Segundo López: «O Camiño é multirelixioso»

O deán da catedral de Santiago afronta o seu derradeiro curso como docente mentres segue marabillado pola pegada espiritual da ruta xacobea


Segundo Pérez (Guitiriz, 1948) cítame na sancristía da catedral de Santiago vinte minutos antes da súa chegada («Entretivéronme»). E media hora despois avisa de que ten que ir ao médico. Así que a entrevista queda unha miga apresurada de máis. Unha pena, porque se adiviña un conversador cheo de interese e de cousas que contar. Foi bonito mentres durou.

-Por dentro non tanto, pero por fóra a catedral loce espléndida, acábanlle de dar un premio á restauración do pórtico... Estará contento.

-Estamos xa na recta final das obras, polo que é unha alegría dicir que xa se ve o horizonte. Foi longo, difícil, con problemas... pero o resultado eu penso que vai ser magnífico.

-Xente non lles vai faltar, cada ano hai máis colas para entrar.

-Isto foi un in crescendo dende o ano 1993. Houbo uns anos que baixou, pero dende o 2010 non para. E non todos os que entran na catedral son peregrinos, tamén hai turistas. Aproxímanse aos catro millóns as persoas que pasaron o ano pasado pola catedral.

-Por España adiante moitas catedrais cobran entrada.

-E por Europa. Ten que ver co sostemento que precisan obras que foron construídas hai séculos. Pero esta catedral é un santuario, e non parece moi de recibo que aos peregrinos se lles cobre. Aínda que nos resolvería moitos problemas. Polo menos penso que mentres don Julián Barrio sexa arcebispo iso non se vai consentir.

-Cantos máis peregrinos, mellor?

-Home, si, aínda que se vai á Oficina do Peregrino verá o difícil que é atender a tanta xente. E dos lugares máis diversos. Pero tamén é unha satisfacción estar con persoas ás que realmente o Camiño as tocou. Cada ano hai cinco ou seis que piden o bautismo. O Camiño ten algo que leva á persoa a un encontro consigo mesma e coa transcendencia.

-Transcendencia non necesariamente católica.

-Non, claro. O camiño é multirrelixioso.

-Vostede que pode quedará horas observando o pórtico restaurado.

-Mirei moito cando estaban en obras, porque as restauradoras, un equipo magnífico, explicábanmo. Agora non vou tanto. Todas as visitas e os horarios están moi organizados. Ata houbo algún parente, e algún veciño, que me pediu... Eu dígolles que non podo facer nada.

-Dende cando vive en Santiago?

-Dende hai 37 ou 38 anos. Estiven de reitor dun colexio maior na Universidade de Salamanca e logo vin para aquí ao Instituto Teolóxico Compostelán, onde dei clase ata este curso, no que xa remato a docencia.

-Como se sente ao final desta carreira?

-Pois mire, eu estiven moi contento de profesor e pensaba que me ía custar moito deixalo, pero máis ben sinto como que xa cumprín unha etapa. Tamén estiven mal de saúde no último ano e a verdade é que estaba desexando rematar.

-E aquí de deán leva...

-Seis anos nada máis. Eu digo que esta é a sorpresa que Deus me tiña preparada para agora que vou para vello. Sempre tiven interese nas peregrinacións e nalgún ano santo axudei a confesar. Iso é outra experiencia marabillosa. As peregrinacións son un regalo de Deus.

-E vostede fixo o Camiño?

-Dúas veces, e as dúas dende Vilalba. Unha con seminaristas e outra con veciños.

-Entón non ten a compostela.

-Si que a teño. Hai máis de cen quilómetros.

-Pasaríao mal cando roubaron o Códice Calixtino.

-Os primeiros momentos foron duros. E a prensa ás veces non axudou. Pero cando apareceu foi un momento de gran satisfacción porque isto era un problema moi serio.

-Agora estará en bo acubillo.

-En bo acubillo xa estaba. O que pasa é que se deixas as chaves na porta...

-Ten un recuncho favorito na catedral?

-Si, na capela da Comuñón.

-Veremos mulleres ordenadas?

-Mulleres ordenadas en paralelo ao sacerdocio masculino, non. Agora ben, algunha forma de ministerialidade de servizo específico para as mulleres... poden darse pasos.

-De pequeno xa quería ser cura?

-Si. Nunca me vin noutra cousa que non fora ser sacerdote.

-E agora que afeccións ten?

-O meu hobby é o cine. Ultimamente gústanme máis as películas históricas.

-Máis do Celta ou do Dépor?

-Home, un pouco máis do Dépor, ha, ha. Onde vou é ao Obradoiro. Sempre que podo. Invítanme ao palco, e eles veñen á catedral e fan unha invocación. Son moi bos rapaces.

-Busque catro palabras para vostede.

-Franco, sincero, relixioso e solidario.

-Cociña?

-Si, todos os días. Vivo só.

-Invita a comer a outros?

-Si, pero fóra.

-Dígame unha canción.

-Unha relixiosa, Un vaso nuevo.

-Que é o máis importante na vida?

-Ser feliz co pouco que Deus nos dá.

Vive Camino

Toda la información sobre el Camino de Santiago en Vive Camino

Votación
6 votos
Comentarios

Segundo López: «O Camiño é multirelixioso»