Como familiarizarse co galego científico con Jorge Mira

La Voz

GALICIA

A ciencia é a protagonista da primeira entrega deste curso

22 nov 2018 . Actualizado a las 13:13 h.

O bilingüismo protexe a nosa saúde. É un dos textos que compoñen o libro A ciencia no punto de mira, escrito polo catedrático de Física da Universidade de Santiago e divulgador científico Jorge Mira. É tamén o texto que serve de base para a primeira actividade da primeira unidade do curso de lingua galega que dende hoxe ofrece La Voz en colaboración con Política Lingüística, e que permite aos participantes ver se son quen de comprender correctamente o texto e extraer as ideas chave.

A primeira unidade do curso ten como tema central a ciencia galega e a ciencia en galego. A través de diferentes textos e actividades, os usuarios poderán aprender a comprender e redactar textos científicos, afondar en termos científicos, coñecer investigadoras e investigadores galegos, saber como expresar estados de ánimo e describir o carácter das persoas, entre outras competencias.

O curso combina textos de colaboradores de La Voz con exercicios prácticos e mesmo vídeos, como fragmentos dun curso de galego. O ámbito da gramática estará centrado nesta ocasión no substantivo. A través do diálogo entre Sabela e Paulo sobre as súas respectivas fins de semana, as persoas que participan no curso poderán coñecer diferentes substantivos colectivos e os seus significados, así como a formación do plural dos substantivos compostos e aprender substantivos con oposición de xénero que implica un cambio de significado. Paulo e Sabela tamén serán os guías da actividade na que se aprende a expresar estados de ánimo.

Tamén hai a oportunidade de coñecer un pouco máis a Jorge Mira, que fai de anfitrión nesta primeira unidade, e afondar no programa ConCiencia, que trae a Galicia a premios Nobel para que acheguen ao gran público a súa actividade científica, así como viaxar, aínda que sexa de xeito virtual, pola reserva da biosfera de Lugo.

Cada unha das partes nas que se divide o módulo está acompañada de actividades autoavaliables para comprobar os coñecementos adquiridos e ao final da unidade hai un repaso xeral, a coñecida como proba de lume.