Antón Gómez-Reino: «O debate da autodeterminación non está enriba da mesa agora en Galicia»

Susana Luaña Louzao
Susana Luaña SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Marcos Míguez

Irá hoxe ao plenario de En Marea para defender que Podemos «ten un papel fundamental» na unidade popular

27 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Antón Gómez-Reino (A Coruña, 1980) non cre que gañara as primarias de Podemos Galicia por ser o candidato de Pablo Iglesias. «Quen gañou foi Podemos Galicia», sostén. Pero si achega unha clave que considera que foi vital na súa campaña: «Unidade, unidade, unidade».

-Bescansa vén de anunciar que deixa a súa acta de deputada. Que pensa ao respecto?

-Hai decisións que son estritamente do ámbito persoal, e eu son absolutamente respectuoso. Carolina é unha compañeira e estou convencido de que, desde o día a día, ou desde fóra, saberá achegar a Podemos e ao espazo de cambio.

-Hai dúas maneiras de entender Podemos en Galicia?

-Nós agora temos unha visión de futuro e non teño ningunha dúbida de que a partir de agora imos traballar cun obxectivo común, xa non se vai falar de listas.

-Terá autonomía Podemos Galicia ou estará ao ditado de Iglesias?

-Queremos un Podemos Galicia autónomo que se pareza a este país, que temos que construír desde aquí, pero temos que chegar a acordos de forma fraterna con resto do Estado, e Podemos a nivel estatal defende a plurinacionalidade.

-Estará no plenario de En Marea?

-Si, estarei.

-Que papel quere xogar Podemos dentro de En Marea?

-Podemos ten que ter un papel fundamental nas alianzas que hai que construír para ter maiorías sociais, pero errariamos se nos damos sistematicamente na pedra das fórmulas xurídicas.

-Os inscritos votaron que preferían ir en coalición, preservando a marca Podemos e non coma ata agora.

-Vexo ben a fórmula da coalición cos nosos aliados; máis alá diso, é un erro se sistematicamente estamos a falar de fórmulas xurídicas. Temos que preocuparnos das cousas que lle preocupan á cidadanía e ser quen de construír maiorías que despracen ao PP.

-Que relación ten con Villares?

-Teño unha relación moi cordial, dialogamos como voceiros, no meu caso do Congreso e no seu do Parlamento de Galicia. Mandou un saúdo cordial desde as redes sociais e a partir de agora hai que buscar as mellores fórmulas para traballar conxuntamente.

-Aproba o seu traballo político?

-Está a facer un bo traballo como voceiro no Parlamento.

-O goberno da Coruña escúdase na boa vontade para xustificar o que pasou cos pisos ou co concurso que premiaba non ser heterosexual. A boa vontade xustifícao todo?

-A Marea Atlántica está facendo un magnífico labor. É un goberno de corrupción cero, coma todos os das mareas. Pero en política hai erros porque todos somos humanos, e hai que recoñecelos, resolvelos e seguir adiante.

-Como valora vostede o traballo dos tres alcaldes das mareas?

-Xulio, Martiño e Jorge son un referente non só no país, son unha referencia a nivel do Estado. É o espazo que máis cidades goberna. O seu traballo é complexo, pero están levando as cidades a un escenario diferente, de corrupción cero, onde as persoas contan e as políticas públicas están no centro, e iso hai que consolidalo no 2019.

-Como ve o conflito catalán?

-Os problemas políticos hai que resolvelos politicamente e en democracia a responsabilidade dos líderes políticos é saber dialogar deixando fóra da axenda pública a tensión. Hai que normalizar a situación en Cataluña e camiñar cara a un escenario de democratización da sociedade catalá. Quen fai o contrario creo que o fai por intereses políticos e electorais.

-Albisca un horizonte de autodeterminación en Galicia?

-É evidente que en Galicia ese debate non está agora enriba da mesa. É un debate que hai que abrir de forma mesurada no conxunto do Estado e falar tanto do modelo territorial como da reforma constitucional.