O fútbol que naceu en Irlanda pero botou raíces en Galicia

A segunda unidade do curso de lingua galega de La Voz de Galicia, dispoñible dende hoxe, está dedicada ao deporte e fai especial fincapé na expansión do fútbol gaélico

O deporte é o tema da nova unidade do curso de galego
O deporte é o tema da nova unidade do curso de galego

Santiago / la voz

Unha de cada cinco fichas de fútbol gaélico que hai na Europa continental son galegas. En Galicia, a liga federada está formada por 14 equipos masculinos e sete femininos. Hai arredor de 400 licenzas e máis do 90 % das persoas que xogan son galegas. Iso fai da nosa comunidade un caso particular dentro de Europa. Explícao Ángel Negrete, presidente da Asociación Galega de Fútbol Gaélico, que, casualidades da vida, naceu despois da primeira selección galega deste deporte, orixinario de Irlanda, que alí enche estadios equivalentes ao Camp Nou.

O fútbol gaélico é un dos protagonistas da segunda unidade do curso de lingua galega de La Voz de Galicia en colaboración con Política Lingüística, dedicada aos deportes, e que tamén dá conta desa particularidade galega, xa que é a única comunidade con liga federada e, ademais, mentres o habitual noutros lugares é que os equipos sexan de persoas emigradas de Irlanda aquí están integrados por poboación local, como tamén ocorre na Bretaña francesa.

O ano no que estourou a afección polo fútbol gaélico en Galicia foi o 2012. «O club Fillos de Breogán [o primeiro en Galicia, fundado no 2010] convidou a equipos bretóns e, no canto de facer un A Coruña-Lorient, decídese facer un Galicia-Bretaña». E moita xente comezou a descubrir este deporte, algo así, e simplificando moito, como unha mestura entre fútbol e rugby. «É un deporte diferente. Sempre chega xente cansa deses dous ou tres deportes maioritarios. E que haxa unha selección galega competindo a nivel internacional é algo que atrae». Pero Ángel Negrete subliña sobre todo que é un «deporte dinámico, moi vivo». E é obrigatorio ir tomar algo ao rematar.

Só hai que rexistrarse

Para poder seguir o curso de lingua galega que puxo en marcha La Voz, desenvolvido pola empresa Netex, hai que ser un usuario rexistrado, para o que só hai que empregar un enderezo de correo electrónico que, ademais, proporciona acceso aos servizos web de La Voz.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
26 votos
Comentarios

O fútbol que naceu en Irlanda pero botou raíces en Galicia