Orzamentos 2020: Os da despedida

Gonzalo Caballero
Gonzalo Caballero A VALORACIÓN DO PSDEG

GALICIA

20 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos no peche dun ciclo político en Galicia. Máis do 60 % dos galegos cre que é necesario un cambio de goberno na Xunta e Feijoo é consciente.

Hai un mes, o presidente da Xunta poñía en cuestión que o seu goberno elaborase os orzamentos para 2020. No Debate sobre o Estado da Autonomía advertín da enorme irresponsabilidade dun gobernante disposto a xogar coa elaboración dos presupostos por oportunismo. Pero advertín tamén que Feijoo era altamente previsible: finalmente presentaría as contas e ademais as convertería nunha carta de promesas electorais para os oito meses que quedan.

Tras 11 anos á fronte da Xunta, déixannos unha Galicia con menos xente, con menos traballo, menos industria, con suspensos nas políticas sociais, cunha fonda problemática na sanidade pública. Feijoo gastou máis de 100.000 millóns de euros como presidente e non foi quen de solucionar os graves problemas do país. E esta semana evidenciouse tamén que hai máis de 620.000 galegos en risco de exclusión e pobreza, dez mil máis que o ano anterior.

O máis grave é que Feijoo deixou de gobernar e dedicouse a confrontar. É a lexislatura da inacción da Xunta e, de feito, a actividade lexislativa destes tres últimos anos caeu a mínimos históricos.

Pero en 2020 haberá eleccións en Galicia. O PP sabe que ten enfrente a unha maioría social de progreso que, se hoxe houbese eleccións, finiquitaría a etapa conservadora. Unha maioría social que se plasmou en xerais, municipais e europeas e por iso a dereita está disposta a todo. Utilizarán os orzamentos para prometer todo o que non fixeron nunha década. Estas son as contas dun proxecto esgotado. E cando non hai proxecto nin estratexia, as contas non serven para solucionar os problemas.

Cómpre un novo proxecto de país cunha política económica ao servizo da industria, o emprego e a innovación, cunha nova vertebración territorial que conecte co dinamismo urbano e atenda ao rural, cunha aposta polas políticas de benestar e a defensa dos servizos públicos. Construímos ese proxecto e impulsaremos a Galicia da vindeira década.