«Unha unidade de psicoxeriatría por área sanitaria é o mínimo para empezar a organizar a atención á saúde mental dos maiores»

GALICIA

Raimundo Mateos en el hospital psiquiátrico de Conxo
Raimundo Mateos en el hospital psiquiátrico de Conxo Sandra Alonso

O psiquiatra Raimundo Mateos denuncia a «falta de sensibilidade» respecto das necesidades de atención psiquiátrica específica para a terceira idade e destaca a necesidade de que a sociedade reflexione sobre o trato aos maiores

13 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Raimundo Mateos, psiquiatra e profesor titular de Psiquiatría na USC, leva case 30 anos á fronte da unidade de psicoxeriatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). A atención á saúde mental dos maiores galegos é o seu grande cabalo de batalla.

- Debería ser a psicoxeriatría unha prioridade en Galicia?

- Se pensamos que Galicia está considerada como unha especie de laboratorio do envellecemento de Europa porque estamos á cabeza de xente maior de 65 anos -en Galicia unha de cada catro persoas supera esa idade-, xa só dende o punto de vista demográfico temos que valorar a importancia que ten a figura das persoas maiores. Por outro lado, nas persoas maiores os trastornos mentais son moi frecuentes, pero ademais acumulan problemas físicos crónicos, problemas mentais e problemas sociais. Iso fai que as persoas con trastornos psicoxeriátricos sexan os prototipos da cronicidade máis complexa. Entón, se os problemas psicoxeriátricos son por definición tremendamente complexos na medicina, se Galicia xa ten unha elevada cantidade de persoas maiores, e se todo isto vai crecendo, non hai que demostrar que dentro da saúde mental e da medicina en xeral, a psicoxeriatría debería de ocupar un aspecto moi moi importante na preocupación da asistencia sanitaria.

- E está o seu peso acorde con esa importancia?

- No 2017 celebramos o cuarto de século da unidade de psicoxeriatría do CHUS. A finais do século pasado Galicia foi pioneira en España en organizar dispositivos específicos para atender a saúde mental dos maiores. E case trinta anos despois iso non se ten en conta. Non hai, na práctica, un modelo, unha organización dos servizos axeitada. Isto non só pasa en Galicia, pasa na maioría das autonomías do Estado, pero se ben isto é preocupante en xeral, é máis chamativo e preocupante na nosa terra. É moi difícil de entender esta falta de sensibilidade. É algo sobre o que toda a sociedade ten que reflexionar. Os profesionais temos a responsabilidade de transmitir a nosa experiencia, as autoridades sanitarias teñen a responsabilidade de mellorar a asistencia, pero tamén a sociedade en xeral ten que cavilar sobre a necesidade de atender axeitadamente as persoas maiores.

- O Plan de Saúde Mental aprobado recentemente prevé unidades de psicoxeriatría en tódalas áreas sanitarias no 2023, algo que xa se marcaba para o ano 2011 e que vostede leva anos reclamando..

- É unha necesidade, e esa proposta está feita dende finais do século pasado. Xa entón as comisións técnicas que asesoraban ás autoridades consideraban que o mínimo para empezar a organizar a atención psicoxeriátrica era que houbera unha unidade de psicoxeriatría por área. En cada unha delas tería que haber polo menos unha equipa que realmente aborde esta atención, que recabe experiencias, que fixe un modelo de traballo, que achegue solucións e irradie ese coñecemento ao resto das equipas e ao resto dos profesionais. Se hai unha atención específica, a pediátrica, para o inicio da vida, porque ten unhas características especiais, tamén a ten que haber ao final. Dito así, todo o mundo o suscribe, despois o que falta é que isto se leve á práctica. E é realmente desmoralizador cando pasan décadas e décadas ver que estos temas só se tocan en situacións electorais. Está ben que se fale disto agora, pero tamén está ben que se siga falando ao día seguinte, e que realmente se poñan en práctica esas medidas. E iso é o que, por desgraza, hai moito tempo que non se está facendo neste eido. É moi triste, pero iso é o que vemos.

- Hai que cambiar de rumbo na atención aos maiores?

