María Xosé Rodríguez Galdo: «Se non tes expectativas vitais é moi difícil que queiras ter descendencia»

Juan María Capeáns Garrido
Juan Capeáns SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

SANDRA ALONSO

A investigadora di que o avellentamento de Galicia non é un problema tan grave como a perda de poboación activa

04 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

María Xosé Rodríguez Galdo (Ferrol, 1949) está a piques de cumprir os 70, «e ben contenta porque custou moito chegar ata aquí». Á marxe desta feliz circunstancia, esta catedrática e investigadora experta en poboación trata de poñer o seu rigor académico ao servizo do que din que é o maior problema estrutural de Galicia: a paulatina desaparición da xente, o avellentamento e a falta de relevo xeracional. Está á fronte da coordinación dos traballos do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, un órgano cunha representación moi plural que ela dirixe e que debe inspirar coas súas teses a inminente Lei de Dinamización Demográfica.

-Está de acordo en que é o noso maior problema?

-O que temos é un problema de interpretación. Temos moita sorte porque os institutos de estatística, o INE e o IGE, son moi serios, pero a demografía ten unha linguaxe tan sinxela que todo o mundo pensa que entende os seus problemas. Hai unha tendencia a illar os datos e montar grandes teses, cando debemos procurar unha visión máis ampla. Falar de poboación é falar das persoas, desde o punto de visto estatístico ata o afectivo.

-Está tirándolle das orellas aos que falamos destas cousas?

-Os medios de comunicación tedes preocupacións inmediatas, como medir os que nacen e os que morren, e iso en demografía é moi pouco significativo e produce alarmismo. Pero, por exemplo, non se mira a que idade morre a xente. Galicia é un dos lugares máis saudables do mundo, con todo o que significa para a prolongación da vida. De feito, é unha circunstancia que atopas en todos os países desenvolvidos, e en Galicia desde os anos 80.

-Se algo caracteriza á demografía é que se trata dunha ciencia bastante previsible, é así?

-Non pense vostede. A pegada da emigración afecta moito. Galicia, e tamén España, xa tiña un problema de crecemento lento a finais do século pasado, pero a partires do ano 2000 disparouse a poboación polas migracións sen que houbera unha previsión clara. En Galicia notouse menos, que conste.

-Canto inflúe a economía?

-Os avatares económicos e laborais son importantes. Na primeira década deste século detectamos unha recuperación do índice de fecundidade que coa crise económica volveu baixar.

-O importante é ter traballo?

-Exacto. O problema non é que sexamos menos e máis vellos, é que a xente que existe traballe aquí e non marche. O máis importante é que haxa xente activa.

-Hai países ricos nos que tampouco nacen nenos.

-Cada país, tamén Galicia, ten a súas características propias. España ten un alto nivel de paro nos mozos e un retraso na idade de maternidade e, polo tanto, de formación de fogares. Todo isto inflúe no número de descendentes, e ese si é un problema, non o envellecemento. O feito de que haxa máis xente maior xera un conflito social, de gasto sanitario ou de pensións, pero non é un problema estritamente demográfico.

-Canto hai de egoísmo nas novas xeracións que, querendo ter descendencia, a retrasan?

-Non é unha cuestión de egoísmo. En moitos casos, se non tes expectativas vitais é moi difícil querer ter descendencia.

-Refírome máis en xeral, parece que nin aos gobernos nin ás persoas lles interesa o futuro.

-Porque hai moito presentismo, no sentido de que pesa demasiado o presente e non se pondera o futuro. Temos un déficit de cultura cívica, posiblemente polos efectos de corenta anos de ditadura, que deixan moito desprezo pola política e polo público.

«Se as parellas non van a polo segundo fillo é porque hai un déficit de benestar»

Rodríguez Galdo rebaixa o alarmismo sobre o descenso de poboación e abre outro debate.

-Cantidade ou calidade?

-Agora nacen menos nenos, é certo, pero estes nenos son distintos. Terán acceso a coidados médicos, a unha boa educación e atencións. Estamos cambiando os modelos produtivos, polo tanto non se necesita tanta xente. O problema é retela aquí, insisto.

-Agora tamén está chegando xente de fóra.

-A inmigración en Galicia é pequena e busca traballos que non quere esa xente formada, non quitan o emprego a ninguén.

-Que facemos con todas as aldeas deshabitadas?

-Galicia é un país profundamente habitado porque aquí dominaba a agricultura familiar, que decaeu nos 60. As veces mitificamos aqueles tempos, cando a realidade é que nestes lugares rurais había moitas penurias.

-Algunha recomendación para cambiar a tendencia demográfica?

-Favorecer a maternidade e a paternidade responsables e os traballos dignos. Cando unha muller ten un bo emprego anímase a ter fillos. En Galicia hai poucas parellas sen descendencia, pero non se animan co segundo. Nas enquisas sae ese desexo dun segundo fillo, pero non o teñen porque hai un déficit de benestar.

-Valen de algo as axudas públicas á natalidade?

-A ninguén lle veñen mal, pero a nivel demográfico a repercusión é moi baixa.

-Hai alguén a quen imitar?

-Francia e algúns países nórdicos reverteron o problema. Fixeron políticas de continuidade que son cuestión de Estado, a longo prazo, un traballo de décadas.