José Julio Fernández, ex valedor do pobo: «Teño unha mente un pouco inquieta»

GALICIA

Fernández posa nunha aula da Universidade de Santiago, onde é profesor
Fernández posa nunha aula da Universidade de Santiago, onde é profesor Sandra Alonso

Polifacético e sorprendente. Así é na distancia curta este experto en Dereito Constitucional, que tamén ten entre as súas inquedanzas a ciberseguridade e o respecto polo medio ambiente

12 jun 2020 . Actualizado a las 09:56 h.

José Julio Fernández (A Rúa de Valdeorras, 1970) é un experto en multiplicar o tempo. Só así se explica que teña cinco títulos académicos, tres traballos, varios libros de poesía e contos publicados, intensa actividade nas redes sociais, practique varios deportes e, por se fose pouco, sexa pai dun neno de dous anos.

«Teño unha mente inquieta», xustifica. Enténdese así que, ademais de doutor en Dereito, sexa licenciado en Ciencias Políticas e Sociais, en Xornalismo, en Comunicación Audiovisual, e diplomado en Estudos de Seguridade e Defensa. «Todo parte do mesmo, dende o principio da carreira interesáronme os temas de dereito público e constitucional, e considerei que para especializarme nese ámbito tiña que estudar tamén outros aspectos da sociedade que non se analizaban na carreira de Dereito», explica, antes de contar que pola mente se lle pasa aínda cursar as carreiras de Socioloxía ou Historia.

Polo de agora, recoñece que non ten tempo. Deixar o cargo de Valedor do Pobo que ostentou entre o 2012 e o 2015 non fixo a súa vida máis tranquila, aínda que si o afastou do foco mediático que supoñía un posto que asumiu en plena resaca da crise financeira do 2008. «Foi unha época dura coas participacións preferentes, os desafiuzamentos... Pero creo que fixemos un labor moi positivo. Eramos unha institución que presionaba. Nos desafiuzamentos nos que participou o Valedor non se produciu ningún desaloxo», apunta.

Agora, asegura, traballa cunha presión distinta pero non menor. Como profesor universitario, Delegado de Protección de Datos da USC e director do Centro de Estudos de Seguridade, os seus compromisos internacionais multiplícanse e recoñece que as viaxes intercontinentais acaban por desgastar. O peche de fronteiras da pandemia evitoullas nos últimos meses, mais a cambio a axenda está chea de actos e clases online, nas que a diferenza horaria obriga ás veces a conectarse a horas intempestivas. «Como profesor nunca tivera tanto traballo coma nestes meses», recoñece.

«A conciliación moitas veces é un mito»

A isto súmanselle os «malabarismos» aos que obriga unha conciliación que, afirma, «moitas veces é un mito», sobre todo logo de que a pandemia supuxese o peche das escolas infantís. Así que José Julio e a súa muller, maxistrada de profesión, buscan cada día, como tantos pais, a cuadratura do círculo para atender o traballo e ao seu neno de dous anos. «É superinquieto, interesante e divertido, pero hai que perseguilo e dedicarlle tempo, haino que ir construíndo como cidadán democrático evolucionado, irlle inculcando valores positivos, medioambientais...», conta.

Transmitir valores é tamén o que procura cos seus contos infantís. Porque tamén escribe. Poesía e tamén contos para nenos, nos que volca algunhas das súas inquedanzas como a solidariedade, a protección medioambiental, o feminismo ou o bo uso da tecnoloxía. Cuestións que tamén aborda nas redes sociais. «Teño un Twitter moi activo -@jojufe1- onde falo de dereito, cuestións de seguridade e ciberseguridade... E tamén un Instagram -@jojufejojufe-, que deixo para as cousas máis artísticas», explica.

Un podería pensar que non lle queda tempo para nada máis, pero non. Resulta que, a maiores, José Julio Fernández leva unha vida deportiva moi activa. Ata que a pandemia cancelou os encontros, xogaba nun equipo de fútbol de veteranos. Tamén lle gusta correr, a natación e a bicicleta. E fóra do deporte, comparte coa súa dona o gusto polas observacións ornitolóxicas.

Quédalle marxe para durmir? «Sempre durmín pouco, pero a medida que avanzo en idade, se dormo menos de sete-oito horas non estou moi lúcido», di. O pequeno non llo pon fácil. «Ás veces, ás sete da mañá quere xogar ao fútbol. Teño que explicarlle que é unha hora inconstitucional, pero de momento non fai caso», chancea.

 

Álvaro Ballesteros

Fun

Valedor do pobo entre os anos 2012 e 2015

Sandra Alonso

Son

Profesor de Dereito Constitucional e delegado de Protección de Datos na USC, e director do Centro de Estudos de Seguridade