Pancho Casal, candidato de Marea Galeguista: «Isto non vai de esquerda e de dereita, vai de reconstruír o país»

Cre que, de cara as eleccións autonómicas, hai galegos que non se ven representados no BNG «nin en forzas con intereses en Madrid»


Redacción / La Voz

Pancho Casal (A Coruña, 1955) asumiu o reto de encabezar a lista de Marea Galeguista —coalición de En Marea, Compromiso por Galicia e Partido Galeguista— para as eleccións autonómicas, carreira na que compite con Galicia en Común, os seus antigos socios de En Marea.

—Por que se presenta?

—Había que poñerlle cara ao proxecto e eu sempre estiven dispoñible, por lealdade á xente que tanto me axudou nestes anos no Parlamento e por lealdade a Luís Villares, que para min é un referente e que sería o mellor presidente da Xunta que podería ter Galicia. Construímos unha candidatura coaligados con Compromiso por Galicia e co Partido Galeguista, que melloraron moito a nosa proposta desde o punto de vista da formulación do galeguismo, e queremos trasladar unha idea de transversalidade, de que podemos falar con calquera. Nós non imos diferenciar galegos bos ou malos. A nosa é unha proposta progresista no social pero que non renuncia a falar cos empresarios e autónomos. Isto non vai de esquerda e de dereita, vai de reconstruír o país.

—Hai sitio no abano electoral para un partido máis?

—Nós desexábamos configurar unha plataforma soberanista de amplo espectro, desde o centro que pode supoñer o Partido Galeguista e o centro-esquerda de Compromiso por Galicia ata a esquerda de En Marea, con Anova e o BNG. De ser posible, Feijoo non estaría tan tranquilo, pero como non puido ser, temos que presentarlle esa complementariedade a unha cidadanía que ten claro que fai falta esta alternativa na política galega. Non é ir contra Feijoo, vai moito máis alá, é cambiar o paradigma do país. Como na Transición, os grandes cambios teñen que ser por consenso, integrando á cidadanía pero con respecto a esa cidadanía, non para controlala como fai o goberno de Feijoo.

—Como hai tres meses, esta candidatura pode restar votos á unión da esquerda.

—A situación cambiou radicalmente. Hai moita xente galeguista que cre nas potencialidades de Galicia e que non se ve representada no BNG nin en forzas que están pensando nos intereses do partido en Madrid, moitos que non teñen claro por quen votar e necesitan unha proposta como a nosa que non é especulativa, é de futuro. Eu non teño ningún interese persoal en estar sentado no Parlamento outros catro anos, pero si en trasladar un novo proxecto de país, e se non cala nestas eleccións, que espero que si, será para o futuro, porque Galicia o necesita.

—Por que non acaba de calar ese nacionalismo moderado en Galicia? Porque o capitaliza o PP?

—O PP coñece moi ben a sociedade galega e está inserido no estrato social galego, pero nós recollemos os valores que aportan partidos que foron quedando polo camiño, e tamén o que aportan outros como Compromiso por Galicia e o Partido Galeguista, esa tradición que ven desde Castelao e Bóveda, que lles permitiu desenvolver as liñas programáticas vinculadas coa cultura ou coa relación coa lusofonía. Por exemplo, eles teñen claro —e eu o teño cada día máis claro— que é máis importante un tren a 200 quilómetros por hora que enlace co Porto que con Madrid.

«Non é casualidade que Alcoa veña con isto en plena campaña»

Casal viña onte de reunirse co comité de empresa de Alcoa.

—Non están os partido a marear con Alcoa sen dar cunha solución?

—En Marea preguntoulle ao PP no Parlamento se estaban a favor ou en contra dunha intervención, e non contestaron. Alcoa é unha empresa acostumada a extorsionar permanentemente, non é casualidade que veña agora con isto en plena campaña. Pero hai que poñerse serios con eles e saber se queren quedar ou non, un goberno forte tería que facelo. Alcoa ten un capital social de 190 millóns de euros; se o señor Feijoo di que ten 3.000 millóns para a reconstrución de Galicia, pois con que dedicara o 2 % a negociar con Alcoa co apoio do Goberno central, pois Alcoa sentaría. E se non, con outros socios, porque hai cantidade de empresas que absorben a produción de Alcoa e non se poden permitir non ter aluminio primario. O coronavirus debeu ensinarnos que as materias primas e os produtos estratéxicos hai que coidalos. E as ministras Maroto e Rivera levan un ano sen poñerse de acordo co estatuto electrointensivo... É incomprensible, e máis agora, que o prezo da enerxía eléctrica está baixo mínimos...

—Como saímos da crise provocada pola pandemia?

—Vai haber uns fondos de reactivación enormes. Dos 140.000 millóns de euros da UE que veñen a España, para Galicia terían que vir 9 ou 10.000. Esa é unha oportunidade enorme, e foi tamén unha das razóns polas que decidimos presentarnos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
14 votos
Comentarios

Pancho Casal, candidato de Marea Galeguista: «Isto non vai de esquerda e de dereita, vai de reconstruír o país»