Luís Villares: «Xa en faena, estou animado a seguir a traballar por un proxecto ilusionante»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

SANDRA ALONSO

Se o plenario o decide, gustaríalle presentarse de novo para servir a todos os galegos, «ata aos que votan ao PP»

22 jun 2019 . Actualizado a las 12:57 h.

Aínda que marcha ao grupo mixto e deixa a marca do grupo parlamentario en mans dos críticos, Villares non renuncia á política e non descarta presentarse de novo as autonómicas, mesmo co nome En Marea, se así se decide no plenario que o consello das mareas convocou para o 13 de xullo. «Xa metidos en faena, estou animado a seguir a traballar por un proxecto ilusionante», recoñece.

-Difícil decisión rachar co grupo. Cando o acordou?

-Teriamos que telo feito antes. Perdemos un tempo moi valioso para explicar que eramos unha oferta política diferenciada da de Podemos. Creo que houbo dous momentos clave. O primeiro, o caso Quinteiro. Aí púxose en cuestión a nosa ética política e por primeira vez deuse un aliñamento que respondía a cuestións partidarias. A Paula Quinteiro, aínda que o sentir do grupo era que tiña que irse, se lle sostivo só por un cambalache político interno entre eles e porque era deputada de Podemos. Eu optei por dar a miña opinión aínda que quedei en minoría. Botando a vista atrás creo que ese era o momento de facer o punto e aparte. O segundo momento foi no grupo parlamentario en Madrid; a voceiría de Fernán Vello foi inexistente porque Podemos non lle quixo dar voz, e desa revolveuse Beiras e foi cando intentamos polas boas desbloquear esa situación, e foi imposible. E todo iso coincidiu con Vistalegre II, coa radicalización do discurso de Iglesias e a purga interna. E nós non somos de Podemos, pero arrastrounos. A consecuencia foi que se destruíron as confluencias e fomos unha vítima máis, e o digo con pena. Agora aínda nos queda tempo, no grupo mixto, de explicar cal é o programa de En Marea.

-As liortas e a confusión entre siglas e candidaturas puido influír nos malos resultados electorais?

-As mareas estabamos no imaxinario social galego metidas dentro do espazo político de Podemos. Iso arrastrounos porque o ciclo político de Podemos é descendente, daba igual que foran mareas afíns a Anova, a En Marea ou a quen fose. Cometemos o erro de non separarnos a tempo nas xerais, fixémolo quince días antes e pola porta de atrás. E despois está o de Anova, que quedou fóra. O desprezo de Podemos e o ninguneo a Anova é para min o máis incomprensible. Cómo Anova se deixa ningunear facendo seguidismo de Podemos que os maltratou politicamente. Tan incomprensible que a maior parte dos cadros de Anova acabaron en En Marea, que é o proxecto orixinario de Beiras.

-Que farán no grupo mixto?

-Falar de política e non de nós mesmos. Pensamos que nos merecemos unha oportunidade de representar á xente que nos votou, porque a segunda forza política de Galicia nunca puido exercer como tal. Mantivemos moito tempo un discurso centrado na idea da exclusión social e creo que deixamos de prestar atención a outra moita xente que tamén ten dificultades; non chegar a fin de mes tamén é un problema das clases medias que se empobreceron na recesión. É necesario non ocuparse só dos excluídos do sistema senón dos que hoxe constitúen o sistema, e iso obríganos a non falar como antisistema porque estamos a referirnos ao centro mesmo da sociedade. Diso fálase pouco.

-Renega logo do rupturismo?

-Penso que iso hai que sometelo a revisión. En Marea ten que buscar unha nova caracterización. Romper ten un significado negativo e para nós é necesario construír. Penso que iso hai que sometelo a revisión. En Marea ten que buscar unha nova caracterización. Romper ten un significado negativo e para nós é necesario construír. Queremos construír en positivo desde Galicia unha democracia social amable, ecolóxica e feminista que non deixe a ninguén atrás. 

«Díxenlle a Martiño que o seu inimigo non era eu, que era Bugallo. E ten as portas abertas»

No plenario, En Marea preguntarase se hai unha demanda electoral que non estea cuberta; e se é así, Luís Villares está disposto a presentarse de novo á presidencia da Xunta.

-Vostede pensa que si hai esa demanda?

-Hai un Partido Socialista que non é suficientemente social, e un Podemos que se está indo á esquerda. E no espazo progresista amplo queda un oco orfo en Galicia que tampouco pode cubrir o BNG.

-Por que? Que diferenza o seu proxecto do BNG?

-A idea nacional do BNG non é a nosa idea do país. Nós mantemos unha idea de país descritiva, non prescritiva; nós non dicimos quen é bo ou mal galego. A nós parécenos marabillosa toda a poboación, tanto se nos vota como se non. Outros pensan que a xente é intelixente só cando lles vota a eles. Eu mesmo fun dos excluídos por ese reducionismo do Bloque e tiven unha temporada longa de orfandade política.

-Terían cabida os alcaldes das mareas nese proxecto?

-Erraron por prescindir de En Marea, a segunda forza en Galicia. Xa lle dixen a Martiño Noriega que o seu inimigo non era eu, que era Bugallo. E ten as portas abertas.

-Pensa posible gañar a Feijoo?

-Si, absolutamente. Creo que aínda que o PP en Galicia ten algunha diferenza co estatal, hai síntomas de esgotamento do PP. A desertización do territorio, a emigración, a natalidade... Son evidencias dun modelo que nos está a facer implosionar como país. O PP levounos a iso. Por máis que disimulen, as cousas vense, todos temos na familia un emigrado ou un enfermo.