Antón Gómez-Reino, candidato por Galicia en Común: «Está en xogo seguir co decenio negro de Feijoo ou construír un novo Goberno con tres almas»

Susana Luaña Louzao
Susana Luaña SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Sandra Alonso

Pon a coalición Sánchez-Iglesias como exemplo da posible cohabitación na Xunta con outros partidos

03 jun 2020 . Actualizado a las 15:50 h.

Superado o coronavirus, Antón Gómez-Reino (A Coruña, 1980) recupera folgos para retomar unha campaña interrompida en marzo pola pandemia, e na que el encabeza a lista da coalición formada por Galicia en Común —a marca galega de Unidas Podemos—, Anova e varias mareas municipais, como Marea Atlántica e Compostela Aberta.

—Por que non valían agora as eleccións, e si poderían valer en setembro, cando remata o prazo para convocalas?

—Para nós, as eleccións valen cando se dean as garantías democráticas e sanitarias. É a Administración autonómica a que o ten que garantir, e isto aínda está por resolver. Aínda temos situacións preocupantes, como as que están denunciando os sindicatos do ámbito de Correos, que din que probablemente non se poidan dar as garantías para un voto por correo correcto, e ademais aínda seguimos sen ter garantías totais a nivel sanitario. Chama a atención que se permita ir a votar e, porén, o señor Feijoo non permita abrir os centros de día ata setembro, cando en todas as comunidades autónomas están abertos desde esta semana.

—Beneficiouno non ter renunciado á acta no Congreso en marzo?

—Para min é unha enorme responsabilidade seguir no Congreso, onde por exemplo son presidente da Comisión de Traballo, na que se van levar a debate medidas históricas como o ingreso mínimo vital. Cumprirei co mandato dos galegos e das galegas ata o último momento que poida, e a partir de aí entrarán outros compañeiros e compañeiras no Congreso para continuar co labor de Galicia en Común.

—O Goberno semella favorecer a comunidades autónomas gobernadas por socios como ERC ou o PNV. Está iso a erosionar as relacións co BNG?

—Teño claro que se hai un só escano máis na suma de Galicia en Común, Partido Socialista e BNG vai haber un Goberno de cambio. En todos os últimos procesos electorais do país hai máis voto progresista que voto conservador, e creo que é fundamental que nestas eleccións se mobilice o voto progresista, porque neste momento histórico é moito o que nos xogamos. Está en xogo seguir co decenio negro de Feijoo ou construír un Goberno novo con tres almas: unha alma de país, unha alma progresista e unha alma transformadora que afronte con políticas públicas expansivas a reconstrución do país.

—Non será, pola contra, un Goberno de tres cabezas?

—Hai un exemplo magnífico, que é o Goberno de coalición no Estado. Fronte aos agoireiros, demóstrase que funciona de xeito coordinado e que se está a facer un traballo histórico, lexislando en poucas semanas cuestións que noutros momentos se demoraron meses, como o ingreso mínimo vital, a prohibición dos desafiuzamentos ou a subida do salario mínimo profesional. A miña relación persoal e política con Gonzalo Caballero e con Ana Pontón é boa e constante. Hai xente neste país que, sen ser directamente progresista, si quere un cambio, e aínda que non se sinta identificada con Galicia en Común, co BNG ou co PSdeG si ansía un tempo novo, e é fundamental que consigamos que vaian votar o 12 de xullo.

—Teme unha baixa participación?

—Feijoo busca un escenario sen apenas campaña, polo que a xente non é consciente sequera de que hai un proceso electoral. A min pásame que moita xente está a preguntarme na rúa se están convocadas as eleccións, e iso non é un bo síntoma democrático. Non podemos permitirnos situacións coma a de Francia, onde só votou arredor do 30 % da poboación.

—Non cre que a candidatura de Marea Galeguista pode restar votos a ese Goberno tripartito?

—Eu non falo da estratexia doutras opcións políticas. A xente sabe que a alternativa a dez anos de recortes de Feijoo pasa por un Goberno progresista que Galicia en Común aspira a liderar xunto cos compañeiros do PSdeG e do BNG.

«Ao Goberno doulle un 7,5 na xestión da pandemia; á Xunta, un “non comparecido”»

Non cre nas enquisas que dan unha folgada maioría ao PP: «Nos últimos procesos electorais o PPdeG nunca pasou dos 600.000 votos, e as forzas progresistas estiveron cerca dos 800.000».

