Con este curso, adeus aos erros máis frecuentes que se cometen no galego

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

la voz

Ninguén nace aprendido. Así que á hora de avanzar no coñecemento dun idioma vanse puíndo incorreccións. No uso da lingua galega a maior parte -que non a meirande, confusión habitual- teñen que ver coas interferencias do castelán. Poden darse erros fonéticos, gramaticais, léxicos, sintácticos...

25 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Pronomes átonos mal colocados, uso incorrecto de certos tempos verbais, hiperenxebrismos... Son algúns dos erros máis habituais no uso da lingua galega. A profesora Conchi Armas explica que a maior parte dos erros teñen que ver con interferencias do castelán. Velaquí os que atopa habitualmente.

fonéticos

As vogais e o ene velar. Ás veces hai erros na diferenciación das vogais abertas e pechadas, como entre compre e cómpre. Tamén hai problemas para pronunciar o ene velar (o de unha) e para diferencialo do alveolar (o de non as vin). A acentuación de tempos verbais por influencia do castelán tamén soe conter error: faríamos no canto de fariamos ou estábamos por estabamos, por exemplo.

gramaticais

O uso dos pronomes. «O pronome átono é a estrela», di Conchi Armas. A súa colocación é o máis problemático: «lle digo» escóitase a cotío. Hai unha regra sen excepcións que, na práctica, é das que menos se aplica: o pronome átono nunca comeza unha frase. Tamén adoita haber confusións entre os pronomes che e te e, aínda que hai usos locais de teísmo e cheísmo, hai usos que se escapan, como «collinte o boli». Non poñer artigo a algúns topónimos que si o levan tamén é un erro habitual: non se pode dicir vivo en Coruña. A demais ten que contraer coa preposición: «Veño do Carballiño», non «veño de O Carballiño».

tempos verbais

Formas compostas. O que máis se ve é o uso de tempos compostos: «habíamos feito». Tamén adoita darse confusión entre o pretérito de subxuntivo e o antepretérito de indicativo -que rematan en -se ou -ra-. No castelán o tempo admite as dúas formas. En galego non. As rematadas en -ra son indicativas e as subxuntivas rematan en -se. Outro erro frecuente é poñer a preposición a na perífrase ir+ infinitivo («vou mirar se está», non «vou a mirar se está») e non usar a alternancia vocálica nos verbos que a teñen en galego: minto, mentes; durmo, dormes.

o xénero e o número

Nin «a leite» nin «os animales». É habitual ver error na adxudicación do xénero nalgúns substantivos, como «a leite» ou «a mel», e no nome das letras, que ten xénero masculino: «o gue, o be». Tamén hai erros na formación do plural por influencia do castelán, como dicir «os animales» e non «os animais». A economía da linguaxe oral tamén leva a dicir «vou ca miña nai» no canto de «vou coa miña nai».

léxico

«Pobo» non é vila. Existen tamén erros no uso do léxico e en boa medida teñen que ver con interferencias do castelán. Por exemplo, utilizar o termo pobo -conxunto de persoas que viven nun lugar determinado e teñen en común a lingua, as tradicións ou as institucións- para designar un núcleo habitado, que en galego é poboación. Tamén se confunde moitas veces estudio -dependencia da casa onde se traballa ou estuda- con estudo, que é o feito de estudar. Meirande, que en moitas ocasións se usa co significado de maior parte só se pode utilizar para designar que é máis grande: «a miña casa é meirande ca a túa». Habitación no é o mesmo que cuarto. O primeiro é o feito de habitar e o segundo é unha das partes da casa. Tamén se confunde derradeiro e último. Derradeiro só se pode usar como o último elemento dunha serie cando xa non pode haber máis. E un dos que máis se ven: desenrolo e non desenvolvemento: «Desenrolar só se pode facer cun rolo, o demais é desenvolver», explica Conchi Armas. Así que non pode haber un desenrolo económico. É un desenvolvemento económico.

hipergaleguismos

«Centro urbán» está mal. «Está estendidísimo. O alumnado chega á clase e din, pero se o vin nos sinais. Debería haber máis preocupación por esas cuestións». Ao que se refire Conchi Armas e ao uso, xa moi estendido, do adxectivo «urbán» e non a súa forma correcta: urbano. Algo semellante acontece con «humán». Ambas as dúas formas son o que se denomina hipergaleguismos ou hiperenxebrismos, termos que nacen do afán de diferenciación co castelán: primaveira por primavera, ou escea por escena.

castelanismos

Nin rodilla nin taquilla. Existe o fenómeno dos hipergaleguismos e o oposto, o dos castelanismos. Por exemplo, para ir mercar entradas vaise a un despacho de billetes, non a unha taquilla. Os problemas de menisco danse nos xeonllos, non nas rodillas, o caldo cómese con culler e non con cuchara e nas tendas pídese o talle, non a talla.

construcións erradas

O frío xa está feito. Existen tamén unha serie de construcións que están erradas. «Sempre dicimos que o frío non se fai, que xa está feito», di a profesora de lingua galega. Así que o correcto é dicir que vai frío, non que fai frío. Tamén hai un calco do francés, que é substantivo+a+ infinitivo, incorrecto: non se di traballo a facer, é traballo que hai que facer.

Como acceder ao curso

O curso de La Voz de Galicia e Política Lingüística é de carácter gratuíto, aínda que para poder acceder cómpre rexistrarse co correo electrónico no enderezo web  cursodegalego.lavozdegalicia.es