Galicia Nomeada, a ferramenta dixital para salvar dous millóns de topónimos
GALICIA
A colaboración cidadá é chave para na aplicación desenvolvida pola Real Academia e a Xunta
21 dic 2019 . Actualizado a las 10:37 h.Dicía Filgueira Valverde que Galicia se nomeara a si mesma tres millóns de veces. Naquela volta do camiño e neste corgo. No penedo de alá e nesa devesa. Na terra e tamén na auga. Se, citando a George Steiner, o que non se nomea non existe, Galicia existe, abofé. Se cadra, hoxe só resiste. Nos últimos trinta anos quedaron sepultados no esquecemento medio millón de microtopónimos, eses nomes cos que Galicia se chama a si mesma. Cada rocha, cada leira, cada recuncho do camiño, ten un alcume. Son unha media cincuenta por cada quilómetro cadrado de terreo. Nomes que foron esmorecendo sepultados polo cemento. Que desaparecen con cada aldea abandonada, cada persoa que morre e cada concentración parcelaria.
«Cada aldea que se perde é un tesouro que se nos vai», alertaba o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes. Agora xa hai un parapeto, un antepeito chamado a salvar da esmagadora do esquecemento dous millóns de microtopónimos. A Real Academia Galega, en colaboración coa Xunta, vén de poñer en marcha Galicia Nomeada. A memoria dixital ao servizo do coñecemento tradicional. Un portal e unha aplicación móbil (xa dispoñible para iOS e Android) nos que gardar un patrimonio inmaterial vasto, único. E sobre todo, moi vivo. E necesario.
O exemplo púñao o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda: se cada rocha, cada anaco de monte, cada camiño, teñen nome de seu, localizar unha emerxencia é moito máis doado. E nas emerxencias cada minuto pode ser decisivo. Por iso non poden esvaecerse eses dous millóns de nomes. Por iso, Galicia Nomeada e un chamamento a colaborar a dous millóns e medio de galegos, que poden achegar ao rexistro a microtoponimia da súa zona.
«Queremos darlle prioridade en primeiro lugar a aqueles concellos nos que non hai datos». Vicente Feijoo Ares é o coordinador do equipo técnico de toponimia da RAG e un dos responsables da posta en marcha desta ferramenta dixital na que a Amtega asumiu a parte tecnolóxica e que permite, grazas ao Instituto de Estudos do Territorio, saber como foi cambiando Galicia a través dunha potente base cartográfica. Unha base que deixa ver que hai hoxe naquel lugar que algúns aínda chaman, por exemplo, Agra da Paula.
Xa se recolleron 478.000
Nalgúns concellos, como o de Compostela, xa se recolleu a memoria microtopográfica. Máis de nove mil nomes que xa non quedarán esquecidos. Nestes anos, o intenso traballo permitiu recompilar preto de medio millón de microtopónimos en toda Galicia. Porén, hai aínda un cento de concellos nos que os nomes aínda existen, pero seguen esmorecendo. E neses nos que se centrará o traballo prioritario.
Calquera persoa pode consultar a microtoponimia da súa vila a través do visor. E tamén, logo de completar o proceso de rexistro e obter un contrasinal, de engadir novas referencias ou suxerir cambios nas que existen, para o que teñen que cumprimentar un formulario. Hai un equipo de persoas que validarán os datos que se vaian enviando e contarán coa colaboración do Seminario de Onomástica da RAG, que leva moitos anos loitando contra o esquecemento dos nomes de Galicia. Durante a fase de probas, na que se recolleron 6.6000 nomes, o equipo de validación foi quen de revisar un cento ao día.
As persoas que colaboren con Galicia Nomeada poderán xeorreferenciar o microtopónimo, do que se recolle a súa ortografía e tamén a descrición fonética (utilizando, por exemplo, un audio). Tamén se pode delimitar o ámbito que abrangue ese nome e engadir documentación sobre a súa historia, as lendas asociadas, e incluso fotografías ou vídeos.
Con b ou con v?
Un patrimonio único en Europa e se cadra no mundo debe ser divulgado. Por iso, ademais da ferramenta Galicia Nomeada presentouse o renovado portal Toponimia de Galicia, unha páxina web para saber máis sobre os nomes da terra. O portal está conformado por diversas seccións desenvolvidas pola Real Academia Galega, que ademais responde ás preguntas da sociedade galega sobre toponimia, como por exemplo por que un topónimo se escribe con b ou con v.
Outra das seccións, que se chama Detrás dos nomes, dá acubillo a artigos e vídeos que, con rigor científico e de xeito sinxelo fan achegas sobre o significado dos topónimos. A sección deterase nos máis curiosos que se vaian incorporando a través da ferramenta Galicia Nomeada. Finalmente, a sección Sabías que...? ofrecerá pílulas informativas dedicadas á relación da toponimia coa fraseoloxía, cos cantigueiros, coas etimoloxías populares e outras historias interesantes en relación coa toponimia.
O portal renovado súmase deste xeito a outras actividades de divulgación que a Real Academia Galega ten posto en marcha para divulgar o patrimonio toponímico de Galicia, como a colección Terra Nomeada, que conta xa con volumes dedicados a Ames, Agolada, Trabada, A Estrada, Begonte e Rábade e a campaña de charlas Toponimízate, organizada en colaboración con Secretaría Xeral de Política Lingüística e que está centrada na difusión da toponimia local e o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada. A terceira edición desta campaña rematará a vindeira semana en Vilalba e este ano percorreu 16 concellos galegos e do Bierzo. Ademais, desenvolveu unha experiencia piloto de colaboración interxeracional no centro de maiores d’As Neves.