Ana Pontón: «Nesta lexislatura vanse debater dous modelos de Galicia: o noso e o do PP»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO

GALICIA

Ana Pontón
Ana Pontón XOAN A. SOLER

A futura líder da oposición atribúe o éxito nas urnas, triplicando a representación do BNG, a un traballo colectivo

19 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Malia iniciar unha precampaña nada máis dar a luz (foi en xaneiro), malia a suspensión electoral, malia a pandemia e o confinamento, e malia unha segunda campaña e a súa resaca, Ana Pontón (Sarria, 1977) asegura que o seu neste meses non foi para tanto: «Rematei bastante ben e moi ilusionada co escenario político que se abre, porque no país están a cambiar máis cousas das que se poidan entrever dos resultados electorais, e hai unha alternativa sólida para que no 2024 se produza un cambio en clave galega liderado polo BNG»

—O BNG recolleu un 30 % dos votos das mareas. De onde pensa que veu o resto? Dos mozos, das mulleres, dos socialistas?

—Eu sempre digo que os votos non son dos partidos, son das persoas, e estamos en escenarios moi volátiles, pero se hai proxectos que a xente ve que teñen solidez e futuro, hai unha vontade maioritaria de apoio. Nestas eleccións o que se viu é que o nacionalismo ten un proxecto de país e de modernización de Galicia e iso fixo que houbera unha decantación importante de voto cara a nosa acción, e que a xente votara convencida. Na campaña, houbo moita xente que se me achegaba para dicirme: «Grazas por devolverme a ilusión por votar e a esperanza de que outra Galicia é posible».

—Dixo o ex do Bloque Martiño Noriega, na súa despedida como edil en Compostela, que o BNG copiou o modelo das mareas.

—Esa tese alimentouna Monedero. Pero se algo ten o BNG é un proxecto propio para este país, un proxecto xenuíno que non é unha copia de ninguén. Entendo que ás veces, polos malos resultados, as persoas buscan botar balóns fóra. Eu respecto moitísimo aos votantes de Podemos e de Galicia en Común, pero corresponde ás súas organización facer a análise de por que tiveron eses resultados.

—Dá o Bloque por pechadas as feridas de Amio?

—Na vida hai que mirar cara adiante.

—Pero ás veces haberá que mirar para atrás para saber cales foron os erros, non?

—Nós dos erros xa aprendemos, e na nova etapa que abrimos tomamos nota do que non fixemos ben, pero sen quedar atrapados no pasado. Temos que manter a mirada posta no futuro e centrarnos nos problemas da xente.

—Tivo que escoitar que o BNG era un partido anticuado?

—Escoitei moitas veces, dalgunha xente que xa non estaba no BNG, afirmacións dese tipo, pero eu nunca lles din crédito. Penso que o Bloque é un proxecto cargado de futuro.

—Ese discurso renovado é do BNG ou é de Ana Pontón?

—É do BNG, eu non deixo de ser unha máis. Un proxecto político sempre se debe a un traballo colectivo e eu estou moi agradecida e orgullosa de contar cunha militancia tan valiosa como a que temos no BNG, de xente traballadora e honrada coa que nos une o amor polo país.

—Sempre se fala de que o nacionalismo ten un teito de apoio que non é quen de superar.

—Creo que estas eleccións romperon varios mitos, e un deles é o teito do BNG. Creo que temos un proxecto que pode ser hexemónico no país e imos traballar estes catro anos con seriedade e humildade para que nel se vexan representados a maioría dos galegos e as galegas. Se algo fomos quen de facer e que cristalizou na campaña é que o BNG non é un proxecto que critique, é un proxecto que propón. Sempre fomos moi críticos co que está a pasar no país, e imos seguir sendoo coas políticas da dereita en Galicia. Pero ao lado da crítica sempre puxemos unha proposta e unha alternativa, e penso que se algo ilusionou foi ver que nós estabamos falando da Galicia na que moita xente soña con vivir, e iso nos dá capacidade para poder ensanchar a base do nacionalismo e poder chegar a sectores sociais moi diferentes. E ademais, eu acredito que hai moito máis nacionalismo, máis sentimento de país que o que din as enquisas.

Este discurso renovado é do BNG, eu non deixo de ser unha máis

—Cre que, tras o resultado electoral, vanse discutir no Parlamento dous modelos de Galicia?

