21 días de orgullo neofalante

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Preto de 4.000 estudantes participan este ano no programa de dinamización lingüística

13 ene 2020 . Actualizado a las 23:58 h.

Cadaquén ten a súa historia. Se cadra a lingua botouse a pacer ao chegar á facultade. Ou cando máis afastada estaba da casa. Poida que se soltase na discoteca ou nalgún festival. A de Víctor F. Freixanes, que hoxe é o presidente da Real Academia Galega, botou a falar aos 16 anos. Anunciou a canda seu irmán que a partir daquel día falaría en galego. A historia contábaa diante de ducias de estudantes do Xelmírez I, un dos dez centros participantes nestes 21 días de orgullo neofalante que acaban de comezar. Unha iniciativa que comezou a bulir no 2013 no maxín de Pilar Ponte, do IES da Pobra, e que este ano chega a douscentos docentes e preto de 4.000 estudantes de entre 12 e 18 anos, que teñen un reto os vindeiros 21 días: vivir as 24 horas en lingua galega.

21 días? Seica ese é o tempo que lle leva a un costume apousentar na cabeza para deixar de ser novidade e converterse en hábito. Para que o galego deixe de ser patrimonio da aula para pasar a ser ferramenta nos patios, nas tardes coas amizades, nos primeiros amores. Na literatura e no cine. «Tedes nas mans un dos patrimonios máis grandes que se pode ter: unha lingua propia». As linguas son propiedade do pobo. E as linguas só existen cando están vivas, cando atopan acubillo nas redes sociais, na televisión, nas noticias.

Que significa ser galego ou ser galega? A pregunta facíaa Noela Rivas, alumna do Xelmírez I, que comparaba a lingua cunha muller co corpo cheo de tatuaxes. A historia dun idioma escrita na pel, dende os anos de prestixio cortesán ata os Séculos Escuros, do Rexurdimento á situación actual. Esa situación, cal é?

-Depende da área xeográfica. O galego ten máis peso específico nas áreas rurais e nos contornos periurbanos; o castelán, nos contornos urbanos e nas áreas metropolitanas.

-Preocúpalle a vostede?

-Evidententemente. Galicia tende cada vez máis á urbanización da sociedade, e as tendencias poboacionais xogan en contra da lingua galega. Hai que dicir que cada vez se reforza máis nestas áreas, e vese con máis normalidade o feito de que sobre todo as xeracións máis novas empreguen o galego e o castelán indistintamente.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, ía máis alá dos discursos derrotistas. Algo hai que facer. Algo se pode facer: «Queremos demostrar que é posible vivir en galego. Esa é máis a intención,  que vaia máis alá da aula, que se impliquen as familias e o contorno dos alumnos e das alumnas». Contribuír a crear un hábitat normal en galego.

«Hai que crear espazos de relación e de descubrimento da vida, e non limitarse a que o galego sexa unha materia que hai que estudar», aínda que por suposto hai que estudalo -e, de feito, o índice de competencia en lingua galega está en máximos históricos-. «Temos que implicar ás novas xeracións nesta aventura fermosa que é reivindicar, vivir e modernizarse na propia lingua». Falaba así Víctor F. Freixanes antes do inicio do acto central de arranque desta segunda campaña de 21 días co galego e +, que se desenvolvía á vez nos outros nove centros participantes: IES Afonso X O Sabio (Cambre), IES Antón Alonso Ríos (Tomiño), IES Ánxel Fole (Lugo), IES Eduardo Blanco Amor (Ourense), CPR plurilingüe Fogar de Santa Margarida ( A Coruña), IES Illa de Ons (Bueu), IES As Lagoas (Ourense), IES de Poio e IES de Vilalonga (Sanxenxo). Son 504 horas ininterrompidas en galego, cun gran peso do formato dixital. Un blog amosará as creacións dos centros participantes, e os institutos deberan, á súa vez, seguilo e actualizalo cada día. Unha vez á semana aparecerá o reto de grupo, que tamén deberán superar. En tres xornadas o alumnado será convidado a facer as súas reflexións sociolingüísticas sobre a experiencia, e outros días poderán ver presentacións doutros participantes. As fins de semana son as familias as que están chamadas a crear un contorno galegofalante a través de propostas de retos para facer colectivamente coas rapazas e rapaces. E, como desexou Pilar Ponte, «a da idea», que a afouteza do galego vos acompañe.