—Vese cómodo nunha campaña sen mitins e sen despregamento de figuras de Madrid?

—Esperamos que poidan vir, polo menos a ministra de Traballo. Hai que ver como vai avanzando a pandemia. Pero non é unha cuestión de comodidade, é de dereitos e garantías. Igual que o voto é un dereito, a campaña tamén é un dereito, non pode ser unha tómbola de a ver cantos días son. Todo o mundo ten que ter o dereito e a igualdade de oportunidades para dar a coñecer as distintas propostas políticas. Aínda así, nós estamos a traballar e temos unha importante carta de presentación: o fortalecemento da xustiza social que está a facer o Goberno de coalición do Estado de forma inédita e tomando medidas históricas en pouco máis de cen días.

—Puntúe a xestión do Goberno e a da Xunta na pandemia.

—Ao Goberno do Estado doulle un 7,5 na xestión da pandemia; á Xunta, un «non comparecido».

—Pero en Galicia a crise sanitaria foi menos grave. Aínda así rexeita a xestión que fixo a Xunta?

—En Galicia vivimos unha situación dramática derivada dos anos de privatización. A privatización dos coidados dos nosos maiores foi unha malísima noticia: máis da metade dos falecidos no noso país foron en residencias de maiores, a maioría en residencias privadas. Aí descansa un modelo de privatización sobre os escombros do que era o sistema financeiro galego: as caixas. É evidente que temos que tender a un modelo público de coidado dos maiores, como é evidente que a saturación no sistema sanitario tivo que ver con ese 8 % menos de camas nos anos de Goberno de Feijoo e cos continuados recortes.

«Nacionalizar Alcoa? Bankia foi nacionalizada e non é unha banca pública que axude ás familias»

Un dos piares da campaña de Galicia en Común nas eleccións xerais pivotou sobre Alcoa e a defensa da industria en Galicia.

—Vai manter Galicia en Común, e en particular a súa ministra, Yolanda Díaz, as promesas feitas aos traballadores de Alcoa?

—Defendemos o que sempre defendemos: garantir os postos de traballo —tamén os indirectos—. Esta semana presentamos unha proposta de plan de rescate. Nós sempre apostamos por unha intervención pública decidida na economía, e canto máis nos sectores industrias estratéxicos. Sabemos que se está a traballar desde Industria, e esta semana vai haber unha reunión importante para sacar adiante esta situación e asentar Alcoa. Pero hai que lembrar que o artigo 30 do Estatuto de Autonomía dálle plenas competencias en materia industrial á Xunta de Galicia, e o que vemos é que nos últimos dez anos Feijoo non fixo absolutamente nada, non só polas plantas de Alcoa, senón en xeral, para darlle unha saída á industria do país. Creo que esta crise puxo sobre a mesa a importancia de relocalizar a economía do país, e desde Galicia en Común non imos deixar caer esa empresa e eses traballadores cos que nos temos mobilizado tantas veces.

—Nacionalización de Alcoa?

—Intervención pública da economía. Nacionalizar Alcoa? Bankia foi nacionalizada e iso non significa que sexa unha banca pública que axude ás familias e ás pequenas empresas.

—Co ingreso mínimo vital non se corre o perigo de desincentivar a busca de emprego?

—O que vai motivar é unha subida salarial e que a xente non teña que coller empregos lixo. Estamos a velo estes días: o emprego que se destrúe é emprego precario. O preocupante é que durante tanto tempo houbera xente neste país que traballara de sol a sol e que seguira sendo pobre.

—E como se vai financiar?

—Desde o Estado estase a mobilizar unha cantidade inxente de recursos públicos para non deixar a ninguén atrás, e hai que camiñar cara a unha política fiscal progresiva na que quen máis teña poida achegar máis.

—Hai tantos ricos en Galicia?

—Non é unha cuestión de sinalar aos ricos, mais estou seguro de que hai moitísima xente que ten moitos recursos e que preferiría que houbese mecanismos para achegar máis á caixa común.

—Galicia en Común ten un programa expansivo desde o punto de vista económico. Como vai adaptalo a esta nova recesión provocada pola pandemia?

—Hai consenso en que non imos saír desta crise coas medidas da crise do 2008, caracterizadas por recortes e austeridade. Para saír desta temos que mobilizar recursos públicos para que ninguén quede atrás, e niso tamén hai consenso.