—É evidente que temos visións moi diferentes do país. Penso que imos ter debates de fondo sobre temas de calado, preocúpame como vai ser o novo modelo de financiamento, porque cada vez o que recibe Galicia do Estado é, proporcionalmente, menos. Nós imos propoñer que a alternativa non é que Madrid recade e reparta, senón que Galicia recade o logo negociemos con Madrid que parte temos que devolverlle ao Estado dos nosos recursos polos servizos que presta, pero priorizando que antes que os gastos militares e a Casa Real ten que estar a saúde e a educación dos galegos. Nesta lexislatura vanse debater dous modelos de Galicia: o noso e o do PP. O das forzas estatais con submisión a Madrid, e o do BNG, que confía nas potencialidades de Galicia e que pon por diante os intereses do país.

«Hai que reactivar as medidas asinadas co PSOE, confío en que Pedro Sánchez cumpra cos galegos»

Fronte o tópico do galego como vítima, Ana Pontón contrapón o tópico de que os galegos sexan responsables de todos os seus males: «Este país ten unha enorme capacidade e potencialidade, pero houbo decisións que non se tomaron en Galicia que nos prexudican dunha maneira moi clara. O que pasou coa pesca, o que pasou co agro, o que está a pasar coa industria... decisións que se tomaron en Madrid e en Bruxelas das que fomos meros espectadores. A responsabilidade está en quen dirixiu nos últimos corenta anos o noso país, porque se toman moitas decisións a centos de quilómetros de aquí, e o problema xa non é que decidan por nós, e que moitas veces deciden contra nós».

—Facilitaron a investidura de Sánchez a cambio dunhas promesas, de momento, incumpridas. Van insistir?

—Hai que ter en conta o contexto da pandemia e as eleccións. Nós imos ser esixentes nuns acordos que non son cunha forza política, son cos galegos, e se algo acaban de dicir os cidadáns deste pais é que queren un trato xusto por parte do Estado. Hai que reactivar moitas das medidas que están nese acordo e que algunhas delas teñen que verse agora nos orzamentos, e confío en que Pedro Sánchez cumpra cos galegos.

—No 2024 levántase sendo presidenta de Galicia. Cal sería a súa primeira medida?

—Eu sei moi ben cal sería neste 2020: chamar a Sánchez e dicirlle que non se pode deixar caer Alcoa, que hai que poñer en marcha o rescate desa industria e que a Xunta vai participar cunha parte dese rescate. De aquí a 2024...

«Non vale que haxa acordos en Galicia que logo non se respectan en Madrid»

A crise do coronavirus, que vai ser a protagonista da vindeira lexislatura, aboca, máis que nunca, a un acordo de reconstrución que pasa por pactos no Hórreo.

—Feijoo dixo que no pasado foi quen de chegar a acordos co BNG, pero que na pasada lexislatura non. Foi así?

—O problema que tiveron os acordos aos que chegamos co señor Feijoo é que os incumpriu, porque nós chegáramos a un acordo para salvar as caixas e Feijoo o que fixo foi rompelo, blindar os directivos e malvender o patrimonio dos galegos. Os acordos con Feijoo duran o que duran e valen para o que valen. Que sería importante, agora máis que nunca, chegar a acordos de país? Claro, pero a clave é se o PP pensa que, como ten maioría absoluta, non ten que pactar con ninguén, e iso é o que leva facendo nos últimos anos. O que máis me doeu desta lexislatura foi que acordáramos que tiña que poñerse en marcha un acordo contra a violencia de xénero e o PP non tivo vontade, porque o que quería era un paripé.

—Agora hai que loitar contra o coronavirus e reconstruír o país. Non desbota acordos sobre asuntos prioritarios como as infraestruturas ou a industria?

—Nós imos poñer por diante os intereses de Galicia, pero o que non vale é que se chegue a acordos aquí que logo non se respecten en Madrid. Ese é o problema de fondo. Se en algo fomos claros nós foi que, ante o coronavirus, era necesario un acordo de país que implicara a toda a sociedade. Pero, vai traballar o PP nesa dirección ou vai seguir impoñendo o seu programa económico e social, que xa sabemos cal é? Pasaron as eleccións e pechouse unha planta no Álvaro Cunqueiro de Vigo, e presentaron un plan para o inicio do curso que é un auténtico disparate. Eu penso que o Partido Popular ten unha borracheira de poder que vai facer moi difícil calquera tipo de acordo, que camiña cara unha maioría cada vez máis absolutista.