección da Fegamp que seguen a defender esa lei, que din que foi boa para controlar o gasto nun momento de crise económica, e agora estámonos a enfrontar a outra e estou convencido de que habería compañeiros doutras formacións que a seguirían defendendo. Ademais, necesitamos liquidez inmediata, non podemos estar esperando por ese debate.

-Vilagarcía acadou o ano pasado un superávit de dous millóns. Non cre que debería ser o Concello o que decida en que investilos?

-Iso levamos tempo dicindo os concellos, que somos unhas Administracións responsables na súa maioría e que fixemos ben os deberes, e deberiamos ser quen de decidir en que os gastamos, pero a realidade é que hai unha lei orgánica -que non aprobou o Partido Socialista- que segue vixente, e que impón unhas normas moi estritas. Con este acordo poderiamos investir máis do que podiamos facer ata agora. Ademais, isto vai ser voluntario: o que non se queira adherir queda como está. Haberá que ver despois cantos van quedar como estaban e cantos se van adherir. Eu estou convencido de que unha maioría vai querer asinalo, porque van querer ser partícipes da parte proporcional que lles corresponde do fondo do Estado.

-Desde o PP din que se prexudica aos concellos pequenos. É así?

-Supoño que se refiren ao anexo que fala de humanizacións e transporte público, pero ese anexo fala de máis cousas, como do incremento de axudas para servizos sociais, cuxa demanda pola pandemia, se falo de Vilagarcía, creceu nun 30 %, e supoño que iso pasará en todos os concellos.

-Que pasará cos que non teñen remanente?

-Hai un compromiso claro, e estase traballando para que tamén sexan perceptores de fondos.

-Que opina do recurso de inconstitucionalidade co que ameazan o PP ou Torra?

-Sempre que o PP anunciou este recurso foi cando houbo maiores avances na nosa democracia. Eu penso que é un erro e que é contraproducente para os concellos.

-Que opina das críticas a Gonzalo Caballero que chegaron desde o propio partido, sobre todo as formuladas dende a provincia da Coruña?

-Cando os resultados non son os que se esperan sempre hai certa tensión, pero é un erro: o que necesitamos é tranquilidade, aprender dos erros cometidos e sermos conscientes de que nos resultados electorais non hai un único responsable das vitorias nin das derrotas; no PSOE todos o somos, todos en certa medida somos responsables.

-Cal cre que foi o erro?

-A actualidade e a crise sanitaria marcan claramente os resultados. Non hai un factor único, son múltiples, pero nestas eleccións eu tiña claro que a crise ía ter moita influencia nas urnas.

-Está a dicir que os galegos apoiaron a xestión da Xunta?

-Normalmente, en situacións de crise o voto dos cidadáns tórnase conservador, non sei se é a palabra exacta. Esta crise sanitaria puido retraer as ansias de cambio e provocar que moita xente quedara na casa, e outros quizais pensaran que non era momento de mudar. Agora o noso partido terá que seguir traballando, porque este país si necesita ese cambio.