Luís Villares: «Agora síntome con forzas renovadas para repetir como candidato á Xunta»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Xoán A. Soler

O voceiro de En Marea Cre que as bases penalizaron que o sector crítico mirara para outro lado no caso Quinteiro e no conflito do censo

30 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non só gañou, senón que saíu fortalecido das primarias de En Marea, de tal xeito que xa non se poderá cuestionar o seu liderado no partido, como ata o de agora fixeron os críticos. Luís Villares Naveira (Lugo, 1978) sempre dixo que en En Marea non mandaban as cúpulas, que mandaban os inscritos, e os inscritos foron contundentes: o 60 % déronlle o seu apoio.

-Gañou o día en que pediu a dimisión de Paula Quinteiro?

-Penso que foi unha suma de factores, pero un dos compromisos que tiñamos era o da ética e houbo varios momentos nos que se puxo a proba, e a forma que tivemos de resolvelo, tanto naquel momento como agora, cando houbo xente non autorizada que entrou no censo, deu lugar a que a xente vise que hai dúas maneiras de entender os nosos propios principios. Nós pensamos que non podiamos pedir aos demais exemplo se nós non dabamos exemplo, e penso que iso foi valorado.

-Vai rachar En Marea?

-Eu espero que non, e non vexo ningún motivo ideolóxico ou político para ningunha ruptura. En Marea é un proxecto plural e diverso, e que haxa diversidade non pode ser motivo da ruptura porque xa partiamos de aí. Gustaríame que os críticos estivesen nos órganos de goberno, porque penso que a súa presenza enriquece e porque é un deber coas persoas que os votaron. A partir do día das eleccións ten que haber un só consello.

-Pois os críticos din que agora En Marea non é plural.

-O que propuxeron os críticos no plenario foi que a coordinadora fose monocolor, que a lista que máis votos sacase levase o cen por cento da coordinadora, e nós opuxémonos, eu opúxenme a iso e perdín, e pareceume unha pena e un empobrecemento porque lle restaba pluralidade. Logo, é moi contraditorio dicir que non hai pluralidade interna cando son as persoas que o denuncian as que aprobaron unhas normas que reducen a pluralidade interna dos órganos de dirección. No Consello das Mareas está todo o mundo na proporción que quixeron as persoas inscritas, que son as que máis mandan. E podemos chegar a acordos, debemos chegar a acordos.

-Non rachará, pero eles xa preguntaron no Parlamento como facer para ir ao grupo mixto.

-[Ri] A cultura xeral está ben, é positivo que a xente se informe, pero non creo que vaia máis alá.

-Din algúns que son vostedes nacionalistas de dereitas.

-Son etiquetas que non se constatan coa práctica política. Veño dunha manifestación reclamando mellor sanidade pública. Non é compatible con esas afirmacións que son moi pouco serias. A liña política do grupo está marcada polo conxunto dos parlamentarios. Eu pediría un pouco máis de rigor.

-Por que o rexeitan a vostede os alcaldes e as cúpulas?

-Creo que hai xente que non acabou de entender que o espazo político de En Marea era un espazo en formación que non estaba acabado. En Marea naceu como proxecto de adscrición individual para dar solución a un problema, que as persoas que non estaban nun partido político non tiñan dereitos políticos, persoas independentes coma min e outra moita xente. A forma coa que naceu solucionou ese problema, pero hai xente que non acaba de entendelo e segue a falar de coalicións de partidos, de xeito que os que non estamos aí debemos ser simples pegacarteis sen dereito para decidir o rumbo da organización, e iso non pode ser, iso é tempo do pasado. Todos temos cabida en igualdade de condicións, e esa é a razón pola que unha lista como a nosa levaba cinco militantes de Podemos, varios de Anova, xente das comisións obreiras, das mareas... Porque todos sumamos.

-Vese animado para repetir como candidato á Xunta?

-Teño moita ilusión, unha ilusión renovada por este resultado electoral. Ata o de agora cumpría un mandato sen saber se as decisións eran as correctas e agora percibo que os inscritos apoian o labor feito colectivamente. Agora síntome con forzas renovadas para repetir como candidato á Xunta e para seguir servindo a este proxecto.

-Con Podemos?

