Antonio López: «Boto moito de menos dar clase»

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

O reitor da USC, apaixonado do Obradoiro, confesa o gusto por cociñar e pola bricolaxe: «Atrévome con todo»

04 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Entrar no reitorado da Universidade de Santiago, para os que non estamos acostumados, ten algo de impresionante. No despacho principal traballa un xestor con alma de mestre ao que xa non lle queda tempo para o ensino. Antonio López (Cabarcos, Barreiros, 1964) ten no seu despacho un cadro con varios trevos de catro follas que el mesmo atopou. É dos que pensan que só tes que buscalos.

-Xa leva case dous anos como reitor. Como valora o cargo?

-Moito traballo, moi esixente, moitas horas... E, coma todo, ten días bos e outros non tanto. Pero estou con ilusión, e ata de agora non me arrepinto, ha, ha. O que lle podo dicir é que o tempo pasa rápido. Será que o paso ben.

-Hai que saborear estes momentos...

-Si. Unha vez escotei a un cura dicir que era unha desgraza para o ser humano buscar a felicidade como un estado, que iso non existe. O que hai son momentos. E hai que saber gozalos con intensidade, porque sabemos que non van durar.

-Vostede estivo no Consello de Contas. Semella un traballo árido.

-Nalgunhas cousas era parecido ao traballo universitario: informes, estudos... Foi unha etapa boa, positiva, pero tiña claro que era só unha etapa.

-Fiscalizan as contas, pero non sempre lles fan caso.

-O Consello fai de Pepito Grillo. Sinala o que está mal para que mellore, pero en último termo teñen que melloralo eles.

-Segue dando clase?

-Case non dou. Moi anecdoticamente. Boto moito de menos dar clase. Agora que comeza o segundo cuadrimestre sinto certa morriña. Son días bonitos, porque chegas á aula e coñeces a un grupo novo de persoas co que vas a interactuar nos próximos meses... Si, bótoo moito de menos. Gustaríame, pero sería malo para os alumnos, porque as obrigas non permiten cumprir co rigor que merece.

-Traballar coa rapazada rexuvenece.

-Imaxine entrar na aula e estar con trinta ou corenta persoas que, por definición, están pletóricas, felices... Iso contáxiate.

-Como ve o alumnado de hoxe, é peor?

-Non. É un alumnado diferente, porque a sociedade é diferente, pero tamén saben pensar, cultívanse... Tamén terán que traballar dun xeito distinto ao que tivemos que traballar nós. Teñen acceso a todas as fontes do coñecemento, que antes eran máis limitadas. Por iso é máis importante transmitirlles capacidades para que acaden o seu propio coñecemento.

-Pero se delegamos a memoria noutros aparatos acabaremos sen memoria. Non lle preocupa?

-Si. O da memoria, ademais, é unha cuestión de exercicio. Eu, de novo, fixábame nas matrículas. E sabía todas as da parroquia, os coches, os modelos... E os números de teléfono. Algunhas habilidades desas si que penso que había que mantelas. O cálculo, falar en público, redactar. Aí hai algo que non facemos ben.

-Que tal estudante era vostede?

-Bo.

-Pero suspendeu unha vez.

-Si, Manualidades, e gardo boa relación co profesor que me suspendeu. Foi porque rompera un brazo o primeiro ano que cheguei ao seminario de Mondoñedo e non puiden facer nada. Así que suspendín. Era un bo rapaz.

-Seguro que o segue sendo.

-Inténtoo, si, ha, ha.

-Cando terá unha reitora esta universidade?

-Sería moi desexable que canto antes. Aquí temos un problema de acceso das mulleres aos niveis máis altos da carreira académica.

-É vostede un apaixonado do Obradoiro.

-Esta temporada só perdín un partido, porque estaba de viaxe. É un momento bonito de cada quince días.

-Nesa cancha hai xente moi ponderada que perde a compostura.

-Ás veces déixome levar. Levántome e berro.

-Algunha vez lle dixo ao árbitro que se equivocou?

-Algunha vez. E non de moi bos modos. Forma parte da paixón que se desata neses momentos.

-Escribe por pracer?

-Escribo, pero non literatura. Algunha poesía no colexio. Para evadirme, non. Si pintei... ou debuxei.

-Celta ou Dépor?

-Celta. Aínda que en realidade son do Real Madrid.

-Busque catro palabras para definirse.

-Son tranquilo, reflexivo, audaz e testudo.

-Explique brevemente Galicia.

-Galicia é verde e azul. Somos xente traballadora e humilde. E preguntamos moito e bastante ben. Como di Carlos Blanco, somos o único país do mundo cun himno que ten dúas preguntas e comeza por unha delas.

-Ten algunha afección?

-Camiñar e facer chapuzas na casa. Do que sexa. Atrévome con todo.

-Daríalle a corrente algunha vez.

-Máis de unha.

-Cociña?

-Si, si. E non se me dá mal. Teño moita paciencia. Desestresa moito.

-Se accedese a unha soa viaxe nunha máquina do tempo, a onde iría?

-Ao París da Revolución francesa.

-Dígame unha canción.

-Another brick in the wall, de Ponk Floyd.

-Qué é o máis importante na vida?

-A familia. Está toda a vida.