O curso de galego de La Voz visitará paisaxes de película

Redacción LA VOZ

GALICIA

Oscar Vázquez

A visitadora de cárceres é o título dun dos textos da lección que xa se pode consultar na web

12 ene 2019 . Actualizado a las 14:36 h.

Concepción Arenal non é unha rúa. Ou polo menos non é só unha rúa. Esta xornalista, escritora e visitadora de cárceres do século XIX é unha das protagonistas da nova unidade do curso de galego de La Voz de Galicia. A visitadora de cárceres é precisamente o título dun dos textos da lección que se pode consultar na web desde hoxe. A de Concepción Arenal podería ser unha vida de película -de feito, Blanca Portillo interpretouna nunha tv movie de RTVE-. E as películas, concretamente as paisaxes de película, son o tema da oitava entrega do curso.

Concepción Arenal foi, entre outras cousas, escritora, e Domingo Villar é escritor. Un dos seus libros, A praia dos afogados, converteuse nun auténtico éxito de vendas e tivo tamén a súa versión cinematográfica. O seu protagonista, o inspector Leo Caldas, axudaralles aos internautas a perfeccionar o seu galego, con especial atención nesta entrega á conxugación dos verbos. Cando utilizar andara e cando empregar andase? Esta será unha das cuestións nas que insiste esta unidade oito, na que ademais se pode descargar un documento en formato PDF con un modelo de conxugación.

O galego é un idioma de retranca, e iso quedará claro no apartado Con boa letra, no que se repasarán refráns e frases feitas, e onde se trata tamén como redactar unha nova ou un correo electrónico. O galego -ou, mellor dito, os galegos- seica dubida moito. Así que no curso non podía faltar un apartado que tratase sobre como expresar a hipótese. E non falta: neste novo tema abordarase esta cuestión.

E como a cousa vai de cine, no apartado de personaxes, ademais de Domingo Villar, estarán Nerea Barros e Luís Iglesia, dous recoñecidos actores galegos.

Para rematar, a unidade achega algúns lugares galegos que son de película. Só algún, porque todos non terían cabida en dez leccións. E, coma sempre, para pechar, a proba de lume, dez actividades de autoavaliación para comprobar se os coñecementos da lección están ben asimilados.

Acceso sinxelo

A todo isto accédese dun xeito ben sinxelo, e asemade gratuíto. Só hai que entrar á páxina web de La Voz e buscar o apartado do curso de galego. Se é o primeiro acceso, o programa pedirá un correo electrónico e un contrasinal. Máis nada. A partir de aí, o usuario poderá navegar pola unidade oito, pero tamén polas sete anteriores. Poderán así repasar os seus coñecementos de galego, pero tamén coñecer, de xeito ameno, algunhas cousas sobre Galicia que posiblemente descoñezan.

O curso que ofrecen La Voz e Política Lingüística, e que foi deseñado pola empresa Netex, ten dez unidades que comezaron a abrirse a finais de novembro e que van habilitándose, unha a unha, cada xoves. Unha vez que rematen as entregas, dentro de dúas semanas, as persoas que estudasen os seus contidos e que os dominen estarán en condicións de presentarse aos exames oficiais do Celga 3, que é o nivel que se traballa nesta proposta.