Álvaro Seivane: «Fago gaitas mellor que as toco»


O taller que Álvaro Seivane (Ribeira de Piquín, 1952) fundou con seu irmán é un templo da gaita. Hai moita actividade cando o visito. Álvaro atende a un señor chegado de Cardiff para ver como pode adaptar a gaita que mercou alí hai anos á súa nova forma de tocar. O artesán ten unha solución; en realidade sempre a ten, e, se non, búscaa. Máis que un luthier, semella un ourive.

-Están de oitenta aniversario. Non parece tan vello o taller.

-Celebramos oitenta anos da primeira gaita que fixo meu pai, na Pastoriza. El calquera cousa facíaa ben: facía zocas, enculataba escopetas e, como tocaba a gaita, ata que fixo unha non parou.

-E saíulle ben.

-Seu pai e mais el construíron un torno de ballesta, e fixo unha gaita que lle saíu perfecta de acordo á referencia que tiña. Foi en abril de 1939. El pensou que xa sabía e fixo máis, pero esas xa non saíron tan ben. Tivo que poñerse a estudar e tomalo máis en serio.

-E decidiu dedicarse a iso.

-El casou en Ribeira, e alí montou un pequeno salón de peiteado e un taller de ebanistería. Incluso quixeron levalo a Eibar, porque enculataba escopetas. Facíao tan ben que viñeron dunha fábrica para levalo con eles. Miña nai retívoo e non marchou.

-Vostede aprendeu na casa.

-Meu irmán e eu sabemos cortar o pelo, nacemos entre os tornos, a madeira. En realidade xa non nos lembramos de cando non sabiamos. A mediados dos sesenta decidiu que o que de verdade lle gustaba era facer gaitas. Nós faciamos os nosos xoguetes no torno.

-Que facía?

-A min encantábanme os coches. Unha vez fixen un camión con volante e dirección e todo. Cando meu pai o viu dixo: «Temos que mandar a estudar ao pequeno». E mandáronme a Lugo.

-Que estudou?

-Automoción, pero para facer mestría tiña que ir a Barcelona. E fun. Para pagar os estudos comecei a traballar nunha fábrica e pronto me colleron para debuxar pezas, prototipos... Ía para dous anos, pero casei e pensei: vou seguir estudando un pouco máis. E, á vez, empecei co das gaitas. Busquei un localiño pequeno, onde pouco máis me cabía que o torno. Fun para dous anos e quedei quince. E polo medio fixen a mili; que, por certo, tamén me quixeron «fichar».

-Non lle faltaban mozas, eh?

-Non, ho. Se se me deran tan ben as mulleres...

-Ha, ha. Seguro que lle afectaba a morriña.

-Pois si. Pero eu facía xa gaitas para toda Cataluña, Europa... Pensaba volver porque meu pai estaba para xubilarse. E vía que á gaita había que darlle un impulso. Así que pensei en abrir un taller en Galicia.

-En Ribeira de Piquín.

-A min non me tería importado, pero tiña a Susana, que, con nove anos, xa estaba no conservatorio. Eu saíra de alí por non ter sitios para estudar, e non ía meter a Susana alí. Buscamos e viñemos aquí, a Cambre. Aos poucos días Susana xa estaba no ballet Rey de Viana.

-E o taller converteuse nunha referencia da gaita.

-Non é por presumir, pero... pódese dicir que si. Eu podo estar de vacacións ou o que sexa, pero sempre estou conectado. Sempre penso en como mellorar, en como lle fago isto ou como lle fago aquilo...

-Que tal a toca?

-Fago as gaitas mellor que as toco. O noso paso polo mundo da gaita é moi pequeniño, porque a gaita pérdese na historia. Pero algunha innovación si que fixemos. Sobre todo para equiparala a outros instrumentos.

-Cantas saen de aquí cada ano?

-Unhas trescentas. É unha cantidade importante, pero non queremos que isto sexa unha fábrica.

-Moitas horas aquí...

-Agora facemos as horas legais, pero antes eran incontables. O peor é ter o taller na casa.

-En que momento está hoxe a gaita galega?

-Houbo un bum hai uns 20 anos que foi moi importante. Agora todos saben o que é. Lembro facerlle unha gaita a un que traballaba na NASA antes do 95. Falabamos por teléfono e eu non entendía nin papa. El falaba algo de castelán e quería saber como era unha gaita galega, e comparábaa sempre cunha escocesa, porque a coñecía todo o mundo. Hoxe, a gaita galega tamén é coñecida en todo o mundo.

-A mellor madeira é a de...

-Por excelencia, a de buxo. Tamén é moi boa a de oliveira. Pero a madeira é o 10 % e a construción, o 90.

-Diga catro palabras sobre si mesmo.

-Pausado, tranquilo, amigo dos amigos... Creo que son boa xente.

-Que afeccións ten?

-Pasear. Antes gustábame pescar, pero vin como as troitas ían a menos e a menos, e deixeino por pena.

-Celta ou Dépor?

-Pois aí teño o corazón partío, como se di. Cando estaba en Barcelona era do Celta. Iamos velo ao campo do Sabadell. Pero logo veu aquel Superdépor...

-E se xoga o un contra o outro?

-Que empaten.

-Dígame unha canción.

-O Alalá das Mariñas.

-Que é o máis importante na vida?

-Iso vaise collendo cos anos e vai cambiando. Eu penso que o máis importante é vivir o día a día. Hai xente que pensa: «Cando eu me xubile...», e cando se xubila xa onde vai o home...

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Tags
Comentarios

Álvaro Seivane: «Fago gaitas mellor que as toco»