Pancho Casal, En Marea: «As actuais forzas da oposición non son quen de ser alternativa a Feijoo»

O exdeputado non se postula nin se descarta como candidato ante a volta desta formación: «Este é un proxecto a longo prazo e En Marea ten moita xente nova e válida».


Redacción / La Voz

Agarda que hoxe o consello das mareas o nomee a el, e máis a María Chao, como voceiros de En Marea, no sitio de Luís Villares. O órgano barallará tamén a posibilidade de presentarse as eleccións autonómicas, aínda que serán os inscritos os que o decidan. 

—Que mudou desde febreiro para que En Marea fale de presentarse?

—A situación política, a situación do país e a situación do mundo. A reflexión que se fixo na fin de semana nas asembleas de En Marea foi que unha organización política, ante unha situación excepcional e histórica que probablemente nunca máis volvamos a vivir, ten que ter unha posición e un proxecto, e a maneira de concretalo é ofrecerllo aos electores. Non podiamos volver á mesma decisión de hai tres meses. Advertimos, ademais, que esa xenerosidade que exercitamos na anterior convocatoria para dar máis posibilidades á alternancia a Feijoo, non se concretou en que a oposición en Galicia nestes tres meses medrara.

—Mais perante as eleccións, o equilibro de forzas políticas pode ser o mesmo que hai tres meses.

—O mesmo non, porque hai que presentar un novo proxecto de país e queremos estar presentes na nova Galicia que hai que construír. E polo que respecta ás tres forzas que teñen máis posibilidades de ser alternativa a Feijoo: por unha parte, Podemos e o PSdeG están máis pendentes do que se goberna en Madrid, que me parece moi ben, pero iso ten que ter traslación a Galicia. É un pouco raro que en Madrid voten que para que Feijoo poida convocar as eleccións e aquí digan que é unha irresponsabilidade. Pola parte do BNG, dicirlle non a Feijoo non nos parece unha postura de oposición. O que hai que dicirlle a Feijoo é como ten que ser este país. Pensamos que as actuais forzas da oposición non son quen de ser alternativa a Feijoo. Ten que haber unha posición propia de país. Por exemplo, o Estado vai gastar nos próximos dous ou tres anos 400 ou 500.000 millóns de euros e da Unión Europea virán para España outros 200 ou 250.000 millóns de euros. De todo iso, a Galicia terían que vir, proporcionalmente, 30 ou 40.000 millóns de euros. Iso son tres ou catro veces o orzamento da Xunta, que medraría de maneira extraordinaria. Pois hai que defender iso, porque ademais Galicia está na mellor posición, ao noso parecer, na industria turística, na agroalimentaria, na do automóbil, na naval… en industrias que van ser básicas para a nova economía que se vai desenvolver. Por iso cremos que temos cousas que dicir e as queremos dicir. Cremos que temos xeitos diferenciais, que o turismo en Galicia ou en Asturias e León vai ter máis oportunidades que outro tipo de turismo, e habería que aproveitalas. E na industria agroalimentaria, sen dúbida; un país que ten terra para producir produtos de alta rentabilidade… Iso non se pensa desde Madrid.

—Falan dunha plataforma de forzas nacionalistas. Con quen?

—Sería unha plataforma electoral entre todos aqueles partidos que teñan unha visión parecida á nosa. Hai xente que, independemente de que se considere só galega ou máis galega que española, pensa que Galicia ten que ter un proxecto propio e cremos que aí En Marea pode aportar. Somos conscientes, non somos uns ilusos, de que a nosa forza electoral nestes momentos é feble, pero pensamos que hai un espazo sociolóxico, que hai moita xente en Galicia que pensa que un partido de máis amplo espectro do que pode ser o BNG sería necesario para a construción desa nova Galicia. Estamos abertos a todos os que compartan esta idea, non é un proxecto pechado. Penso que hai moita xente de esquerda ou de centro-esquerda en Galicia que lle gustaría que aquí houbese un partido como o PNV, aínda que o PNV non sexa un partido de esquerdas. O progresismo cada vez vai menos ligados a cuestións unicamente de esquerdas, polo menos na miña opinión. Nestes momentos hai que ter unha visión moi ampla, moi aberta, e intentar que nas eleccións, moita xente que poida estar desilusionada, que pense que vai ter máis alternativas das que agora ten.

—Contan de novo co BNG e con Compromiso por Galicia?

—Hai moita xente con prantexamentos políticos novos, diferentes aos tradicionais, que se foron impregnando teoricamente nos novos partidos e que poderiamos atraer con alternativas abertas, non sectarias, nos excesivamente ideoloxizadas, cara un novo proxecto. O BNG é un partido que ten, para nós, todo o respecto e que toma decisións soberanas en Galicia, e como xa fixemos en febreiro, estamos abertos e encantados de falar se o BNG ten ganas de falar. Pero sobre todo, nós o que queremos trasladar é a forza municipalista. Hai moitas mareas e partidos independentes que non teñen un reflexo na política de país. Son centos de concelleiros e case 200.000 votos que poden ter a oportunidade de estar nunha plataforma que os teña en conta. Eu téñoo claro, quen máis coñece a realidade de Galicia é o Partido Popular e as candidaturas municipais. E logo si, haberá que falar con Compromiso por Galicia, o Partido Galeguista e tantos outros que teñen tanto que dicir.

 —Galicia en Común?

—Non. É algo que terán que dicidir os inscritos, pero sería voltar a unha situación de difícil retorno. Temos moita capacidade de entendemento con eles e moi boa relación persoal con moitos deles, pero as prioridades neste momento son outras.

 —Será posible sen Luís Villares?

—El deixouno precisamente para evitar receos, porque hai xente nos partidos que pensa máis que nada nos postos, e el quería transmitir que a En Marea actual está formada por xente normal que temos a nosa propia vida, que ninguén veu a facer carreira política, pero que si queremos intervir en política. El, naquel momento retirouse para ver se desa maneira era posible a conformación desa plataforma. En En Marea hai moita xente nova e moi válida. Eu agora podo estar máis presente pola experiencia destes anos no Parlmanento, pero teño claro que hai moitisima xente que vai ter que pilotar ese novo futuro e eu non considero que teña que estar na primeira liña, será algo provisional.

—Desbótase logo como candidato?

—Non me desboto, pero isto é un prantexamento a longo prazo e terá que haber novos liderados. A curto prazo todos estaremos aportando, e eu o primeiro. Eu estou aquí para facer política con condicións, e todas esas condicións, quen mellor as cumpría era Luís Villares, por iso tomei todas as decisións que tomei.

—Villares sabe do proxecto ou está á marxe?

—O contacto con Luís haino, por suposto. El aínda non se incorporou á maxistratura. A súa decisión é definitiva, non vai ter volta atrás, pero ten unha ascendente política moi importante nesta organización e mentras poida facelo legalmente, vai seguir aportando.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Pancho Casal, En Marea: «As actuais forzas da oposición non son quen de ser alternativa a Feijoo»