«Gómez-Reino non pode ver como un ataque que se pida unha auditoría das primarias»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Imagen de Carmen Santos, ex secretaria xeral de Podemos Galicia
Imagen de Carmen Santos, ex secretaria xeral de Podemos Galicia SANDRA ALONSO

A deputada cre que hai que garantir a limpeza do proceso «logo do espectáculo de En Marea»

26 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Decidiu quedar nun segundo plano ao deixar a secretaría xeral de Podemos Galicia, pero apoiou a candidatura de Carolina Bescansa, e como ela, pensa que se deberían despexar as dúbidas sobre as votacións que proclamaron vencedor a Antón Gómez-Reino.

-Cre que Gómez-Reino debería aceptar a auditoría?

-Isto non é unha cuestión de candidaturas senón de quen quere defender por riba de todo a transparencia e a legalidade e que quede sen mancha a imaxe de Podemos e o seu sistema de primarias. É parte do código ético e Gómez-Reino non pode ver como un ataque que se pida a auditoría; non se entendería logo de espectáculo de En Marea. Ademais, iso correspóndelle a secretaría de organización estatal, a Echenique, nin sequera é a dirección galega, que tamén é unha prexudicada dos cambios que se fixeron, como cando se cambiou o sistema de votación no medio do proceso, algo que denunciamos no seu momento.

-Sospeita dos resultados?

-Prefiro non entrar niso, o fundamental é garantir a lexitimidade dos órganos e os resultados. Antes facíanse unhas auditorías que agora non se fan e penso que a organización estatal debería facelo. Eu, que me presentei no 2016, sería o que lle pediría.

-Podemos Galicia vén de estruturar o comité de garantías, e o fixo logo da denuncia feita por parte dos seus membros. Non pensa que as disputas no seo deste órgano, como pasou tamén no de En Marea, desprestixian as organizacións?

-Que se faga xusto despois desa petición non parece o mellor momento. Eu non entendo ben o que pasou, a única información que teño é que este cambio contradí os documentos da candidatura do secretario xeral con respecto á configuración do comité de garantías. Creo que non se está a entender o sistema de primarias, que non é un mecanismo de competición polo poder senón que está pensado para permitir aos cidadáns que poidan elixir ás persoas que lle merecen máis confianza.

-En Marea rachou para sempre?

-Os referentes teñen que sentarse e chegar a acordos para solucionar esta situación, non pensando no poder, senón no proxecto que lle vamos a ofrecer aos galegos para mellorar a súa vida. Iso era o que queríamos moitas persoas que nunca estivéramos na política.

-A marcha de Errejón foi unha hecatombe, e agora Ramón Espinar. Que pasa en Podemos?

-Hai que facer un cambio de rumbo e facer autocrítica, pero tamén sentirnos orgullosos de todo o que conseguimos. Podemos foi un revulsivo e foi fundamental nos cambios deste país, e ten aínda moito que aportar.

-Vostede sempre apoiou a Iglesias. Pensa que o de Errejón foi unha traizón?

-Íñigo non deixou Podemos e segue a defender o mesmo que viña defendendo, non hai ningún cambio. Fala de ampliar o proxecto para incluír á sociedade civil, ás universidades e a outros sectores que non están en organizacións políticas, e que vén a ser o Podemos dos inicios, o que defendía en 2014. Igual Errejón tiña que ter feito unha consulta para que decidiran os inscritos, como se fixo en Galicia.