Carolina Bescansa: «Pablo Iglesias propúxome nas xerais que fora de número un pola Coruña»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

XOAN A. SOLER

Pensa que todos os axentes de En Marea teñen un obxectivo: botar a Feijoo, e, con ese fin, ela quere sentar con todos eles

04 oct 2018 . Actualizado a las 10:44 h.

A Carolina Bescansa (Santiago, 1971) agárdanlle semanas a cabalo entre Madrid, onde vive e onde é deputada de Podemos, e Galicia, onde fará campaña á secretaría xeral de Podemos Galicia, á que finalmente decidiu presentarse malia as críticas de Pablo Iglesias, que se mostrou sorprendido pola decisión da compostelá cando ela leva «veinte años en Madrid», dixo o líder do partido morado.

-Pablo Iglesias criticou que agora queira volver a Galicia. Non obstante, el ofreceulle noutra ocasión estar nas listaxes galegas, non foi así?

-Eu non quero entrar en polémica por estas cousas, pero o certo é que cando concorremos ás eleccións xerais no 2015 e fixemos as listaxes é verdade que Pablo Iglesias me propuxo que fora de número un pola Coruña, e finalmente decidimos entre todos que fora de número dous por Madrid. Pero si, esa foi a súa proposta. Iso por parte de Pablo; logo, por parte da xente de Galicia, en todos os procesos internos de Galicia tiven moitas chamadas de Carmen Santos e de moita máis xente para que presentara a miña candidatura á secretaría xeral, e agora, polo feito de ser unha chamada unánime da dirección de Galicia e nunha situación na que penso que eu podo axudar, pois decidín dar o paso.

-Pensa que Iglesias recoñecerá o seu triunfo se vostede gaña a secretaría xeral?

-Isto ten que ver con Podemos Galicia e vaise resolver en Galicia, e penso que iso non ten relevancia neste proceso.

-Pero el é o secretario xeral; o que pense será relevante, non?

-Por suposto que é relevante, pero do que temos que falar é do proxecto para Galicia e para España, non temos que falar de asuntos persoais que xeran contaminación, e non vou entrar nun debate dese tipo.

-Arrepíntese da proposta con Errejón para derrocar a Iglesias?

-Eu non fixen ningunha proposta para derrocar a Iglesias e non teño nada do que arrepentirme. Houbo unha filtración dun documento de xente do meu equipo que cría que era boa idea, pensando en Vistalegre III, facer unha candidatura alternativa á oficial. Era unha proposta que eu non tiña validada porque penso que estaba fóra de lugar, pero non tiña nada de conspiración, o que propoñía era un escenario a moitos anos vista. O que sinto tantísimo é que se teña transmitido esa imaxe e non se teña combatido, porque a miña lealdade co cambio político en España está acreditada e toda esa campaña de desprestixio penso que non a merezo. Nunca pedín estar nas listaxes da asemblea de Madrid, foi Íñigo Errejón quen me chamou para que fora de número dous, polo que lle dou as grazas, aínda que tardei menos de 48 horas en rexeitar a oferta. Eu non participo en conspiracións; cando non estou de acordo con algo, dígoo, e dígoo sempre á cara, teña as consecuencias que teña.

-Como ve as relacións con En Marea de cara aos vindeiros acordos electorais?

-O máis importante é que clarifiquemos cal é a nosa posición de cara á transformación do modelo produtivo de Galicia, de cara á transición enerxética, á modificación das condicións do mercado de traballo e como imos afrontar a situación dos autónomos. Facer unha ruta de goberno para Galicia, esa ten que ser a prioridade e o primeiro punto a debater en todas as reunións. Logo, a forma xurídica, a táctica que vaiamos levar a cabo para acadar ese obxectivo, é outra cousa diferente. Galicia leva moito tempo sufrindo o goberno do PP e esta última etapa de Feijoo ten sido durísima en recortes de dereitos sociais, de falta de posibilidades de conciliación, de deterioro das condicións da vida da xente e da imposibilidade para conter a marea granate de xente que segue saíndo de Galicia. Iso ten que parar, e ten que parar cun proxecto de país que transforme de xeito estable a economía e o sistema político galego.

-O que vostede chama táctica é o que a eles os teñen divididos.

