«O que mata é a inactividade»

Manuel Ruiz Rivas é o alcalde de Ribeira


Redacción / La Voz

Entre atender os veciños e visitar unha obra, o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas (Ribeira, 1957), recíbeme no Concello de bo humor. Destacan os seus ollos vivos e que luza todo o pelo (detalle que sempre nos chama a atención a algúns). Di que lle custa ser natural nas entrevistas, aínda que nesta eu vino bastante solto.

-Xa está en modo campaña?

-Para nós o modo campaña non acaba nunca.

-Como o ve este ano?

-Vexo a sociedade revolta no seu conxunto, pero espero que o remanso que supón Ribeira se vexa reflectido nas urnas.

-Pero aquí tivo problemas con algúns dos seus concelleiros...

-Eu nunca tiven problemas con ninguén, aínda que parece que algún quixo encontrar en min os seus problemas.

-Vostede leva moito tempo no PP. Veñen tempos difíciles para o seu partido?

-Creo que si. É difícil ser a única alternativa nestes momentos. Durante moitos anos había medo incluso a dicir que un era de dereitas; todo o mundo presumía de buscar o centro e deixouse un espazo importante para todos aqueles aos que o centro lles vén moi á esquerda. Son minoría, pero son importantes.

-Todas esas grandes ideas da alta política esvaécense un pouco no contexto municipal, non?

-Totalmente. A miña máxima é que, se hai unha idea mellor que a miña, acéptoa, e se, ideoloxicamente, para levar a cabo un proxecto para o meu concello non hai nada que mo impida, aínda que veña de calquera outro grupo.

-Coñecín algún alcalde algo máis de preto e case non tiña vida persoal.

-É unha vida só desexable para o que ten vocación e ilusión polo seu concello. Moi pouca xente estaría disposta a renunciar a pasar máis tempo coa súa familia ou a todas as fins de semana por esa ilusión que aínda algúns temos.

-Non se ofenda, pero teño un amigo que di que a vostedes pásalles o que lles pasa aos narcos, que non o poden deixar.

-No ano 1987, non levaba máis dun ano no Concello e dicíalles a todas as miñas amizades que non volvería nunca máis, que era o meu último mandato. Así que algo diso pode existir.

-Está máis cómodo na alcaldía do que o estaba no Parlamento?

-Todo na vida o pon a carga de traballo que ti queiras asumir. No Parlamento teño traballado moito, pero non había a presión que supón o problema dun veciño. Aquí bates co problema, no Parlamento escoitas o problema.

-Como era de pequeno?

-Traveso e pouco amigo de pelexar.

-Din que a xente non cambia moito. Segue a ser traveso e de pouco pelexar?

-Pouco pelexador, si. E traveso é algo que non se perde, aínda que nalgúns quilómetros á redonda non mo podo permitir, ha, ha.

-Foi futbolista, que tal se lle daba?

-Moi ben. Xogabamos no que hoxe en día sería unha Segunda B. Pero pouco se parece aquel deporte ao actual. O noso era basicamente forza e preparación, e alí canalizaba as poucas ganas que tiña de pelexar no persoal co pelexador que si era no deportivo. Co nivel de hoxe, en media hora teriamos as dúas tarxetas amarelas en todos os partidos.

-De que xogaba?

-De lateral esquerdo. Xoguei en todos os postos e retireime de porteiro en Noia, por falta de porteiros. Xoguei de todo, sempre estiven ao servizo do interese xeral.

-Isto está cheo de metáforas.

-Si, ha, ha. De porteiro foi a única vez que me aplaudiron xogando en campo contrario.

-Meteríanlle moitos goles.

-Só dous, e un de penalti.

-Sabería distinguir un rodaballo de piscifactoría dun salvaxe?

-Podo sospeitalo polo tamaño. Pero ata que non o metes na boca non o distingues.

-Sabe cociñar?

-Si, coma case todos os homes encántame cociñar nas xoldas.

-Defínase en poucas palabras.

-Creo que son boa persoa. É o que herdei.

-Faga o mesmo exercicio con Ribeira.

-É única, porque é imposible encontrar outro sitio onde as súas xentes estean á altura da paisaxe tan marabillosa que nos viu nacer.

-Namorouse moitas veces?

-Pouquiñas. Sóbrame unha man.

-Celta ou Dépor?

-Dépor.

-Moito ou pouco?

-Dos de Segunda División.

-Pensou que vai facer cando se xubile?

-Quizais o que mata é a inactividade. Penso na xubilación como novos retos persoais, non como unhas vacacións.

-Que foi o último que mercou?

-Un invernadoiro. E alí pode estar parte da xubilación, porque son produtor de sidra. Fago máis de 150 botellas, pero non consigo que o produto teña o mesmo sabor dun ano para outro.

-Saberá escanciar.

-Con escanciador, que estou canso de mollar os zapatos.

-Elixa unha canción.

-Calquera de Bruce Springsteen.

-Que é o máis importante na vida?

-Facer o ben aos demais.

-Iso é moi político.

-Si, pero é verdade. Hai moita xente que, con perdón, vén a tocar as pelotas a este mundo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«O que mata é a inactividade»