Galicia vai estar onde queiran sempre os galegos e as galegas. Creo que hai que dar un salto no autogoberno para poder decidir sobre os nosos asuntos, como enerxía ou infraestruturas, recoñecéndonos como nación, e que o Estado español acepte a plurinacionalidade e a capacidade de decisión das nacións que o conforman. Estou convencida de que canto máis autogoberno e capacidade de decisión, mellor nos irá como sociedade. En canto á independencia… Non é unha proposta que conste no noso programa.
Alberto (Oleiros): Se Vox conseguise un escaño e o PP o necesitara, proporía algunha lei para evitar que gobernara a ultradereita?
Esa pregunta habería que facerlla a Feijoo, porque o PP está a lexitimar a ultradereita sobrepasando liñas moi perigosas. Eu estou convencida de que se o necesita, pactará con Vox.
Borja Ervés: Leva vostede 16 anos sendo deputada. Tivo algunha ocupación fóra da política?
Son licenciada en Ciencias Políticas e traballei de asesora dun grupo municipal. Para min é unha honra poder traballar para facer un futuro mellor para o meu país e facelo con honestidade, que é un valor en alza no BNG. A política é unha ferramenta para cambiar a vida da xente.
Dosi (Lugo): Que propostas ten contra a ocupación das vivendas?
Aquí xúntanse dous debates distintos: por unha banda están eses casos de ocupacións por parte de mafias que habería que revisar para que esas situacións non se repitan. Por outra banda está o problema do acceso á vivenda, de mozos que queren emanciparse e non poden porque os pisos e os alugueres teñen prezos inalcanzables. Por iso nós propuxemos hoxe, que estiven en Ferrol, un banco de vivenda pública, así como un imposto á banca para que non teña vivendas desocupadas.
Xesús García: Que propón en política social e en dependencia?
A lei de dependencia está moi ben pero non tiña financiamento, e logo cos recortes, moitos deses dependentes quedaron sen acceso ás axudas. O primeiro que temos que facer é esixir ao Estado que nos devolva os 200 millóns pendentes, cos que poderiamos atender a 8.000 dependentes con ese dereito recoñecido, e logo, crear unha rede pública e eliminar copagos que expulsan á xente do sistema.
Sandra (Vigo): O BNG vai dar axudas para as familias monoparentais?
O que levamos no noso programa electoral é poñer en marcha unha lei de familias monoparentais que permita que teñan acceso a recursos de maneira prioritaria. De feito, esta lei xa a presentamos nesta lexislatura e non puido ser aprobada porque o PP votou en contra, pero entendemos que hai que atender esta realidade porque ademais, estas familias están formadas, maioritariamente, por mulleres que non teñen recursos, e hai que arbitrar unha lei que as protexa.
Rosario Regueira (Lugo): O BNG ten mínimos innegociables cos outros partidos cos que pode chegar a gobernar?
Aínda non puxemos liñas vermellas, estamos a falar dun cambio e aspiramos a que o lidere o BNG, e o día 13 de xullo xa nos poñeremos a traballar.
David: Como pode levar a cabo propostas para as que Galicia non ten competencias, que dependen do Estado central?
Tería que concretar a cales se refire, porque nós temos un programa adaptado ás competencias que ten Galicia, pero cremos que tamén temos que reivindicar as que nos corresponden e niso imos ser esixentes porque Galicia non pode ser a última carta na baralla. De momento, cun único deputado en Madrid conseguimos nun mes máis que Feijoo en once anos.
David Álvarez (Salvaterra do Miño): Podería explicar a proposta do Amazon galego?
Nós estamos vendo que hai unha realidade imparable, que o comercio online vai gañando cada vez máis tempo, e nós o que cremos é que tería que haber unha plataforma á que se puidera acoller o mediano e o pequeño comercio do noso país e que nos permitirá facer esa distribución e esa venta por todo o territorio. Desta maneira, a venta online non dependería dunha multinacional que logo sabemos que comportamento ten e que prácticas utiliza nalgúns casos.
Marina (Ames): Propón medidas para erradicar o eucalipto?
O monte galego ten un enorme potencial, pero agora hai un modelo subordinado aos intereses de Ence que non é sostible nin desde o punto de vista ambiental nin desde o punto de vista económico, porque estamos perdendo moitas posibilidades. Nós que cremos? Agora mesmo hai máis do dobre de superficie de eucalipto que estaba prevista ata o ano 2030, o que significa que habería que establecer unha moratoria na súa plantación e recuperar esas terras agrarias e camiñar cara un monte multifuncional e vivo que, ademais, sería máis útil na loita contra os incendios. En Europa e noutras zonas do Estado español non se apostou polo monocultivo. E agora, co covid, hai unha corrente que está alertar de que en Galicia somos máis vulnerables ás pandemias pola perda desa biodiversidade. Por cuestións ambientais, económicas e de seguridade, é necesario.
Luisa: Aposta por nacionalizar Alcoa?
