Dimisións en Anova e Podemos tralos malos resultados da coalición Galicia en Común o 12X

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Mitin de Galicia en Común en Pontevedra antes das eleccións do 12 de xullo
Mitin de Galicia en Común en Pontevedra antes das eleccións do 12 de xullo ADRIÁN BAÚLDE

Antón Dobao deixa a dirección da organización soberanista e José Manuel Pérez Afonso fai o mesmo no partido morado

25 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os malos resultados da coalición Galicia en Común nas eleccións autonómicas do 12 de xullo, nas que non acadou ningún deputado, desencadearon dúas dimisións nas últimas horas: a de Antón Dobao, un dos fundadores de Anova, e a de José Manuel Pérez Afonso, que fora o candidato de Podemos en Lugo nas eleccións municipais.

Dobao anunciou onte que abandona a dirección de Anova, na que ocupaba o cargo de responsable de relato desde o mes de decembro. Nun comunicado nas redes sociais, o escritor anunciou que presentou a súa dimisión esta semana polos «espantosos» resultados da coalición. A súa decisión súmase á anunciada por Martiño Noriega, tamén de Anova, tres días despois das eleccións de que abandonaba a primeira liña política.

Mentres, Pérez Afonso anunciaba onte a súa renuncia como integrante da dirección galega de Podemos, se ben continuará á fronte da organización na cidade de Lugo. Cualificou os resultados coma «un batacazo sen paliativos» e cre que Podemos Galicia ten que construír «unha organización centrada no territorio» e «escoitar ás bases».

Tamén analizou os resultados electorais Marea Atlántica, para quen foron «un fracaso sen paliativos», aínda que «non significan o fin do municipalismo en Galicia», afirman.

E o mesmo fixo a agrupación de Esquerda Unida en Vigo, que defende reforzar as súas bases e evitar alianzas limitadas a «intereses electorais».