Así cambiou nestes 25 anos unha Galicia con importantes retos por diante

Catro expertos analizan para La Voz de Galicia cómo é hoxe a comunidade e cales son os seus desafíos futuros


Unha Galicia que sabe avanzar, pero capaz de manter elementos identitarios e de continuidade. E con importantes retos por diante. Así podería resumirse a visión dos catro expertos que, desde distintas ramas do saber, diseccionaron para La Voz de Galicia neste 25 de xullo como cambiou a comunidade galega no último cuarto de século. Entre os desafíos de futuro máis urxentes, o do avellentamento da poboación, cos efectos e tamén as necesidades que trae consigo, é o que máis coinciden en sinalar estes profesionais.

Raquel Domínguez - Decana da Facultade de Socioloxía da UDC

Raquel Martínez Bujan
Raquel Martínez Bujan

«A Galicia de hoxe é máis diversa e tamén máis envellecida»

«Hoxe temos unha Galicia máis diversa e máis envellecida», apunta a socióloga Raquel Martínez Buján. Esa diversidade toma dúas formas. Por un lado, a do enriquecemento cultural que supón a entrada de poboación migrante á comunidade, un fenómeno que, destaca Martínez, está a facer a sociedade galega «máis heteroxénea e máis flexible», pero que, recorda, tamén achega crecemento económico, ao ser man de obra fundamental para o mantemento dalgúns sectores tradicionais e tamén dos servizos máis vinculados aos coidados e a conciliación. No outro prato da balanza migratoria, destaca as novas ondas de galegos que saen ao exterior e que están a cambiar o rostro da Galicia na diáspora «que agora se vai cos estudos na maleta, cousa que antes non sucedía».

A outra diversidade dáse no seo dos fogares. «Cambiaron moito nos últimos 25 anos, e hoxe hai maior diversidade nas estruturas familiares», indica. E apunta que, aínda que están a xurdir novas masculinidades e as organizacións familiares son cada vez máis igualitarias, cunha incorporación moi sólida das mulleres ao mercado de traballo, resta moito por facer, xa que a organización doméstica e os coidados seguen a recaer nelas fundamentalmente.

A atención con servizos ás familias é, precisamente, un dos retos de futuro sinalados por Raquel Martínez. «As políticas de conciliación da vida familiar e laboral son moi escasas, e as que se implementaron non tiveron un éxito forte, estiveron moi centradas en promover o emprego entre as mulleres, pero non redundaron en políticas efectivas de atención á infancia. É algo que temos que abordar se é que queremos que haxa máis nacementos na comunidade», di.

O outro rasgo da Galicia actual, o envellecemento, supón o outro gran reto, que para esta socióloga pasa por saber incorporar ás persoas maiores na vida da comunidade, evitando a súa exclusión, así como por establecer máis e mellores sistemas de atención á terceira idade.

Promover o ámbito rural «como un espazo de creación e non só de despoboamento» e a diluír a brecha dixital son outros dos desafíos que sinala.

RAMÓN VILLARES - PRESIDENTE DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Ramón Villares Paz
Ramón Villares Paz

«Ordenar o territorio e aproveitar o patrimonio son dous dos retos»

«En que se parece a Galicia de hoxe á de hai 25 anos? Parécese en que é verde, que está habitada maioritariamente por xente de orixe étnica galega, con pouca inmigración, que está igualmente desordenada nos seus aspectos máis estruturais, de ordenación do territorio... pero tamén houbo moitos cambios», apunta o catedrático de Historia Contemporánea Ramón Villares. Por exemplo, a intensificación do éxodo rural iniciado a mediados do século pasado fai que, ao seu xuízo, «esa imaxe que hai dunha Galicia campesiña hoxe xa non se pode soster máis que na imaxinación». Mais esa Galicia que deixou de ser campesiña «non deixou de ser agraria», destaca, recordando a importancia que na comunidade mantén un sector primario do que, ao igual que doutros sectores tradicionais, di que «souberon adaptarse moi ben ós retos da sociedade aberta e globalizada».

Unha capacidade de adaptación que fai extensiva a toda a sociedade galega, refén de tópicos «moi estendidos, pero de pouca importancia real, como os do galego submiso, que non sabe que facer na escaleira ou moi apegado á terra». No canto deses lugares comúns, Villares fala unha sociedade aberta e dinámica composta por galegos que «son capaces de adaptarse aos novos desafíos sen deixar exactamente de ser o que son».