- Temos que facer unha reflexión individual e como sociedade, pensar seriamente cal é a nosa percepción das persoas maiores e que papel lles queremos dar. Témonos que preguntar qué futuro queremos para as nosas persoas maiores, pero incluso facernos esa pregunta con san egoísmo: que futuro queremos para nós mesmos? Se todos nos facemos esa pregunta, entre todos atopariamos facilmente respostas que están aí, ao alcance, pero que non vemos porque miramos para outro lado con moita frecuencia.

«Temos que preguntarnos con san egoísmo: que futuro queremos para nós mesmos?»

- A irrupción do coronavirus obrigounos a centrar a mirada precisamente neste tema?

Na situación da que estamos saíndo, logo do confinamento e todo o que trouxo consigo a pandemia, démonos conta de que non tratamos ben aos nosos maiores. Como é posible que entre todos lles deramos ese trato? Gustaríame que aproveitasemos para realmente aprender a facer as cousas moito mellor coas persoas maiores. Tócanos aprender moito, e evidentemente tamén temos que poñer recursos. Todo ten un custe mínimo de estrutura, pero non é só cousa de cartos, tamén é dedicar eses cartos á formación a profesionais que realmente estean comprometidos con esa misión.

E logo hai que compensar moralmente ao profesional que está entregado. Nesta crise algúns arriscaron a vida. Cal é a recompensa que espera ese profesional? Pois o que quere é máis medios para facer as cousas ben. Darlles máis medios para facer mellor o traballo, esa é a mellor maneira de compensar aos profesionais comprometidos cunha sanidade pública de calidade, esa é realmente a recompensa que se debería de prometer e que nos encantaría poder aceptar.

- Ao fío da crise do covid-19, os centros de día galegos non abrirán ata este mércores 15 de xullo, pode ter repercusións este peche tan prolongado?

- Ten repercusións e non nos sorprenden. Para as persoas con trastornos ir aos centros mantenlles, por unha parte, certa actividade física e, por outra, manténlles a actividade social e os estimula. E ao mesmo tempo libera ás familias desa carga de 24 horas que supón o coidado. Ao pecharnos todos na casa pasou o esperable: un desastre, pero non nos pode sorprender. A sorpresa chega porque xa podemos ir á praia, ao bar, facer moitas cousas... pero segundo parece é difícil organizar unha atención cun mínimo de calidade en centros de día, onde están tratados por profesionais da saúde e expertos no ámbito da xerontoloxía e onde non debera ser tan difícil poder dar unha atención cunhas debidas medidas hixiénicas. Desde esa perspectiva, aos profesionais do sector da xerontoloxía cústanos moito traballo entender cómo é posible que se tomaran estas decisións. E sobre todo resúltanos decepcionante que se tomaran sen contar coa opinión dos profesionais.

«Coa pandemia démonos conta de que non tratamos ben aos nosos maiores»

- Que papel pode xogar a telemedicina na atención á saúde mental dos maiores?

- Precisamente no que se chama telemedicina, a que máis rapidamente se desenvolveu foi a telepsiquiatría. Porque a esencia do noso acto médico é a conversa entre un profesional da saúde mental e un paciente. Non precisamos palpar, facer radiografías... simplemente falar, observar e escoitar. Nós fixemos un estudo piloto que funcionou de marabilla para atender por videoconferencia a usuarios dunha residencia, e no noventa e moito por cento dos casos eu tiña a sensación de que podía obter toda a información que precisaba igual que tendo ao paciente diante. Agora ben, en todo o que sexa telemedicina fai falta sempre que haxa antes de comezar e de cando en vez polo medio unha dose de actividade presencial, de estar un diante do outro en carne e óso. A atención a distancia sería tremendamente útil para traballar coas residencias, tamén no traballo de supervisión nos domicilios, para multiplicar e enriquecer a atención nos sitios máis remotos evitando a incomodidade das viaxes... Pero iso non quita que teña que haber tamén algo de presenza física. Non é que o virtual sustitúa ao presencial, ambos teñen que coexistir en distintas porcentaxes, e son esas doses as que hai que estudar.