«As circunstancias que os trouxeron ata aquí son alleas a eles, temos que facerllo ver á sociedade»

GALICIA

XOAN A. SOLER

Amparo González Méndez es directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización demográfica

22 mar 2019 . Actualizado a las 21:45 h.

A Administración autonómica é a responsable duns tres mil rapaces en Galicia. O último Consello da Xunta vén de aprobar a Estratexia Galega para a Infancia e a Adolescencia 2020.

-Que é o primeiro que abordan cos menores tutelados?

-O que pretendemos é darlles as ferramentas para que poidan ter autonomía e unha reinserción laboral e social cando medren.

-Ser vistos coma unha rapaza ou rapaz «institucionalizado» pode ser un estigma para eles?

-Temos que ser capaces de trasladarlle á sociedade que temos nenos e nenas baixo o amparo e o paraugas da Xunta que están en igualdade de concidións con calquera outro. As circunstancias que os trouxeron ata aquí son alleas a eles. É un deber da Administración facer ver isto.

-Ata cando se fan cargo deles?

-En boa parte das comunidades españolas é só ata os 18 anos. Aquí, cando temos un menor en garda ou baixo tutela, tamén exercemos como os seus pais e nais mentres non son maiores de idade. Velamos pola súa integridade física e emocional. Pero, despois, ata os 21 anos, mesmo ata os 25 se queren estudar unha titulación universitaria, poden continuar residindo en vivendas supervisadas. Para iso, ten que haber un compromiso pola súa parte.

-Esa porcentaxe, a dos rapaces que chegan á universidade, é moi baixa?

-Menos dun 5 %, pero traballamos para invertir iso. Os que cursan ciclos formativos, porén, son unha cifra máis elevada.

-Que pasa se, unha vez emancipados, perden un traballo?

-Unha das patas do Programa Mentor é o traballo de concienciación coas empresas. Os técnicos fan visitas para conseguir sensibilizar ao empresariado de que é importante contratar aos rapaces. Están en igualdade de condicións cos demais.

-¿Hai un parque de vivendas reservadas para eles?

-Non. Seguimos traballando por acadar melloras. Como o resto dos mozos, unha vez que saen do sistema de protección, poden concurrir ás axudas para a vivenda que dá a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.