-Estou convencida, porque coñezo aos actores principais deste proceso e téñolles moita estima a todos eles. Este obxectivo é común e compartido por todos, e se non comezamos a falar da modificación do sistema produtivo galego no primeiro punto do debate cando logremos gañar o goberno da Xunta para a xente, entón é que imos errados.

-O día 25 saberase se sae elixida secretaria xeral e dous días despois vai ser o plenario de En Marea. Pensa ir?

-Claro, por suposto.

-E logo En Marea terá tamén as súas primarias. Vostede vese como líder de En Marea?

-Temos que facer un debate estes días no conxunto da candidatura, que aínda non está completamente conformada, para decidir cal é a nosa estratexia de algo que está á volta de esquina, pero penso que temos que falar non só dentro de Podemos, senón tamén cos nosos aliados.

-Entre ese aliados tamén xurdiron diferenzas por Cataluña. En que posición se sitúa vostede?

-Respaldo o dereito a decidir en Cataluña, pero outra cousa é o proceso como se ten desenvolvido no último ano en Cataluña, que non ten que ver co dereito a decidir, senón cunha posición unilateral. No conxunto de España o que temos que facer é impulsar un proceso de cambio constitucional e poñer en marcha unha nova definición da estrutura territorial de España, como única posibilidade para resolver non só o problema territorial de Cataluña, senón o problema territorial no conxunto do país.

-Coñecía a Paula Quinteiro?

-Estou ao tanto, pero ese debate ten pouco que ver co que estamos a falar, corremos un risco permanente de banalización da política.

-Fixo ben Merlo en dimitir?

-O compromiso ético dos inscritos di que o currículum vitae ten que ser real, e, se non é así, é unha obriga presentar a dimisión. Penso que fixo o correcto e espero que os demais fagan o correcto tamén. 

Errejón soubo pola prensa da decisión de Bescansa

Nunha entrevista en La Sexta, Íñigo Errejón asegurou que soubera polos medios de comunicación da decisión de Carolina Bescansa de concorrer á secretaría xeral de Podemos Galicia. «Tendrán que ser los militantes en Galicia los que decidan quién les parece mejor para ponerse al frente, yo estoy volcado en la Comunidad de Madrid», dixo o candidato de Podemos para dita comunidade.

«En Podemos non sobra ninguén, aínda falta moita xente por chegar»

É ambiciosa, e non o disimula. Xa non fala só da secretaría xeral de Podemos Galicia ou das municipais, fala ata de botar a Feijoo da Xunta.

-Feijoo ten a única maioría absoluta de España. A que cre que se debe?

-Que puidese acontecer a maioría de Feijoo cando se vivía unha grande vaga de cambio ten que ver coa propia historia política e electoral de Galicia, pero tamén penso que estivemos moi preto, moi pretiño de acadar ese cambio. Ese paso penso que estamos en condicións de dalo agora, coa experiencia dos gobernos do cambio, e co desastroso resultado destes catro anos de Feijoo ese cambio está xa á volta da esquina.

«A dignificación da vida da xente nas cidades das mareas é evidente, síntome moi orgullosa»

-Aproba logo a xestión dos alcaldes das mareas?

-Creo que a dignificación das condicións da vida da xente é máis que evidente, non hai máis que falar coa xente de Santiago e coa da Coruña e estar ao tanto do cambio que se ten feito en termos de apoio social á xente que está nunha situación máis vulnerable. É unha cousa espectacular e realmente síntome moi orgullosa.

-Vostede vese como a primeira presidenta da Xunta de Galicia?

-Aínda estamos moi lonxe diso, a non ser que Feijoo queira adiantar as eleccións e medilo... Oxalá! Os nosos procesos internos o que din é que esa disputa faise con primarias. Con todo e con iso, estou segura de que podo e quero axudar, e o posto que teña nese momento decidirao a xente. Eu o que quero é botar a Feijoo da Xunta, que o teñan seguro todos os inscritos e todos os galegos.

-Contaría con Gómez-Reino en caso de gañar?

-Por suposto que vou integrar a toda a xente de Podemos Galicia porque en Podemos non sobra ninguén; ao contrario, aínda falta moita xente por chegar.