«O que me gusta é ir polo monte»

Muy cerca con Marilar Aleixandre, escritora e membro da Real Academia Galega


Redacción / La Voz

Marilar Aleixandre (Madrid, 1947), poeta, narradora e tradutora, é unha muller de libros e monte, e «coa lingua partida». Así se amosa quen atopa o paraíso nas Cíes e ingresou na Real Academia Galega termando da paisaxe e da palabra. Ela di con humor que «non todos os bichos coa lingua bífida son perversos».

-Como se levan as linguas na súa cabeza o no día a día?

-Eu escribo en galego, pero a miña lingua nai é o castelán. Teño unha parte que é a escrita de literatura e outra que ten que ver coa investigación. E as voces non sempre se levan ben... Digamos que disputan polo tempo. Queren ter todo o tempo cada unha para ela.

-Alguén dixo hai pouco que vostede non nacera «na pota».

-Foi Quico Cadaval, que dixo que eu non nacera na pota, senón que caera na pota. Referíase á familia do meu compañeiro, a dos López Facal, coa que aprendín galego. Eu aprendín galego por inmersión.

-Mesmo diría que por amor?

-Si, pois tamén. É iso de Astérix e Obélix, que Obélix necesitaba beber a poción máxica...

-Escritora e bióloga. Como arrexunta ciencia e letras?

-Entre a bioloxía e a literatura hai esa disputa polo tempo. Parece que ás veces queren esganarme coas súas liortas! Co tempo cheguei a ser consciente de que hai moita natureza na miña poesía e na narrativa. En Abecedario de árbores cada poema é unha letra do alfabeto celta e é unha árbore. A escrita da poética apela ao inconsciente. E na miña hai natureza. En Ovella descarreirada falan unha ovella, un polbo, unha sardiña... Animais, pero non humanos. Que nós tamén somos animais...

-Móvelle a reescrita de historias. Con «A filla do minotauro», premio Raíña Lupa, volve aos clásicos. Que lle dan que non lle dean os «millennials»?

-É unha novela para as xeracións que veñen despois dos millennials... Os clásicos son interesantes, claro. A min gústame desmitoloxizar, coma Margaret Atwood, que tamén amosa como se converte un libro en clásico; contradí o tópico do libro como obxecto de usar e tirar.

-É fan da serie «O conto da criada»?

-Algo vin, pero é moito máis truculenta que a novela.

-A «Ilíada» coñeceuna nova.

-Eu lin a Ilíada aos 14 anos porque antes non mandaban ler libros cando se estudaba. Antes non se lían libros completos. Lin a Ilíada e pareceume unha novela de aventuras, e comecei a familiarizarme. Como pasa noutros ámbitos, os mitos gregos e romanos tratan á muller de forma infame, non? A muller aí está na casa coa pata quebrada, ou é botín de guerra, como na Odisea. Aclaro que, de todos os modos, facemos literatura para crear mundos propios. Pero ao escribir un mundo alternativo estás dando ferramentas ás rapazas para que se vexan máis como protagonistas que teñen o seu propio destino. Imos tomar a palabra. Non son partidaria de dar moral, nin de dicir aos mozos como hai que ler, pero para desenvolver o pensamento crítico hai que darlles alternativas.

-Botemos un grolo. É máis de viños ou de cervexa?

-Eu son bastante de godello, o que non quere dicir que non tome unha cervexa un día de verán se vai calor. E ademais temos uns viños marabillosos. Hai que axudar aos nosos brancos e aos nosos tintos! Eu animo a calquera a ir á zona do Ribeiro a principios de verán, é espectacular. As viñas teñen o tamaño do salón dunha casa un pouco grande.

-Lugar máis seu en Galicia?

-A praia de Figueiras, nas Cíes. A xente chámalle a praia dos alemáns. Iamos dende Vigo no catamarán cando non había ninguén. Estás ti e o mar e o vento, é un pedaciño do paraíso. Ao Rostro aínda vou todos os veráns, pero é máis problemática para bañarse. En Galicia hai varios sitios que son o máis parecido que coñezo ao paraíso.

-Que palabra ou expresión galega non resiste a tradución?

-A min gústame arrebolar. É moi dinámica! Tamén me gusta andar a rebolos [risos].

-«A Cabeza de Medusa» anticipa a realidade das mandas.

-Si, está escrito moito antes. Agora é un libro que se le con máis frecuencia en institutos. Enfrontarse ao medo e á vergonza é máis difícil que enfrontarse a un tigre. O caso Iveco, o de Verónica, é un exemplo recente de como a ollada patriarcal converte un acto de pracer en terror.

-Vostede dixo, reescribindo a canción: «Para as mulleres calquera tempo pasado foi peor».

-Si, claro! De momento é así. Pensa na época na que as mulleres non tiñan autonomía financeira ou non podían acceder a ser xuízas. A min custoume moitísimo traballo, ao comezar a escribir, ser considerada.

-Conecta por WhatsApp?

-Si, pero son máis de Telegram. Nós somos moitos irmáns e para quedar e organizar comidas quedamos moito por WhatsApp. Falar por WhatsApp, moi ben, sempre que non vaias mandando mensaxes se conduces...

-O máis importante na vida?

-A vida é complexa, pero hai cousas que contribúen á felicidade, como vivir coa persoa que queres. Para min, o meu compañeiro, Ramón, é esencial. Casamos un pouquiño antes de morrer Franco. Son moitos anos.

-Que lle dá folgos?

?O que me gusta é ir polo monte. Os castiñeiros están empezando a botar esas flores tan bonitas, e os sabugueiros, impresionantes. Iso é algo que temos en Galicia ao lado da casa, sen necesidade de sufrir grandes atascos para gozalo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«O que me gusta é ir polo monte»