As celebracións do 25 de Xullo deixan unha radiografía do momento político

j. Capeáns / M. Beramendi SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Álvaro Ballesteros

As formacións clásicas repiten tradicións, e a esquerda rupturista vai por separado

25 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O 25 de Xullo deixará, como é habitual, unha gran pegada política e as celebracións orgánicas van ser unha boa radiografía do momento que viven as distintas organizacións en Galicia. Como xa ocorreu nos últimos anos, o Día da Patria vai poñer os ollos na división das forzas, especialmente na esquerda, e medirá a súa capacidade de convocatoria.

O BNG, fiel á súa folla de ruta, convocou a súa manifestación ás 12 horas na Alameda de Santiago, unha mobilización coa que prevé amosar o seu crecente apoio social e nas urnas. Ana Pontón, líder sen discusión interna, acaparará todos os focos. Vai dirixirse ao público sobre a unha e media desde o palco da praza da Quintana. «Esperamos asistir a unha participación histórica, tanto polo momento que vivimos nós como por estar a un ano dunhas autonómicas que traerán un cambio na Xunta», apuntan desde a dirección nacionalista.

O clima de entusiasmo e optimismo que transmite a forza liderada por Pontón contrasta co momento que viven as autoproclamadas forzas de unidade popular. Un ano máis, agora con toda a xustificación trala división do grupo parlamentario, volverán a celebrar por separado, o que xa facían antes de consumar o divorcio político entre os partidarios de avanzar baixo o paraugas exclusivo de En Marea e os que procedían de partidos políticos.

A formación de En Marea convocou aos medios ás 11 horas no parque santiagués de Vista Alegre, onde vai comparecer o seu líder Luís Villares, que no Parlamento non pode utilizar a marca ao marchar ao Grupo Mixto. Nesa localización van celebrar o Día da Matria Galega, co ecoloxismo e o feminismo como temas de fondo.

A escasos cen metros de alí, ás 13 horas, e tamén nun parque, neste caso o de Galeras, Anova organiza unha mobilización baixo o lema «Pola República Galega». Está prevista a intervención do deputado e voceiro nacional, Antón Sánchez, e de Iria Otero, a responsable de organización, pero tamén hai un elemento novo: na comunicación previa os responsables de Anova non anunciaron intervención ningunha do líder e fundador do partido, Xosé Manuel Beiras, que queda á marxe do programa un 25 de Xullo por primeira vez desde que liderou a soada fenda do BNG na primavera do 2012. Con todo, é probable que asista.

Tamén estarán en Santiago os membros de Compromiso por Galicia, que farán unha ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval. Despois darán un paseo polas rúas da capital galega ata chegar ao parque Eugenio Granell, onde haberá un acto con dirixentes do PNV.

Tamén haberá actividade lonxe de Santiago, en localidades como Mugardos ou Marín, lugares onde van celebrar os seus actos Esquerda Unida e Podemos Galicia, as dúas formacións con máis forza dentro do proxecto de Galicia en Común. Os dirixentes de EU, coa coordinadora e deputada Eva Solla á cabeza, farán unha actividade nese concello coruñés, que está gobernado polo partido de esquerdas; pola súa banda, os de Pablo Iglesias vivirán a xornada cun ollo na praza Carmen Pesqueira, en Marín, e co outro en Madrid, onde hoxe hai pleno decisivo de investidura.