«Vai ser moito máis seguro votar que ir mercar o pan»

Juan María Capeáns Garrido
juan capeáns SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Emilio de la Iglesia, subdirector xeral de coordinación de Servizos Transversais
Emilio de la Iglesia, subdirector xeral de coordinación de Servizos Transversais CONCHI PAZ

Emillo de la Iglesia, coordinador de prevención nas eleccións, destaca que un equipo de 140 técnicos e supervisores revisan esta semana as condicións de 2.405 colexios e 3.953 mesas

11 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Emilio de la Iglesia traballa na Xunta desde hai sete anos nun deses postos que poucas veces acadan relevancia mediática, e só é así cando veñen mal dadas. Formalmente é o subdirector xeral de Coordinación e Servizos Transversais ou, o que é o mesmo, o responsable de riscos laborais do persoal autonómico. Estes días é máis doado identificalo e atopalo centrado na coordinación e prevención das eleccións galegas do 12 de xullo.

-O medo vai condicionar a participación o 12 de xullo?

-Como técnico, o que teño claro é que o protocolo que deseñamos coa colaboración da Dirección Xeral de Saúde Pública e o comité clínico asesor da crise do coronavirus incorpora medidas lóxicas e sensatas. Vai ser moito máis seguro votar ca outras actividades ordinarias que nunca deixamos de facer, como ir mercar o pan, ou que xa están permitidas agora, como tomar un café no bar. Todo está pensado tendo en conta as recomendacións vixentes e tendo en conta o último decreto do Goberno de España, con marxe para facer as modificacións precisas.

-Que vai ser distinto para o votante?

-Fixemos un protocolo sanitario de medidas para garantir a eficacia da votación, tanto dos membros das mesas, os interventores e, especialmente para todos os cidadáns. Haberá protección individual, co uso da máscara e do xel na entrada do colexio, que será obrigatorio. E hai outras medidas colectivas, como a desinfección, marcar itinerarios para evitar cruces innecesarios e o mantemento das distancias persoais. Todo está organizado de forma abstracta, pero esta semana comezamos o traballo dos coordinadores para adaptarse a estes condicionantes. Se detectamos problemas, buscaremos alternativas cos concellos.

-Os concellos están preocupados polo custe a maiores.

-Non hai dúbida nese asunto, o custe ordinario e extraordinario vaino asumir a Xunta.

-De canto falamos?

-É cedo para coñecer a cifra final. Vai depender, por exemplo, do consumo de máscaras, porque non se permitirá votar sen elas e haberá persoal entregándoas. Pero o lóxico é que a xente a leve da casa, que é o obrigatorio.

-Votar en outono suporía algún aforro?

-Non. O que imos facer nestas eleccións o repetiremos ata que haxa unha vacina contra o virus. E no outono non vai existir.

-Canto persoal van precisar?

-O que fixemos foi descentralizar o traballo. En Galicia temos 2.405 colexios electorais e 3.953 mesas. Repartimos o traballo en función das cinco áreas territoriais da Xunta -as catro provincias e a zona de Vigo- e asignamos a elas 133 coordinadores de prevención, que son arquitectos e enxeñeiros, técnicos ou superiores, que están recibindo formación específica. Haberá sete colaboradores por riba deles e, finalmente, a Subdirección Xeral. Tocan uns 18 ou 20 colexios por coordinador, o que semella razoable para resolver con anticipación todos os problemas.

-As escolas infantís, os centros de día ou as residencias de maiores serán colexios electorais?

-Que o edificio non teña actividade cos seus usos habituais non quere dicir que non sirva como colexio electoral, son cousas distintas. O caso das residencias de maiores tamén é diferente, porque habería que garantir espazos independentes, para os residentes e os votantes. En cuestión de días saberemos todos os problemas e teremos alternativas.

-Quen vai regular o acceso prioritario dos maiores no caso de que haxa esperas?

-Haberá persoal, desde as forzas de seguridade, ben sexan policías nacionais nas cidades, gardas civís no rural, ou axentes locais, ata membros de Protección Civil.

-Vostede tamén é o responsable da seguridade no regreso dos empregados públicos da Xunta aos seus postos, como vai a operación retorno?

-Ben, fixemos un traballo gradual e progresivo que está funcionando, xa hai máis ambiente. Penso que todo vai con calma, aínda que é normal que alguén teña algunha queixa, porque falamos dun colectivo de 21.000 persoas -non contan os docentes e sanitarios- e hai de todo, claro. Por iso imos con man esquerda, analizando cada caso individualmente e informando aos representantes sindicais.

-Na votación do 12 de xullo, falta algo que poida comprometer a participación dos cidadáns?

-Nada, mellor se temos un día fresco e sen choiva.