A única maneira de salvar Alcoa é cunha intervención pública a través da nacionalización. Alcoa ten a suficiente importancia en Galicia para non deixala caer, porque estamos a falar do 30 % do PIB de Lugo. Xa se viu que a venda das factorías a Alu Ibérica foi un desastre e a única vía é a nacionalización, como se fixo en Cerdeña, onde se reactivou a produción. Paréceme incríble que nin o PP nin o PSOE fagan nada. Se por vez de ser en Galicia fose un problema madrileño, seguro que a solución estaba sobre a mesa. Sería esa unha liña vermella? O que está claro é que nós non imos deixar caer Alcoa baixo ningunha circunstancia.
Lola (A Baña): Van vixiar uns prezos mínimos para o leite?
A transparencia dos prezos na cadea alimentaria é fundamental, porque producimos leite de primeira calidade sen que se pague por ela o que lle corresponde. Hai que fortalecer esa industria que ten un potencial enorme e que fixo un esforzo brutal por modernizarse.
Felipe (Culleredo): Que vai pasar co pago das pensións se Galicia é nación?
Galicia xa é unha nación e o noso país non é deficitario desde o punto de vista das pensións, porque os cálculos que se fan son moitas veces interesados e erróneos; normalmente calcúlase o volume total de pensións que se pagan e as cotizacións que hai, pero é que moitas desas pensións que se pagan en Galicia xeraron dereitos fóra de Galicia. Polo tanto, se queremos ser rigorosos, o primeiro que habería que facer é un cálculo real. E segundo, que este país precisa incrementar a taxa de ocupación; ese é o problema e non as pensións. Trátase dun cambio de orientación, porque nós temos os recursos e a riqueza para pagar as pensións.
Pedro (Padrón): Que propón contra o pago das peaxes da autopista?
O goberno central ten un compromiso con Galicia que ten que cumprir para reducir esas peaxes que teñen uns prezos abusivos e logo temos que traballar para reducir esa data da concesión por 75 anos. Pero hai que ir paso a paso, porque hai unha aparataxe na que temos que traballar. O que é escandaloso é que se rescataran as radiais madrileñas que eran deficitarias e non a AP-9 que dá beneficios. Pero tamén haberá que investigar como foi ese rescate que se fixo en tempos de Aznar. O noso horizonte? Unha AP-9 galega libre de peaxes e que o compromiso do Goberno se faga efectivo nos próximos orzamentos do Estado.
Dani Carballada: A que se debe o auxe do nacionalismo da que falan as enquisas, en especial entre a xente máis nova?
Coincido en que imos dar unha sorpresa o 12 de xullo e estou convencida de que se toda a xente que quere cambio participa, o 12 de xullo imos derrotar as enquisas e conseguiremos que neste país se abra un tempo novo da man do BNG. A que se debe que haxa agora esa ilusión que eu polo menos sinto, que hai unha corrente de simpatía, que a xente nos para pola rúa? Non hai fórmulas máxicas, pero eu creo que si hai sectores que ven no BNG a forza política capaz de transformar a realidade do país e que aprezan e valoran tamén que somos unha forza con raíces, con principios, con coherencia e que temos experiencia acumulada de goberno e demos exemplos de xestión nos nosos gobernos municipais e que ven en nós a capacidade de transformar o país en positivo. É certo que é un momento moi ilusionante e o 12 de xullo imos dar a sopresa e imos ter presidenta e un goberno libre de ataduras en Madrid.
Amalia Fernández: Por que leva gañando o PP en Galicia desde o principio dos tempos?
É para facer unha tese pero o 12 de xullo imos romper con esa tendencia.
Manuel (Vilaxoán): Formulará o BNG unha transferencia en materia de costas?
Que a costa galega se xestione desde un despacho a 600 quilómetros é un auténtico disparate, sobre todo que esa costa non ten nada que ver, por exemplo, coa do Mediterráneo. Hai que xestionalo desde Galicia e xa vai sendo hora de que sexa así.
Dan Manuel (Teo): O BNG vai facer vivenda pública?
A vivenda converteuse nun ben especulativo, é moi difícil para os mozos emanciparse. En Santiago, onde vivo eu, os prezos son disparatados. Que propoñemos? Un banco público de vivenda, a construción de máis vivenda pública e unha aposta pola recuperación do patrimonio, pola rehabilitación, xa que nestes anos reduciuse case un 50 % as políticas de rehabilitación.
Lois: Como se pode frear a emigración xuvenil e erradicar o traballo por horas?
Isto supón todo un programa económico no que a creación de emprego sexa a peza central. Como? Un país crea emprego cando aposta polos seus sectores produtivos e por unha economía circular que en Galicia leva anos de retraso, dez anos sen unha política industrial nos que perdemos 20.000 empregos. Para crear emprego hai que poñer o país a producir e evitar xeracións e xeracións de galegos facendo as maletas.
Iria (Santiago): Vanse crear escolas infantís en galego e derrogar o decreto do galego?
Esta é para min unha pregunta retórica, porque si, derrogaremos o decreto da vergoña para evitar que pais e nais que queren educar os seus nenos en galego se atopen con que, en canto meten un pé na escola, haxa unha regresión. Queremos un futuro cunha lingua viva e dinámica. Calquera que viva en Galicia sabe que se hai unha lingua discriminada é o galego. Eu estou convencida de que, canto máis fortes sexamos no cultural, máis o seremos tamén no económico e como país.
Anteriores encontros cos suscriptores