«Síntome totalmente decepcionada, hai políticos que non defenden as persoas»

s. serantes VIVEIRO / LA VOZ

GALICIA

María Jesús Vale, onte, en Xunqueira, o barrio da riada
María Jesús Vale, onte, en Xunqueira, o barrio da riada XAIME RAMALLAL

A concelleira renuncia ao seu cargo criticando ao PP de Lugo e á Xunta pola riada mortal de Viveiro

27 nov 2018 . Actualizado a las 13:16 h.

«Son unha persoa con principios, que defende os seus ideais», proclama María Jesús Vale na súa renuncia como concelleira do PP de Viveiro. Marcha «por iniciativa propia», recalca. Despois das riadas do día 18 en Viveiro, reitera as súas críticas pola «xestión» da Xunta e do PP provincial de Lugo. Ela viviu a máis dramática, no barrio de Xunqueira, onde ten a súa casa familiar: «Foi horrible. Non esquecerei a nenos de 12 anos berrando con súa nai no balcón para que os sacaran da casa nin o que lle pasou á nosa veciña Amparo, que morreu».

-Que lle reprocha á Xunta?

-Díxenllo á conselleira de Infraestruturas e ao delegado da Xunta en Lugo cando viñeron a Xunqueira. Parte da responsabilidade do que sucedeu é de Augas de Galicia. Certo que o tempo non axudou, pero os ríos non estaban limpos. Claro que co choveu ía haber riadas, pero se o río estivese limpo e dragado eran 40 centímetros menos que subía a auga.

-A conselleira declarou que os técnicos non detectaron obstáculos na canle do río e que unha maior limpeza non tería evitado o que sucedeu en Xunqueira.

-A conselleira di que acepta as críticas, pero ninguén recoñece a súa parte de culpa. Non se poden eludir todo tipo de responsabilidades, escudarse nun informe técnico, que é moi sinxelo. A nós, que nacemos e vivimos á beira do río, non poden virnos con que en setembro inspeccionaron o río e só viron herbáceas... Se as levan por diante as riadas! O mellor por todos os ríos, de Viveiro e de toda Galicia, é mantelos limpos, sacar as pedras que se acumulan nas canles e a maleza, ramas e troncos do arredor.

-Como está agora o barrio?

-Antonte, o Concello dragou e puxo sacos de area porque volveu chover bastante e, como o río en Xunqueira está cheo de pedras, con que subira 30 centímetros xa desbordaba. Como non se amañe canto antes, vai haber outra catástrofe, pero non vexo movemento ningún nin tampouco que arranxen a zona. Reivindico que o fagan canto antes porque isto vai a máis.

-Empezou de concelleira en setembro do 2014, substituíndo a César Aja, entón na oposición despois de ser alcalde 23 anos. En maio do 2015 foi de número catro na lista do PP e agora dimite «cunha gran decepción» e porque non se sente «motivada».

-Que quede claro que me vou eu, por iniciativa propia. Cando empecei tiven que aprender moitas cousas. Nestes catro anos vivín experiencias boas e malas. No último ano empecei a sentir decepción con determinadas xestións do PP de Lugo, coas que non estou nada de acordo. Despois do que pasou no meu barrio, síntome totalmente decepcionada. Como non teño ningún tipo de interese, só defender a xente, dou un paso atrás na política.

-Vai continuar no PP?

-Non o pensei. O que si teño claro é que non vou ir para outro partido. No PP din que respectan a miña decisión. Renuncio á miña acta e asistirei ao pleno no que se acepte a miña dimisión. Será o último. Aínda que deixe de ser concelleira, sempre axudarei no que poida.

-Cre que os políticos atenden os veciños como estes esperan?

-Hai políticos que defenden as persoas, pero outros defenden máis outros intereses que as persoas. Que conste que pasa en todos os partidos. Eu defendo os meus ideais e as persoas, por iso non vou dicir que en Viveiro non pasou nada e darlles a razón.

O delegado da Xunta na provincia di que non pode compartir as críticas da edil

A aínda edil popular María Jesús Vale comunicoulles aos seus compañeiros de Viveiro a súa renuncia, e di que no PP de Lugo estaban informados. José Manuel Balseiro, delegado territorial da Xunta na provincia lucense, «acepta e respecta» a dimisión e agradécelle «o seu traballo».

Aínda así, Balseiro di que non pode «compartir» as críticas de Vale á xestión de Augas de Galicia. Segundo a axencia Efe, alega que el non é «un técnico para dicir se o río estaba máis ou menos limpo». Igual que a conselleira de Infraestruturas, remitiuse aos informes técnicos: coa auga que caeu, 80 litros por metro cadrado en menos de dúas horas, a canle do Xunqueira non tiña capacidade para asumir ese caudal. Tamén repetiu outro argumento da conselleira, que a tromba de auga de Viveiro «pode pasar unha vez cada cincocentos anos».

Balseiro pon o acento en que a Xunta estivo «dende o primeiro momento ao lado dos afectados en Viveiro» e puxo «os medios necesarios» para restablecer a normalidade o antes posible. Destaca que foi «a primeira» que tivo «limpas» as estradas da súa titularidade e que cedeu os medios para colaborar. Na súa opinión, a xestión da Xunta durante a emerxencia foi a axeitada.

«Lamento o que pasou porque hai unha persoa que xa non está entre nós», engadiu pola muller que perdeu a vida na riada.

También en La Voz