O BNG estende os seus actos por toda Galicia e o PSdeG volve a Rianxo para homenaxear a Castelao

Os populares estarán representados polo seu líder, Alberto Núñez Feijoo, nos seus actos institucionais como presidente en funcións da Xunta

O BNG celebrou na campaña un acto na Quintana entre medidas de prevención sanitaria contra o covid-19
O BNG celebrou na campaña un acto na Quintana entre medidas de prevención sanitaria contra o covid-19

Redacción / La Voz

O Día Nacional de Galicia, o Día da Patria, o Día do Apóstol ou o Día de Galicia. O 25 de xullo ten un sentir diferente segundo a sensibilidade política de cada quen. Os partidos políticos chegan á xornada festiva de hoxe dúas semanas despois das eleccións autonómicas que trouxeron de volta o tripartidismo á cámara galega. Tamén entre as estritas medidas sanitarias contra o coronavirus, que deixará á praza da Quintana, punto de encontro anual do nacionalismo, cun aspecto menos ateigado do que reflectiron as urnas o pasado día 12.

Pp

Ofrenda ao apóstolo. Os populares galegos non celebrarán ningún acto de partido con motivo do 25 de xullo, como si fixeron outros anos en homenaxes a Rosalía ou Castelao na igrexa de San Domingos de Bonaval. Si estarán representado nesta xornada a través do seu líder, Alberto Núñez Feijoo, que como presidente en funcións da Xunta participará na ofrenda ao apóstolo na igrexa de San Martiño Pinario e noutros actos institucionais. Ademais, o PPdeG fará unha campaña especial nas redes sociais para reivindicar o «orgullo» que senten «por ser galegos». O ano pasado, o PP elixiu Lalín para lembrar a Xosé Neira Vilas e á súa personaxe de Balbino, o protagonista de Memorias dun neno labrego.

BNG

Actos descentralizados. É a data sinalada en vermello para os nacionalistas. Por mor da pandemia, o aforo na praza da Quintana e na manifestación que percorre o casco histórico estará limitado a un máximo de mil persoas, se ben a formación estimaba unha das concentracións máis multitudinarias que se lembran logo do histórico resultado electoral. O acto central terá lugar ao mediodía na Alameda, como cada ano, e porá rumbo á praza. Alí intervirán os deputados electos Iria Carreira, Paulo Ríos e Ana Pontón. Ao mesmo tempo, o Bloque organiza actos nas outras seis grandes cidades galegas, onde tamén haberá discursos de membros do partido.

En todos eses puntos haberá unha ampla pantalla colocada no espazo central na que se fará unha conexión simultánea co resto de actos cara as 12.45. A concentración rematará coa interpretación simultánea do himno galego. «Non será unha celebración exclusivamente das persoas do BNG ou directamente nacionalistas, senón que concibimos este día como o día da nación que compartimos, polo que vai dirixido a todos os galegos na súa diversidade e pluralidade», explican os organizadores.

Amais do contexto electoral, este 25 de xullo terá un significado especial para os nacionalistas, que conmemoran o cen aniversario do primeiro Día da Patria Galega, acordado hai un século pola Asamblea das Irmandades da Fala reunida en Santiago. O protocolo sanitario limitará o acceso a un máximo de mil persoas e facilitarase hidroxel entre os asistentes.

psdeg

Tributo a Castelao. Como cada ano, os socialistas galegos renderán unha homenaxe floral a Castelao na súa vila natal, Rianxo, ás 12.00. Gonzalo Caballero vivirá no Paseo da Ribeira a súa terceira ofrenda ao intelectual galeguista como líder do partido. O secretario xeral do PSdeG estará acompañado por outros cargos orgánicos e institucionais do partido en Galicia. Neste 2020 cúmprense setenta anos do pasamento do político e artista galego no seu exilio de Bos Aires.

Podemos

Sen actos. Logo dos decepcionantes resultados da formación, que quedou fóra do Parlamento despois das eleccións do día 12, Podemos céntrase nun período de reflexión que en setembro culminará coa reunión do Consello Cidadán Autonómico, no que decidirá o futuro da formación. Alén dos actos particulares dos seus círculos espallados por Galicia, non ten previsto ningún acto con motivo do 25 de xullo.

anova

Homenaxe aos republicanos. A formación, que concorreu xunto a Podemos dentro da coalición Galicia en Común, organiza un acto no Campo da Rata, na Coruña, ao mediodía. No acto homenaxearán aos republicanos «que deron a súa vida pola liberdade e a xustiza social».

vox e ciudadanos

Sen actividades. Ciudadanos apunta á situación sanitaria, mentres que Vox declinou responder se ten organizado algún evento para hoxe en Galicia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
49 votos
Comentarios

O BNG estende os seus actos por toda Galicia e o PSdeG volve a Rianxo para homenaxear a Castelao