Nese proceso, identifica varios cambios estruturais aínda por acometer, como a recuperación e posta en positivo dos espazos hoxe abandonados, ou a necesidade de afondar no aproveitamento do rico patrimonio co que conta Galicia.

«Quédanos tamén converter a cultura galega tradicional, que xa deu algúns pasos neste sentido, nunha cultura que teña algo que dicirlle ao mundo, e que sexa verdadeiramente universal sen deixar de ser ela, que non estea nunha especie de supervivencia asistida, porque coa cultura podemos ser competitivos, non é un estorbo, é unha oportunidade», sinala tamén o presidente do Consello da Cultura Galega, que tampouco esquece entre os desafíos do futuro inmediato o coidado do medio ambiente ou o avellentamento.

María del Carmen Sampayo - Vicepresidenta terceira do Consello Galego de Colexios de Economistas

María del Carmen Sampayo
María del Carmen Sampayo

«Temos que fomentar un tecido produtivo que free o declive demográfico»

A vicepresidenta terceira do Consello Galego de Colexios de Economistas e decana do colexio de Ourense, María del Carmen Sampayo, destaca como o gran avance do último cuarto de século «a mellora do capital humano, o potencial que formamos nas tres universidades galegas» cun importante incremento dos graduados. «Pero tamén temos que ter un tecido produtivo que permita reter o talento», engade.

No que toca aos sectores económicos, remarca a importancia da industria alimentaria, pero tamén a evolución nos últimos 25 anos do sector téxtil «coa consolidación de Inditex como xigante da industria e a recuperación de Adolfo Domínguez ou Sociedad Textil Lonia». Máis aló, incide no impulso que está a ter un sector punteiro como a biotecnoloxía: «é unha das nosas fortalezas e temos que aproveitala».

Como fío condutor a través das décadas, destaca as empresas familiares galegas, das que di que souberon dar continuidade ao espírito dos seus fundadores, renovándose e captando talento externo, aportando trato humano e compromiso con Galicia.

E os retos? «O fundamental é frear o declive demográfico. Temos que fomentar un tecido produtivo que faga que os nosos mozos desexen ter fillos, que non haxa emigración e que sexamos receptores de poboación, para ser unha terra que atraia investimentos», di. A incorporación real da muller aos postos de representación e dirección sería outra meta.

Manuel Fernández Blanco - Psicólogo clínico e psicanalista

Manuel Fernández Blanco
Manuel Fernández Blanco

«No político houbo un efecto péndulo, cun retorno a unha certa tradición»

A Galicia de hoxe reflicte, como non podía ser doutro xeito, os cambios que en tempos recentes sufriron as sociedades occidentais, entre os que o psicólogo Manuel Fernández Blanco destaca a acentuación do individualismo, a maior fraxilidade dos vínculos ou o empuxe «cara un suxeito que debe poñerse como obxectivo ser feliz e maximizar a súa produtividade».

Pero máis especificamente, Fernández Blanco apunta que no ámbito político obsérvase no pobo galego un «efecto péndulo», culminado hoxe nun «certo retorno á tradición». Así, logo de ser «vangarda política» coa creación de AGE ou as mareas, o escenario político galego volve ser neste 2020 «semellante ao de 1997, con Feijoo no papel de Fraga ou Ana Pontón no de Beiras». «É dicir, que o suxeito colectivo busca a seguridade, sobre todo en tempos de incerteza. E esta seguridade está máis vinculada aos líderes clásicos, e o retorno das vellas ideoloxías», incide.

Galicia, asegura, non queda a marxe doutros cambios globais como «a substitución dos ideais polo dereito ao goce». Un fenómeno que, sinala, vai da man dun auxe dos fundamentalismos e dos movementos autoritarios ou racistas. «Afortunadamente, dentro da psicoloxía colectiva galega estes fenómenos non teñen moita cabida. Diciamos que os discursos baseados na tradición aínda teñen forza no noso pobo, o que o fai bastante refractario aos extremismos excluíntes».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Así cambiou nestes 25 anos unha Galicia con importantes retos por diante