Aprender galego á vez que se escoita boa música é posible co curso de La Voz

Redacción LA VOZ

GALICIA

Oscar Vázquez

A semana pasada foi o cine o que lles axudou aos usuarios do curso de galego de La Voz a melloraren o coñecemento e o uso do idioma. Esta semana será a música a que asuma esa función de facer que a aprendizaxe sexa amena e eficaz. E o certo é que músicos e música en galego non faltan. Nesta ocasión serán as cancións de Guadi Galego e de Iván Ferreiro as que fagan o seu labor pedagóxico. A primeira coseu tema Matriarcas, e o segundo con Fariña. Os dous protagonizan un dos textos da unidade nove, aberta na páxina web de La Voz. Onda eles, o festival musical Sinsal, que cada ano se celebra na illa de San Simón.

Tratándose dun tema sobre música, a parte oral non podía ser outra que os propios temas de Guadi Galego ou Ferreiro. Pero tampouco faltan á súa cita semanal Sabela e Paulo, que na súa conversa afondarán nos coñecementos lingüísticos que forman esta unidade.

Neste aspecto, a lección nove insiste en aspectos como a correlación temporal nas construcións relativas ou o estilo directo e indirecto. Os recursos para expresar sentimentos ou desacordo ou a acentuación son outros dos contidos nos que incide o espazo que desde hoxe completa o curso.

A música é tamén unha boa compaña para percorrer o Camiño de Santiago. E precisamente a ruta xacobea é o tema doutro dos textos da unidade. Porque, como sabe ben quen segue o curso, a idea non é só aprender galego, senón coñecer ao mesmo tempo moitas cousas sobre Galicia, as súas paisaxes, a súa economía, a súa sociedade ou as súas artes.

Coma cada xoves, no peche do tema contamos coa proba de lume: dez actividades de autoavaliación para que quen complete a unidade poida comprobar se domina os coñecementos que se trataba de aprender nela.

Porque non debe esquecerse que o obxectivo do curso é proporcionar o dominio do galego necesario para superar os exames oficiais do nivel Celga 3.

O próximo xoves, último tema

A unidade que hoxe abre é a novena. Só queda, polo tanto, outra pendente, porque o curso componse de dez temas. Desde finais de novembro, xoves tras xoves, foise abrindo unha nova unidade na web, ata o xoves que vén, cando a totalidade do curso estará aberto e á disposición dos usuarios.

A proposta de La Voz e da dirección xeral de Política Lingüística foi deseñada pola empresa Netex, e ofrece aos visitantes da web a posibilidade de mellorar o seu galego de forma amena, sinxela e gratuíta. Para acceder por primeira vez só é necesario abrir a web de La Voz de Galicia, buscar o apartado do curso e proporcionar un correo electrónico e poñer un contrasinal. Unha vez cumpridos eses pasos poderase acceder ao curso tantas veces como se queira.