A biblioteca de Ourense xa ten edificio propio despois de 172 anos

La Voz OURENSE

GALICIA

O proxecto actual vén aínda do Goberno de Aznar, e tiveron que pasar quince anos para que se abra

24 dic 2019 . Actualizado a las 11:51 h.

Máis de 170 anos despois da súa apertura ao público, a Biblioteca de Ourense conta cun edificio de seu. A orixe da mesma sitúase en 1836, cando a Comisión Provincial de Monumentos inicia a recollida de volumes para crear unha biblioteca e os deposita onte estaba a Comisión: no convento de San Domingos -actual sede de Facenda, no centro da cidade-. A recollida, propiamente dita, desenvolveuse ata 1845. Como biblioteca abriuse ao público en 1847 no instituto da cidade, e logo pasou ao instituto que actualmente leva o nome de Otero Pedrayo. Alí foi onde se rexistrou o grande incendio de 1927, que deixou á institución sen a maior parte dos fondos. Houbo unha campaña cidadá para conseguir dotala de novos exemplares, e pasou a ocupar o baixo da Deputación. En 1978 foise para o edificio de Educación na rúa Concello, e, tras unha longa espera, dende onte a Biblioteca Nodal de Ourense conta cun edificio de seu.

Adxudicada no 2004

O proxecto de facer do contorno do vello cuartel militar de San Francisco -antes, e durante séculos, convento dos franciscanos- un gran conxunto de infraestruturas culturais vén de lonxe: presentouse cando Mariano Rajoy era ministro de Educación e Cultura do Goberno Aznar, e o popular Manuel Cabezas alcalde de Ourense. A iniciativa, que contemplaba un edificio de nova planta para a biblioteca e rehabilitar o conxunto histórico para o Arquivo Histórico Provincial, non tivo o vento a favor. O proxecto licitouse no 2003, adxudicouse no 2004 e inaugurouse a nova Biblioteca Nodal de Ourense quince anos despois de comezadas as obras. E polo medio quebraron tanto a primeira como a segunda empresa adxudicataria, polo que foi preciso volver sacar de novo as obras a concurso. O resultado é un edificio que dispón de máis de 7.000 metros cadrados, dotado con todo tipo de servizos e das últimas tecnoloxías, creado cun investimento de preto de 12 millóns de euros.

Conta cun fondo duns 200.000 documentos -entre libros, fondos de hemeroteca, audiovisuais e demais- e máis de 38.000 socios. O ministro de Cultura en funcións, José Guirao, pediu desculpas polo atraso das obras, e animou aos ourensáns a usar e a gozar das novas instalacións, que recoñeceu que veñen a erradicar unha eiva histórica, ao estar sen espazo e obsoletas as vellas instalacións da rúa Concello, onde estaba o servizo dende 1978.

Guirao confesou que desexaba estar na inauguración de Ourense por unha compoñente persoal, por ser a cidade do seu mestre e amigo José Ángel Valente e por estar a nova instalación a só 200 metros de onde están soterradas as cinzas do poeta. E leu un texto de Valente, pertencente a Cántigas de alén, para pechar a súa intervención. O ministro aproveitou a súa visita á cidade para anunciar que as obras do Arquivo xa están rematadas e que, logo de equipado, será inaugurado en xuño ou xullo do 2020.

Concurso de ideas para o nome

O presidente da Xunta, que citou en varias ocasións a Carlos Casares -do cal recuperou a definición de que «Ourense é unha cidade culta e literaria»- e que lembrou a figuras senlleiras da cultura ourensá e galega, de Curros a Otero Pedrayo, anunciou que o Goberno galego convocará un concurso de ideas para darlle nome ao centro. Feijoo asegurou que «a biblioteca do mañá é esta» e fixo unha defensa do formato papel como o soporte máis axeitado para a lectura.