Eva Solla: «Digo que non son de En Marea porque non milito nese partido»

Di que as conversas para a lista dos críticos están avanzadas e non cre que se vaia castigar a división


Santiago / La Voz

Esquerda Unida foi das primeiras forzas do espazo de En Marea que recoñeceu a ruptura e emprendeu unha traxectoria política á marxe do partido que lidera Luís Villares. A súa coordinadora nacional, Eva Solla (Vigo, 1984), traballa xunto cos dirixentes de Podemos e Anova nunha lista alternativa para as eleccións xerais que reedite a coalición coa que concorreron en 2015 e 2016.

-Por que rachou En Marea?

-Creo que houbo unha aposta moi importante pola a unidade popular e Esquerda Unida participou no proceso das mareas en común para construír o que despois foi a articulación do partido de En Marea, pero seguramente confiamos en que existía unha madurez por parte de todos os actores que podía dar un clima de confianza que logo non se produciu, houbo persoas que tiñan interese en utilizar esta estrutura para facer un partido de seu.

-En que momento Esquerda Unida dou un paso atrás?

 -Foise deteriorando a situación cando persoas que non crían na pluralidade do espazo foron ocupando os cargos de dirección dentro de En Marea. A realidade é que houbo un veto practicamente dende que empezamos a lexislatura á participación das persoas que formamos parte das organizacións políticas.

 -Cal veto? Porque todo o mundo puido ir no consello das mareas.

 -Non, as persoas que tiñamos algunha responsabilidade dentro das organizacións políticas non puidemos. Foron ocupándose desas tarefas persoas que foron modificando os documentos de En Marea encamiñándoos á constitución dun partido clásico, e iso foi o que levou a que a xente das organizacións políticas quedásemos practicamente excluídas. Fixemos un intento, como é de sobra coñecido, de intentar participar a través dos órganos e coas súas propias normas, e a pesar diso, de aceptar as súas normas, de poñernos de acordo todas as organizacións políticas e as mareas municipais para traballar esa lista, finalmente o resultado é coñecido: a dirección de En Marea paralizou as primarias de forma espuria por medo a non gañar. Esquerda Unida decidiu que non podíamos seguir perdendo o tempo. Somos unha organización seria e hai moitos problemas reais nos que traballar e, polo tanto, o que estamos facendo agora é traballar para reeditar o acordo do 2015 e do 2016.

 -Non cre que é difícil de entender que vostede diga que non é de En Marea cando é vicepresidenta do Parlamento por En Marea?

 -Facémonos cargo das dificultades para comprendelo. En Marea constituíuse como unha ferramenta para un proceso concreto, que foron as autonómicas, que tiña unha fórmula a nivel xurídico que para nós non era importante, que era de partido. O importante era como se articulaba para participar a xente das diferentes organizacións e colectivos e para os que non tiñan unha adscrición partidaria. No momento en que iso rematou e se converteu nun partido ao uso igual que pode ser a miña organización política, evidentemente, eu non son do partido de En Marea, aínda que son deputada de En Marea porque concorrín con esa sigla a un proceso electoral. Eu digo que non son de En Marea porque non milito nese partido. Dicir o contrario non sería certo.

 -Como van as negociacións para a nova candidatura?

 -As organizacións aínda estamos co proceso de escoller os nosos candidatos. Hai un acordo xeral de que a fórmula máis axeitada é a da coalición, aínda que non é o relevante, o relevante é o traballo que se fixo nos últimos anos no Congreso e insistir na valía das compañeiras que o fixeron e ver de que maneira se pode repetir ese proceso que nos levou a ter un grupo que non tivemos nunca con anterioridade ao proceso de confluencia.

 -Hai nomes xa?

 -Aínda non porque, como dixen, as organizacións temos os nosos procesos e no caso de Esquerda Unida temos convencións provinciais e votacións universais de maneira telemática. É a militancia a que decide esas candidaturas.

 -Vai ir Yolanda Díaz nas listas de EU tendo en conta que hai poucas posibilidades de ter dous deputados por A Coruña e que o cabeza de cartel será, seguramente, Gómez-Reino?

 -Yolanda Díaz fixo un gran traballo e queremos que repita, pero iso decídeo a militancia, hai que facer ese proceso e logo está a negociación das candidaturas. As enquisas poñen en dúbida os resultados pero nós traballamos para repetir os do 2016 e queremos que ela volva estar na candidatura galega.

 -Non cre que unha candidatura de En Marea, outra dos críticos e outra do BNG pode dividir o voto ata o punto de non obter representación?

 -Non creo que vaia a suceder. Teremos ás nosas compañeiras nunha lexislatura máis facendo un bo traballo no Congreso.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
13 votos
Comentarios

Eva Solla: «Digo que non son de En Marea porque non milito nese partido»