-Gustaríame que a cúpula de Podemos se sentise cómoda en En Marea. Digo a cúpula porque as bases xa vimos que si.

-Pensa que houbo xente de Podemos que lle votou a vostede?

-A xente de Podemos é maior de idade e pensa por si mesma, e a cúpula de Podemos ten que entender que os seus inscritos non son brazos de madeira que levantan a man cando un toca corneta, son xente con criterio propio, non necesitan mesías. A evidencia de que hai xente de Podemos que votou pola nosa candidatura é que nós levamos cinco persoas inscritas en Podemos. Nós non fixemos a lista pensando en competir cos partidos, fixémola para competir contra Feijoo, e para iso necesitamos a todo o mundo. Os partidos molláronse e iso foi un erro, En Marea é un espazo de convivencia.

-Teme a fuga de votos ao Bloque por mor destes conflitos?

-Non, porque os conflitos internos son inevitables, o que importa é como os resolvas, e nós resolvémolos con ética, e penso que iso a xente o vai apreciar.

-Pensa que o sector crítico errou por mirar para outro lado?

-Iso xa se viu no mes de maio cando fixemos o referendo interno [polo caso Quinteiro] e iso favoreceunos e penalizou á outra candidatura, sen dúbida.

-Os alcaldes vanse presentar de novo. Contarán co seu apoio?

-Que non coincida en todo con eles non significa que non sexan da miña confianza para esa responsabilidade. Teñen a miña confianza, á parte de que todos podemos cometer erros, tamén eles.

«A xente de Podemos é maior de idade e pensa por si mesma, non necesita mesías»

«Os alcaldes teñen a miña confianza, á parte de que todos podemos cometer erros, tamén eles»

«Escolleremos a fórmula política que nos permita ter grupo propio no Congreso»

As diferenzas cos críticos, e sobre todo con Podemos, deixan dúbidas sobre como configurar as candidaturas municipais.

-Cal vai ser o modelo electoral?

-Cada marea decidirá, e iso non está da man nin de Podemos, nin de Esquerda Unida, nin de Anova. De feito, o espazo máis rigoroso con todos eles foi En Marea, os únicos que non lle dixemos a ninguén como ten que ir.

-Podemos fala de coalición.

-É lexítimo, pero terá que preguntarlle ás outras partes como queren ir, terá que ser pactada no conxunto das mareas, isto non é unha suma de siglas.

-Ten relación con Gómez-Reino e con Pablo Iglesias?

-Hai unha relación correcta. Con Pablo Iglesias hai tempo que non falo, pero hai unha relación cordial, a raíz do nacemento dos seus fillos tivemos algún contacto pero agora hai tempo que non falamos.

-Respondeu Iglesias á súa crítica pola escasa visibilidade do grupo de En Marea no Congreso?

-Intentamos arranxalo con Iglesias e con Echenique antes de denuncialo publicamente, e seguimos descontentos con esa falta de visibilidade, e, se non se soluciona, en En Marea teremos que buscar alternativas para que nas vindeiras eleccións si sexa así. Non queremos enganar a ninguén, para nós o espazo de Unidos Podemos no Estado é fraterno e somos aliados estratéxicos e preferentes, pero ten que quedar moi claro que a relación ten que ser en pé de igualdade, nós non somos a sucursal de ninguén. Galicia é unha nación e nun contexto de plurinacionalidade ten que ter unha ferramenta capaz de facer valer os seus intereses no conxunto do Estado, e por iso naceu En Marea. O que esta dirección garante é que escolleremos a fórmula política que nos permita ter grupo propio. Vai haber grupo propio de En Marea.

-Ve factible a alianza para as europeas cos comúns, como propuxo Martiño Noriega?

-As europeas son un ámbito propicio para coalicións amplas con forzas políticas coas que compartimos valores, e compartímolos con Unidos Podemos, pero tamén con Compromís e tamén con Catalunya en Comú, por suposto. Debemos buscar acordos con toda a xente coa que compartimos valores? Eu penso que si. Unhas e outras son complementarias e non lle pecho a porta a ningunha. Pero iso si, o proxecto municipalista ten que ser compatible co proxecto de país, porque o municipalismo insírese nunha realidade nacional.