Xesús Alonso Montero, expresidente da RAG: «Durmo para non facer falcatruadas»

GALICIA

No despacho da súa casa non hai ordenador: aquí mandan o bolígrafo e o papel
No despacho da súa casa non hai ordenador: aquí mandan o bolígrafo e o papel XOAN CARLOS GIL

Animal de cafetería, amigo da retórica, preocupado polo cambio climático, aspirante a presidir unha república que cre que xa non verá... O vello profesor non se xubila das súas máis íntimas militancias

09 ene 2020 . Actualizado a las 08:43 h.

Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) é un irredutible. Non escribe se non é a bolígrafo -«o xornalista Borobó e mais eu fomos os últimos de Filipinas, teño unha espulla nun dedo do bolígrafo», di-, segue a redactar cartas que leva en persoa á estafeta de correos e non dá un paso atrás na defensa dun marxismo que abrazou sendo mozo. Iso si, cos 90 xa feitos tivo que deixar o barrio vigués de Teis no que viviu máis de tres décadas. «Logo de morrer a miña muller en setembro do 2018 precisei vender o piso para resolver problemas económicos, e aluguei outro preto do Corte Inglés», explica.

O que máis bota en falta no novo barrio é a cafetería na que «lía libros, escribía e parolaba con amigos». Na súa mesa habitual, que convertía case no seu despacho, escribiu o seu penúltimo libro sobre a escritora María Victoria Moreno. «Eu son animal de cafeterías dende a época en que estudaba en Madrid, aínda que agora os cafés xa non se levan», confesa. El segue a visitalos cada mañá. «Dende hai 40 anos nunca almorzo na casa. A mediodía algunha vez si xanto, pero case sempre o fago con amigos», revela sobre a súa rutina diaria.

Un día que, por certo, non comeza cedo. «Durmo bastante, supoño que por unha cuestión ética, porque eu, coma todo o mundo, son un canalla. E se me deito cedo e me ergo tarde teño menos tempo para facer falcatruadas», chancea con sorna. Xa pola tarde recoñece que ve bastante televisión: «Non escarmento. Estou realmente contaminado por ese aparato. Pero é que se un non sabe o que se fai e se di en Telecinco non coñece esta sociedade, alienada grazas ao sistema de publicidade, de espectáculo e de propaganda inventado pola dereita», xustifica.