César Dapena: «As pedras fálanme»

O mestre canteiro, que traballou na catedral de Santiago e na Sagrada Familia, pensa que o oficio aínda non se recuperou da crise


César Dapena (Ventoxo, Forcarei, 1963), traballou na catedral de Santiago, na Sagrada Familia e agora di que lle gustaría aprender francés para participar na reconstrución de Notre Dâme. Canteiro de raza, quéixase do mal que está o oficio. Falamos na súa casa de As Pontes, unha casa, claro, de pedra, con vistas á gran cheminea da central: «A cheminea, aquí, domínao todo»

-Como foi iso de traballar na Sagrada Familia?

-Traballei para unha empresa que está en Lugo á que lle encargaron uns traballos para a Sagrada Familia.

-E tamén estivo na catedral de Santiago.

-Alí estivemos tres anos. E ao

final veu outro tirando prezos e mandounos para casa.

-Éo seu un oficio en alza?

-A miña experiencia é da Escola de Canteiros de Pontevedra, que se creou para que non se perdera un oficio que estaba practicamente extinguido. A partir de alí creáronse as escolas taller, que tamén lle deron moito pulo. Pero o tema da crise foi moi duro. Sobre todo na construción.

-Non nos recuperamos aínda?

-Na construción, non. Eu púxenme pola miña conta e montei un taller, pero a ornamentación non é algo prioritario. E moitos dos meus clientes eran xente maior, que ten uns cartiños e os dedica a poñer unha mesa, unha lareira, un cruceiro...

-Tamén afectados pola crise.

-A esta xente, máis que a crise, o que lles fixo dano foron as preferentes. Aquí tiveron un impacto terrible. Moitos ao mellor os recuperaron, pero a xente quedou escaldada.

-De todos os xeitos seica as veces hai unha obsesión coa pedra.

-O que hai é moita ignorancia do que é a pedra e para o que vale. E os substitutivos que hai... iso xa é terrible. En Galicia teríamos que vender o caso arquitectónico como algo distintivo da nosa idiosincrasia. Non hai unha casa igual a outra.

-Por que pasa isto?

-Por que non hai unha orde. Non hai obrigas. Sómente había que fixarse no que se facía antes. Os galegos fomos dos mellores construtores do mundo. Os canteiros traballaron por todo o mundo; era o que mellor sabiamos facer e non se aproveitou ese coñecemento.

-Seus avós foron canteiros.

-Si, os dous. Un chegou a Estados Unidos e traballou en Carolina do Norte. Saíu de Cuba nun bocoi de viño e cun pasaporte italiano.

-Ensinaríalle o oficio.

-Nunca o vin traballar. Unha vez facer un muro. Non aprendín deles. Eu traballaba en Endesa pero levaba uns anos co runrún da pedra e, aos 29, fun a escola de Pontevedra

-Para o seu oficio será fundamental coñecer a pedra.

-Se coñeces o granito... É o abecé da cantería. Se es capaz de escuadrar unha pedra de granito, o resto que che poñan por diante é fácil. A pedra da Sagrada Familia é caliza, nunca a picar, e tes que ter moito coidado, porque é moito máis branda.

-Vostede ve unha pedra e xa...

-...Xa me está falando. As pedras fálanme. Xa lle ves o tipo de grao, se é dura ou branda, se cuartea...

-E imaxina en que se vai converter?

-Eso acabouse. Antes ías ao monte e, en función do que quixeras, escollías. Agora encargas ao serradoiro.

-Na catedral de Santiago tivo que traballar en altura. Non terá vértigo.

-O andamiaxe dáche moita seguridade. Pero non teño vértigo, non. Fun espeleólogo.

-Terá as mans endurecidas

-Si, as mans collen dureza, callos. Cando comecei con este traballo da Sagrada Familia, facía tempo que non traballaba. A primeira semana coa maceta foi terrible.

-Hai algún traballo do que estea máis orgulloso?

-Eu trato de que todos os traballos que fago sexan honestos, que teñan a mesma intención. Aínda que fixen cousas moi raras. Unha escultura unha vez a tamaño natural para un cego. Foi moi difícil.

-E que lle gustaría facer que non fixo?

-Estiven pensando en aprender francés para traballar en Notre Dâme.

-Celta ou Dépor?

-Celta sempre. Eu tamén fun xogador de fútbol. Era un central poderoso.

-Defínase en poucas palabras.

-Son paciente porque para a pedra tes que ter paciencia. Honesto, como me ensinou meu pai e diría que son boa persoa.

-Que tal cociña?

-Encántame a cociña. Non me importaría cambiar para ese oficio. Non me daría ningún medo.

-Ten outras afeccións?

-Ler, pero non ficción, máis ben libros técnicos. Tamén pescar. Vou a Cariño a pescar luras.

-Que se lle da mal?

-O debuxo artístico cústame un pouco, pero a verdade é que o fago igual.

-Si poidera viaxar nunha máquina do tempo un so viaxe, onde iría?

-Ao tempo das cavernas. Ao Neolítico.

-Alí ía ser un xefe.

-Si, ha, ha. Gustaríame saber por que facían o que facían.

-Dígame unha canción.

-O carro, de Fuxan os Ventos.

-Que pensa vostede que é o máis importante na vida?

-A familia, os amigos, a natureza. Vivir nun bo entorno é fundamental.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

César Dapena: «As pedras fálanme»