Xil Ríos: «Case vou a Eurovisión, pero claro, 'Giraré' non soa tan agarimoso como 'Xirarei'»

Empezou cantándolle ao mar e á emigración da súa Moaña. Un día pasou de casualidade de solista de coral a cantante pop de éxito, compartindo discográfica con Miguel Ríos ou Nino Bravo

Xil co «fisgón», que representa unha arte de pesca tradicional no paseo marítimo da súa Moaña natal
Xil co «fisgón», que representa unha arte de pesca tradicional no paseo marítimo da súa Moaña natal

Redacción | La Voz

A de Xil Ríos é a historia dun mozo de vila mariñeira, a quen a música, que escoitou dende pequeno, lle cambiou a vida. «Eu vivía en Quintela -Moaña-, e lembro aqueles domingos nos que os rapaces que ían ao baile pasaban cantando... pensaba que algún día me tocaría a min». E así foi. Xil acórdase da rondalla na que estivo primeiro, chea de cancións retranqueiras entre mozas e mozos, e ten viva a lembranza da Coral Moañesa: «ti tes chispa» dicíalle Jesús Moldes Monroy, o cura que a dirixía.

Xil Ríos, en 1980, na portada do single dun dos seus maiores éxitos, Xirarei, composta por Juan Pardo
Xil Ríos, en 1980, na portada do single dun dos seus maiores éxitos, Xirarei, composta por Juan Pardo

«A chispa», chegada a maioría de idade, púxose en pause. Tocaba facer a mili e ir visitar os seus pais, emigrados en Venezuela -el quedara no Morrazo cos seus tíos-. Para cando lle volve dar de novo a play, non sabía o que se lle viña enriba. Ano 1971, o solista de coral ten a oportunidade de participar no Festival Dorna de Vigo, que non era coma o de Benidorm, pero case. «Un día despois de cantar nunha misa achégase a min un tipo -Leopoldo Bahíllo- que me di que ten unha canción, que sabía que cantaba ben e que tiña a idea de que a levara a ese festival». Costoulle, pero aceptou: «Era un lío, nunca cantara cunha orquesta, pero graveina». O tema, Un anaco de Pan, foi un éxito.

A Xil non lle quedou outra que esquecer a súa orixe humilde e pasar por primeira vez na vida unhas noites nun hotel de 5 estrelas (o Bahía de Vigo). «Quedei de segundo, pero como xogaba na casa a xente estaba como tola comigo e ademais alí había cazatalentos que se fixaron en min», comenta emocionado. Dito e feito. Ao día seguinte xa estaba fichado por Philips-Phonogram, unha destacada discográfica: «O estudio de gravación era máis grande que o cine de Moaña».

E así foi adquirindo sona, compartindo espazo con artistas coma Nino Bravo, Miguel Ríos ou Paco de Lucía: «Na cafetería cruzeime con Los Chichos que ían presentar daquela as súas maquetas... e mira despois a de discos que venderon». Vai publicando temas de éxito, enchendo concertos con Nosa Galicia ou Miña Maruxiña, gaña o Festival do Miño e aínda que comeza como cantante social, con temas como Aos meus amigos -reivindica os dereitos dos mariñeiros-, «cando xa vives disto, casado e con fillos, colles o fío da música popular».

Nos 80 chega Xirarei, unha canción que Juan Pardo compuxo e que Xil cantou tan ben, que case chega a Eurovisión. «Estivo preseleccionada pero había que cantala en castelán e claro, giraré, non soa tan agarimoso como xirarei».

Quen sabe o posto que tería acadado cantada en galego. Ata o 2010 seguiu sacando discos, compaxinando a carreira artística co seu restaurante. Un dos seus fillos continúa o legado no eido gastronómico cunha tapería no paseo marítimo moañés. Dende o 2017 é Fillo Predilecto da súa vila, «unha verdadeira honra, pero os primeiros días ata me daba vergoña saír á rúa... non haberá mariñeiros que van a faenar todos os días que tamén o merezan?», reflexiona.

Segue sendo, sempre o será, un artista: «Agora cántolle aos meus netos, para non perder a voz». E aínda recibe, de cando en vez, chamadas da televisión para lembrar a súa carreira musical: «Para Gayoso e Piñeiro só podo ter boas palabras». Quédalle, iso si, un desexo por cumprir: «Coa tradición de cantar que temos en Moaña, vai sendo hora de termos un auditorio». Palabra de Xil.

Anteriores edicións de «Que fai agora...»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Xil Ríos: «Case vou a Eurovisión, pero claro, 'Giraré' non soa tan agarimoso como 'Xirarei'»