«Ademais de aprender a lingua, as persoas que sigan o curso aprenderán da sociedade»

Tamara Montero
Tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

ANGEL MANSO

Prado e Agra dirixiron o deseño do mellor método para aprender galego e, de paso, a cultura da comunidade

23 nov 2018 . Actualizado a las 11:24 h.

Ana Prado e Andreia Agra, da empresa Netex, son as coordinadoras do curso de galego de La Voz de Galicia en colaboración con Política Lingüística que xa está dispoñible para os usuarios rexistrados no enderezo cursodegalego.lavozdegalicia.es.

Pregunta. Este curso de lingua galega non é só un curso de lingua galega.

Ana Prado. Non, é un curso no que intentamos ver Galicia dende diferentes perspectivas. De feito, a colección chámase Galicia 360 porque o que intenta é amosar qué se fai en Galicia dende o punto de vista do emprendemento, da ciencia, do cine ou da moda. Intentamos dar unha visión de Galicia moi moderna, o que é na actualidade, unha Galicia que camiña cara adiante coa cabeza ben alta. A idea é que, ademais de aprender a lingua, as persoas que sigan este curso tamén poidan aprender da sociedade na que van vivir. Xa que están acreditándose para o Celga 3 hai cuestións culturais ou de como é a estrutura social que lles interesa coñecer.

P. Cal é o criterio pedagóxico?

Andreia Agra. Dende o punto de vista pedagóxico trabállanse as competencias oficiais que recoñece o Celga 3, pero sempre vinculándoas unhas con outras e vinculándoas tamén á realidade actual de Galicia, ou á tradicional, porque, por exemplo, fálase de Isaac Díaz Pardo na unidade de arte. Sempre tentamos vincular a actualidade co que xa levamos mamado como galegos.

P. Como se escolleron os temas de cada unidade?

A. P. A proposta fai un percorrido polos motores que moven Galicia, que áreas de interese queremos salientar cando unha persoa chega a Galicia ou mesmo dende Galicia, como o seu patrimonio natural. Pensamos que había que dedicar un á gastronomía porque é moi atraente para a xente de fóra, pero é patrimonio tamén noso. Pensamos na moda, dende logo en Inditex, pero hai outras empresas que tamén están facendo moda en Galicia. Os exemplos que poñemos son de pequenas empresas e novos negocios nos que hai talento e aposta polo ecoloxismo, por tinturas naturais... Intentamos dar un xiro de 360 graos polos motores económicos e o talento en Galicia. Está a literatura, por suposto, que iso xa é incuestionable, pero ten que aparecer tamén a música, e a arte.

P. Válense de elementos multimedia para transmitir os coñecementos.

A. P. É un enfoque multimedia e tamén interactivo, porque che permite ir aprendendo e comprobando o que aprendes. Por iso hai actividades de reforzo e de avaliación para o propio alumno. Ese é o camiño. Nós xa fixemos métodos de ensino de español para a universidade, e nos colexios actualmente hai uns 20.000 estudantes que están traballando con unidades dixitais feitas en Netex. Os dous autores, David Paz e Mercedes Pacheco, xa saben cómo pensar un método dixital.

P. O curso está orientado á preparación para o Celga 3, pero supoño que pode beneficiarse del moita outra xente

A. P. Eliximos o Celga 3 porque habilita competencialmente para ámbitos académicos e no traballo, é dicir, en ambientes nos que o galego é a lingua de uso. Parecíanos que neste nivel ía haber un maior número de interesados, xente que ten que habilitarse, como por exemplo un médico que ten que ter un nivel de coñecemento da lingua.

«Aprendemos falando de cousas como a moda sostible ou o fútbol gaélico»

É un curso de lingua, pero non é só un curso de lingua, porque con cada unidade abórdanse diferentes aspectos da sociedade galega ancorados na actualidade. E, ademais, os dez módulos dos que se compón esta iniciativa teñen en conta outros trazos alén da corrección lingüística, a ensinanza cultural ou a adquisición de competencias en galego. O curso coida moito tamén os aspectos que teñen que ver coa igualdade.

A. A. É unha vertente que sempre temos nos proxectos e tamén agora, porque, aínda que sabemos que isto está enfocado para o Celga 3, van entrar todo tipo de persoas, tamén adolescentes. Así que tivemos bastante en conta esa perspectiva de xénero, que non houbese exemplos estereotipados, porque ao final todos estamos nesta sociedade e sáennos este tipo de clixés naturalmente. Temos unha validadora boa nese sentido, que sempre nos busca as cóxegas, e, por poñer un exemplo, na unidade dúas, que trata os deportes, non falamos do fútbol, porque a igualdade son moitas cousas e, por exemplo, hai que destacar deportes minoritarios, moda sostible... Así que falamos de fútbol gaélico, porque Galicia é moi forte nese deporte e ademais é feminino, gañan as mulleres. Está feito á mantenta.

Lido e feito! A primeira parte das unidades traballa a comprensión escrita e oral a través de textos e vídeos ou gravacións sonoras dos personaxes Paulo e Sabela.

Debullando a lingua. A gramática ten un espazo específico en cada unha das unidades, aínda que nunca se deixa de traballar ningunha das competencias. 

Con boa letra. Este apartado traballa a expresión escrita das persoas usuarias coa mesma dinámica de mesturala con temas sociais e outras competencias.

Con voz propia. De temática máis libre, o último apartado antes da autoavaliación traballa con persoeiros ou con algunha realidade concreta de Galicia.