Carmen Santos: «Como pode Antón Gómez-Reino falar das bases se nunca pisou un círculo?»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Xoán A. Soler

Cre que Bescansa pode botar ao PP e teme que o candidato non respecte a decisión das bases, e dilúa Podemos nas mareas

06 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos últimos días Carmen Santos sorprendeu anunciando que non se presentaba de novo á secretaría xeral de Podemos Galicia, e logo volveu sorprender anunciando o seu apoio á candidatura de Carolina Bescansa.

-Rematou o ciclo de Carmen Santos na dirección de Podemos?

-Non creo que sexa bo que un se afinque aos cargos orgánicos cando hai retos tan importantes por diante. Eu síntome moi querida polas bases de Podemos e polos inscritos, aínda que é imposible que todo o mundo estea de acordo en como fas as cousas. Supoño que ás veces é necesario, non dar un paso atrás, pero si resituarte onde podes ser máis útil para o obxectivo que queremos conseguir, que é o cambio e rematar coas políticas de Feijoo.

-Séntese apoiada pola dirección?

-Eu creo que quen me apoia son os inscritos, que son os que votan e os que deciden. Eu percorrín toda Galicia e nas redes sociais pódese ver onde estivo Carmen Santos e con quen, e en onde non estiveron outros. Ese é o respaldo da dirección estatal. Respecta o que din os inscritos en Galicia? Pablo Iglesias sempre repite que quen manda en Podemos son os inscritos. Sempre, en cada consulta que lancei, os inscritos votaron apoiando á secretaria xeral.

-Pero é certo que os círculos pediron a convocatoria da asemblea autonómica porque non estaban de acordo coa xestión da dirección en Galicia.

-Pero non a maioría dos círculos, por iso non se tivo en conta. Unha cousa é facer unha petición e outra que se cumpra o quórum. Pero como pode falar das bases Gómez-Reino se nunca pisou un círculo? Só foi unha vez no último ano, que a min me conste, na Coruña...

-Pensa que se gaña Gómez-Reino podería non respectarse o que votaron os inscritos, que se manteña a marca de Podemos nas eleccións?

-Unha cousa que ten clara a dirección saínte é que a única garantía de que se respecte a vontade dos inscritos é que sexa a secretaria xeral Carolina Bescansa, e así poder construír un proxecto alternativo ao PP en Galicia. Esa foi a razón de propor a Bescansa para a dirección, porque xa todos nos coñecemos e sabemos a bagaxe de cadaquén, onde estivo Carolina Bescansa nas negociacións e onde estivo Gómez-Reino. Para que non se tomen as decisións desde a estrutura estatal a única maneira é que unha persoa que cre de verdade na plurinacionalidade e a leve á práctica sexa quen estea na cabeza.

-Hai unha contradición. Se Gómez-Reino é partidario de que Podemos se dilúa en En Marea, como é que Iglesias o apoia?

-Pablo Iglesias xa sabe o que votaron os inscritos de Podemos, votaron maioritariamente unha coalición, que non diluír a Podemos nas mareas, e votaron máis de seis mil persoas. Carolina Bescansa defendeu esa posición aquí en Galicia e Gómez-Reino defendeu a disolución de Podemos. Non é o que queira Carmen Santos, é o que votaron os inscritos.

-Como cre que sentará en En Marea que Gómez-Reino diga que Podemos ten que liderar En Marea?

-Hai un cambio de discurso tan notable que sorprende a calquera que lea a prensa. Bendita hemeroteca! En En Marea poderán sacar as súas conclusións, como todos os cidadáns, todos os inscritos e todos os galegos.

-Pensa que ese cambio de discurso é electoral?

-As bases de Podemos coñecen a Gómez-Reino e coñecen o seu proxecto político. Deixouno moi claro no 2016, cando defendeu o contrario do que votaron os inscritos.

«O escano en Madrid téñeno os dous candidatos, pero ela está acotío en Galicia»

Carmen Santos nega que Bescansa pense dirixir Podemos Galicia desde Madrid.

-O escano en Madrid téñeno os dous, Gómez-Reino e Bescansa. Pero ela está acotío en Galicia, máis ca el, por iso ten ese cariño da xente e das bases. Non vai dirixir o partido desde Madrid, o que dixo é que as decisións importantes para Galicia se toman no Estado, na UE e aquí, en Galicia, e o que hai que ter é o poder de influencia para situar a Galicia no mapa, e Podemos Galicia foi trending topic a nivel estatal varias veces desde que ela se postulou. Iso é bo para os galegos.

-Houbo un acordo Bescansa- Errejón para derrocar a Iglesias?

-Ela xa se explicou, cando chegan as asembleas cidadás todo o mundo ten dereito a presentar proxectos alternativos, que para iso hai primarias. O que non pode é falar Gómez-Reino de conspiracións cando el participou dunha dimisión en bloque para destituír a Breogán Rioboo. Non ten autoridade moral. Pero eu apoiei a Pablo Iglesias en Vistalegre II e validei a súa lista, e Gómez-Reino non participou nin apoiou a Iglesias, iso tamén é historia e hemeroteca.

-Hai quen di que isto é unha vinganza súa e de Bescansa.

-Iso é esperpéntico. Todo o mundo sabe que eu levo dous anos e medio defendendo a Pablo Iglesias porque é o secretario xeral. Non hai dúbida ningunha de onde está Carmen Santos. Pero nós agora estamos pensando en liderar un proxecto de cambio en contraposición ao PP. A nosa vontade é construír unha alternativa que convenza aos galegos, porque este país necesita algo distinto a Núñez Feijoo.

-Lamenta que Iglesias non fose neutral e apoie a Gómez-Reino?

-Habería que preguntarllo a el.

-Cambiou vostede nestes anos?

-Quen me coñece di que non cambiei, que sigo a ser a mesma.